CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas CRTVG

O apoio ao pequeno comercio, entre as prioridades das corporacións agrupadas en FORTA

10/11/2020

Os servizos audiovisuais públicos autonómicos lanzan iniciativas e campañas para ofrecer a súa axuda aos empresarios locais nun momento complicado para todos

A TVG ofrece a sección ‘Gran Ganga’ dentro do espazo ‘Que nos pille rebolando!’ e lanzou un anuncio específico para contribuír a reactivar este sector

O apoio ao pequeno comercio, entre as prioridades das corporacións agrupadas en FORTA

Santiago, 10.11.2020.-    Os pequenos comercios, o comercio local, é un dos sectores máis castigados pola pandemia mundial. As consecuencias económicas da Covid-19 son cada vez máis visibles e preocupantes para todos, pero a quen máis dano lles fai é ás pemes. Ante esta situación, as radiotelevisións membros da Federación de Oganismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) puxeron en marcha unha serie de accións buscando axudar o pequeno comercio.

Para isto, as corporacións emiten diferentes tipos de programas cuxo obxectivo é apoiar o comercio local e transmitirlle á sociedade a importancia de axudalo. Así, Aragón TV estreou en setembro o reality de reformas ‘Escapárate’, en que dous expertos en decoración afrontan cada semana o reto de conseguir o escaparate máis atractivo, achegando os espectadores á realidade dos autónomos e pequenos empresarios. Este mesmo concurso, formato orixinal da Televisión de Galicia, emitiuse este verano na canle galega.

Actualmente, a TVG emite dentro do espazo ‘Que nos pille rebolando!’ a sección ‘Gran Ganga’, cuxo premio son 100 euros para gastar nun comercio local, e o programa ‘Vivir Aquí’ inclúe pezas sobre pequenos establecementos comerciais.

O apoio de Castilla-La Mancha Media ao comercio local viuse fortalecido a través de programas como ‘Ancha es Castilla-La Mancha’, que lles dá voz aos protagonistas, ofrecendo datos sobre a súa situación e tratando de trasladarlle á poboación os problemas de diferentes sectores.

A programación de Euskal Telebista inclúe o programa ‘A Bocados’, en que se presentan diariamente hostaleiros, restauradores, horticultores, gandeiros, provedores e comercios relacionados coa gastronomía; o espazo ‘Txoriene’, baseado na filosofía de km 0 e na importancia do produto de proximidade, e ‘The Basque Route’, que visita comercios locais e lles amosa aos espectadores os seus produtos.

O Ente Público de Radiotelevisión de las Illes Balears tamén incrementou os contidos relacionados coa promoción do pequeno comercio e o consumo de produto local e de km 0. Exemplo disto son os programas de IB3 TelevisióUep! Com anam?’ e ‘Fred i Calent’, con contidos relacionados coa gastronomía, a gandería e a agricultura e en favor do consumo de produto local e da industria primaria das illas.

Pola súa parte, o informativo comarcal de À Punt, ‘NTC Comarques’, ten como principal obxectivo incrementar a información de proximidade, apoiando así o comercio local.

Campaña de comunicación #Apoiémonos/#Apoiémolos

As autonómicas tamén están lanzando campañas de comunicación coas que buscan darlle visibilidade ao pequeno comercio. Telemadrid e Onda Madrid, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Competitividade da Comunidade de Madrid, ofrecéronlles campañas gratuítas de publicidade aos negocios que máis sufriron os estragos da Covid-19, sumando esforzos para axudar os pequenos empresarios e autónomos. Con este fin, facilitaron de balde acceso aos seus espazos publicitarios, así como a produción dos anuncios nunhas condicións vantaxosas.

A Televisión de Galicia lanzou un anuncio específico para axudar a reactivar o pequeno comercio: #Apoiémonos/#Apoiémolos, baixo o paraugas da campaña xeral #Coidémonos, porque consumir produtos de tendas e negocios locais é outro xeito de coidarnos uns a outros.

Ademais, desde Canal Sur realizouse a campaña de apoio ao comercio local ‘Canal Sur compromiso con Andalucía’, realizada en radio, televisión, páxina web e redes e que foi recollida tamén en informativos e programas.

A incondicional radio

Na Radio Galega, os dous magazines principais, ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’, fan seguimento da recuperación do comercio local, a través de reportaxes e entrevistas. Ademais, desde ‘Pensando en Ti’, o programa das noites, contactan cos negocios abertos de madrugada e emiten relatos e testemuños en directo dos seus propietarios e traballadores.

Os programas ‘Al Día’ y ‘Múltiplex’, de IB Ràdio, ofrecen entrevistas para reforzar a difusión do momento que están a vivir os empresarios do pequeno e mediano comercio e da actual situación do tecido empresarial das Illas Baleares.

ler máis

En rodaxe a próxima serie da TVG 'Método criminal', unha comedia negra co narcotráfico como tema de fondo

09/11/2020

Luís Iglesia e Miguel Canalejo encabezan o elenco desta ficción, dirixida por Jorge Saavedra, que verá a luz na Televisión de Galicia dentro duns meses

En rodaxe a próxima serie da TVG 'Método criminal', unha comedia negra co narcotráfico como tema de fondo

Santiago, 9.11.2020.-  Inmersa en pleno proceso de gravación, xa falta menos para poder ver  'Método criminal', a nova serie de ficción da Televisión de Galicia, que dará que falar este próximo inverno. Unha comedia negra, co narcotráfico como tema de fondo, dirixida por Jorge Saavedra e producida por Voz Audiovisual para a TVG, con Luís Iglesia e Miguel Canalejo como protagonistas.

En 'Método criminal', os espectadores atoparanse cun criminal, que non quere selo; cun actor en horas baixas, ante o posible papel da súa vida; unha filla que só entende a rebeldía se é subvencionada; unha policía con talento para moverse fóra da lei, e con narcos dos de verdade e con outros narcos dos de rirse deles. Case nada.

O punto de partida desta comedia negra acontece cando Damián Canosa ten que facerse cargo do negocio ilegal da familia: o narcotráfico. Pero el non sabe nada do negocio, polo que non lle queda máis remedio que buscar axuda. Ten que atopar alguén que lle poida ensinar a ser un líder temido, respectado. Alguén carismático, un tipo deses que cando entra nun bar todo o mundo cala. Alguén como... Carmelo Matalobos! O problema é que non existe, el é un personaxe de ficción. Entón terá que conformarse con Luís Iglesia, o actor que lle deu vida. Se foi quen de construír a personaxe, será quen de ensinarlle a ser tan bravo como Carmelo.

Luís Iglesia encabeza con Miguel Canalejo o elenco de 'Método criminal', que integran intérpretes como María Roja, David Seijo, Sabela Arán, Alberto Rolán, Mara Sánchez, Adrián Castiñeiras, Susana Sampedro, Miguel Borines, Lidia Veiga, Carlos Villarino, Paloma Otero, Neves Rodríguez ou Mariana Expósito, entre outros.

ler máis

A CRTVG obtén os indicadores ARDÁN Empresa Igual en Xénero e Empresa Global de 2020 como unha das mellores de Galicia nestes eidos

03/11/2020

A Zona Franca de Vigo comunicou que a Corporación entra así no “selecto 5% de empresas” galegas que acadan os criterios para ter estes distintivos

A CRTVG obtén os indicadores ARDÁN Empresa Igual en Xénero e Empresa Global de 2020 como unha das mellores de Galicia nestes eidos

Santiago, 03.11.2020.-   A CRTVG acaba de recibir as acreditacións que a recoñecen como Empresa Igual en Xénero 2020 e Empresa Global 2020, indicadores dos informes publicados recentemente por ARDÁN, o servizo de información empresarial desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e que se publican anualmente.

Os medios públicos galegos atópanse entre “o selecto 5% de empresas que alcanza os criterios para obter algún destes distintivos”, segundo distingue a entidade emisora, e que destacan “polas súas competencias diferenciais que as fan máis dinámicas, con alta capacidade de resposta e adaptación ás esixencias do mercado”.  Tamén, “por favorecer a competitividade global da nosa rexión e a creación de emprego e riqueza”.

As empresas globais son “aquelas que presentan valores elevados  en magnitudes directamente relacionadas co proceso de internacionalización”, o que no caso da CRTVG se expresa no seu labor de internacionalización dos produtos audiovisuais galegos coas vendas a mercados estranxeiros das ficcións feitas en Galicia e por galegos e a súa penetración no mercado a través das canles internacionais e as dixitais. O investimento no talento galego fai posible o desenvolvemento desas empresas e que as producións galegas, e con elas a lingua galega, viaxen a outros países e mesmo ás plataformas dixitais de consumo internacional. Son exemplo disto, entre outras, “O sabor das margaridas”, actualmente en Netflix, ou ‘Serramoura’, que foi vendida a canles de Rusia e dos Estados Unidos, e o thriller ‘Auga Seca’, dispoñible en HBO.
        
A CRTVG, coa igualdade

O indicador Empresa Igual en Xénero 2020 recoñece as empresas con altos valores de igualdade desde unha perspectiva de xénero no eido laboral medida en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións.

A CRTVG repite en 2020 a distinción que xa acadara en 2019 como Empresa Igual en Xénero. Desde a CRTVG difúndese o máximo respecto á igualdade entre homes e mulleres, tanto na programación coma nas políticas de recursos humanos. As campañas de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG #AcciónsG teñen a igualdade de xénero como un eixe transversal.

Os informes elabóranse a partir dunha enquisa dirixida a compañías que forman parte da base de datos ARDÁN e a medición para obter os indicadores baséase en metodoloxías deseñadas e actualizadas en colaboración con grupos de investigación da Universidade de Vigo.

ler máis

A TVG impulsa a difusión da música galega coa segunda temporada de 'Os Cantos Rolados'

03/11/2020

O programa, que revisa a situación actual de todo tipo de estilos musicais do país, poderá verse os mércores ás 23.30 h na G2 e os sábados ás 10.40 h na primeira canle

Dadas as circunstancias da pandemia, o espazo presentado por Antonio Novo ‘Tucho’ foi rodado maiormente en exteriores e tivo un carácter itinerante para coñecer de primeira man os artistas e as súas creacións

A TVG impulsa a difusión da música galega coa segunda temporada de 'Os Cantos Rolados'

Santiago, 03.11.2020.-    Nestes tempos tan complicados para a música, a Televisión de Galicia contribúe á súa difusión impulsando a segunda temporada de ‘Os Cantos Rolados’, o programa que revisa a situación actual de todo tipo de músicas no país e que se poderá ver os mércores ás 23.30 h na G2 e os sábados ás 10.40 h a través da primeira canle.

Dadas as circunstancias da pandemia, esta segunda temporada foi rodada maiormente en exteriores e tivo un carácter itinerante: o equipo de rodaxe da produtora especializada en contidos musicais Casa de Tolos desprazouse ás localidades dos grupos e artistas participantes para coñecer de primeira man os artistas e as súas creacións.

Nesta segunda tempada de ‘Os Cantos Rolados’, presentada novamente polo músico Antonio Novo Suárez ‘Tucho’, está feita con artistas galegos, ben de nacemento ou ben asentados en Galicia, e sempre con música en rigoroso directo. Ao longo de dez entregas, os espectadores poderán coñecer artistas emerxentes como Dani, Cora Velasco, Ortiga ou Pablo Lesuit, así como lendas vivas da música como The Killer Barbies, Skacha, Zenzar, The Soul Jacket ou mesmo Miguel Costas. No programa desta noite intervirán os grupos Los Fabulosos Weekend, Pölinsong e Inmaculate Fools.

ler máis

Televisión de Galicia é a canle que máis medra en audiencia no mes de outubro

02/11/2020

Acadou un 10,1% de cota no conxunto do día e un 10,9% no prime time

A Galega é a canle máis vista entre a xente nova de 13 a 24 anos, cunha cota de pantalla do 13,5% e o seguinte competidor, Tele5, acada un 10% nesa franxa

No eido dixital, consolídase a aposta informativa de g24.gal nas redes sociais, con notables incrementos tanto en Facebook como en Instagram

Televisión de Galicia é a canle que máis medra en audiencia no mes de outubro

Santiago, 02.11.2020.-   A Televisión de Galicia é a canle que máis medrou en audiencia no mes de outubro, que pechou cun 10,1% de cota no conxunto do día e un 10,9% no prime time. A Galega incrementou a súa audiencia todos os días, agás os sábados, nun mes en que hai que salientar a suba de público con idades entre 4 e 24 anos, que xa supoñen o 5,8% da audiencia da canle pública.

Na programación informativa, a Galega segue a manter o seu liderado na franxa do mediodía. E neste mes de outubro o espazo matinal ‘A Revista’ incrementou a súa audiencia en 1,5 puntos e tamén subiron os seguidores do ‘Telexornal Serán’, que acada rexistros históricos, ou do ‘Telexornal Mediodía Fin de Semana’. Ademais, a TVG seguiu gañando audiencia entre a cidadanía urbana, que supón o 25,4% da audiencia da canle.

Entre as televisións autonómicas, TVG pechou outubro como segunda canle, só por detrás de TV3, e acadando valores superiores á media da FORTA, 1,4 puntos de cota máis no conxunto do día e 1,9 puntos no prime time.

No eido dixital, onde a CRTVG ten 4 canles dedicadas 24 horas ao contido infantil (na App da CRTVG, na App do Xabarín, na canle Xabarín en crtvg.gal e Radio Picariña), o portal www.crtvg.gal incrementou nun 42,3% o número de páxinas vistas, e tivo tamén un incremento do 26,7% de sesións e dun 26,7% de usuarios respecto do mes anterior.

E no que respecta ás redes sociais, consolídase a aposta informativa de g24.gal, cuxo perfil en Facebook incrementou nun 13% o número de impresións con respecto a setembro, con preto de 6M de impresións no mes outubro. É salientable tamén o incremento do 28% nos fans gañados respecto ao mes anterior.

O número de impresións no perfil en Instagram do servizo de información g24 creceu nun 23% con respecto a setembro, amosando 432.000 impresións no mes de outubro e cun crecemento do 15% de seguidores. E as stories desta rede social incrementaron nun 42% as impresións e nun 34% as interaccións, amosando 352.000 no mes de outubro. O alcance incrementouse, con respecto ao mes de setembro, nun 35%, amosando 404.000.

ler máis

A Radio Galega achega as oito propostas radiofónicas gañadoras do II Concurso de Podcasts

02/11/2020

A temática do certame, que conta coa colaboración da RG, está relacionada co autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero
 
Os podcasts premiados pódense escoitar tamén na web do ‘Diario Cultural’ da RG

A Radio Galega achega as oito propostas radiofónicas gañadoras do II Concurso de Podcasts

Santiago, 02.11.2020.-  A Radio Galega ofrece desde hoxe os oito traballos radiofónicos premiados no II Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa emisora pública. Os podcasts gañadores tamén se poden escoitar na web da RG, diariocultural.gal.

No certame, cuxa temática xiraba arredor do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero, resultaron premiados na modalidade de infantil e primeiro ciclo de primaria: o CEIP Nicolás del Río (Cedeira), polo podcast ‘Primavera das Letras’; o CEIP San Bartolomé (Vilanova de Arousa), por ‘Entrevista a Antonio García Teijeiro’, e o CPI Suárez Marquier (O Rosal), por ‘O rap de Carvalho Calero’. O CEIP Mestre Manuel García (Oia), por ‘Curiosidade espacial’, e o CEIP de Foz nº 1 (Foz), por ‘Teatro radiofónico: Auto do alugado’ (Manuel María), son os gañadores correspondentes ao resto de cursos de primaria.

Na categoría de ESO foron galardoados, o IES Punta Candieira (Cedeira), polo podcast ‘Argallando coas palabras’, e o IES Fontexería (Muros), por ‘Confinamento nas ondas: especial Carvalho Calero’. Finalmente, entre o alumnado de bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos, o centro premiado é, de novo, o IES Punta Candieira (Cedeira), por ‘Hoje vai de poesía’.

Cada centro gañador, nas distintas modalidades, recibirá unha asignación extraordinaria de 1.000 € para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Este alumnado poderá, ademais, visitar as instalacións da Radio Galega en San Marcos (Compostela).

ler máis

O grupo Clásicos Libres gaña co tema 'Ferrol 1916' o concurso 'Musicando Carvalho Calero', posto en marcha pola RG e AGAL

30/10/2020

O tema, que fusiona sonoridades pop/rock con matices da música celta, foi o que acadou maior puntuación na fase de votación popular realizada sobre as dez cancións finalistas, elixidas por un xurado profesional

Esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas

 

O grupo Clásicos Libres gaña co tema 'Ferrol 1916' o concurso 'Musicando Carvalho Calero', posto en marcha pola RG e AGAL

Santiago, 30.10.2020.-    Este venres coñeceuse o nome da formación gañadora do concurso 'Musicando Carvalho Calero', posto en marcha pola Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) para dar a coñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. O grupo Clásicos Libres, co tema ‘Ferrol 1916’, baseado nun poema do autor, foi o que maior puntuación acadou na fase de votación popular posta en marcha a principios deste mes na páxina web http://carvalho2020.gal, onde se pode consultar a clasificación dos dez finalistas, elixidos por xurado profesional entre os 80 temas que se presentaron a concurso.

ler máis

'Lúa vermella', a nova película de Lois Patiño, con participación da TVG, chega aos cines galegos

29/10/2020

Gañadora da Biznaga de Prata á mellor película española no Festival de Málaga e do premio á mellor película no Cinespaña de Toulouse, poderá verse en salas da Coruña, A Estrada, Carballo, Ferrol, Lugo, Marín, Monforte, Santiago e Vigo

Realidade e lenda fúndense nun filme que desenvolve a historia real do mergullador Rubio de Camelle e en que aparecen seres do imaxinario fantástico galego

'Lúa vermella', a nova película de Lois Patiño, con participación da TVG, chega aos cines galegos

Santiago, 29.10.2020.-    A película Lúa vermella, dirixida por Lois Patiño e participada pola Televisión de Galicia, chega ás salas de cine este venres, 30 de outubro. Despois de obter a Biznaga de Prata á mellor película española na sección ZonaZine da 23ª edición do Festival de Málaga e o galardón á mellor película no 25º Festival Cinespaña de Toulouse, poderá verse en cinemas da Coruña, A Estrada, Carballo, Ferrol, Lugo, Marín, Monforte, Santiago e Vigo.

Tras a súa estrea internacional na Sección Forum da Berlinale, esta produción galega de Zeitun Films segue o seu percorrido por certames de cinema. Ata agora participou no FICUNAM (México) e nos festivas de Shanghái (A China), Jeonju (Corea), Cartaxena de Indias (Colombia), IndieLisboa (Portugal), na Mostra Internazionale del Nuovo Cinema de Pesaro (Italia) e no Curtocircuíto de Santiago, entre outros.

En ‘Lúa vermella’, o cineasta galego Lois Patiño afonda no universo retratado na súa ópera prima, ‘Costa da Morte’. O filme sitúase nunha vila da costa galega onde o tempo parece deterse. Todas as persoas están paralizadas, aínda que se poden oír as súas voces, que falan de pantasmas, de bruxas e de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres buscando o Rubio, un mariñeiro do lugar que desapareceu no mar.

No elenco destaca o propio Rubio de Camelle interpretándose a si mesmo e Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos, que lle dan vida a un trío de meigas, figuras icónicas da cultura galega que, como a Santa Compaña, habitan o espazo onírico da película. No seu equipo técnico destaca tamén, como directora de arte, a cineasta Jaione Camborda, directora de ‘Arima’, película participada tamén pola TVG.

Segundo Patiño, que acadou o premio ao mellor director Emerxente no Festival de Locarno con ‘Costa da Morte’, ‘Lúa vermella’ “adéntrase na Galicia do mar comprendéndoa na súa dimensión física e imaxinaria, onde realidade e lenda se funden e onde o mar e a morte se entrecruzan con toda a súa carga mítica e evocadora. A historia real do Rubio de Camelle, un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar, vese envolta polos seres que poboan o imaxinario fantástico galego”.

ler máis

O 96% do que se emite na TVG está feito en Galicia e por empresas galegas

29/10/2020

Alfonso Sánchez Izquierdo presentou no Parlamento a memoria de servizo público correspondente a 2019

A TVG é desde abril deste 2020 a canle xeneralista máis vista polos espectadores novos (entre 13 e 24 anos de idade)

O 96% do que se emite na TVG está feito en Galicia e por empresas galegas

Santiago, 29.10.2020.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta mañá na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar a ‘Memoria de Servizo Público 2019’, nunha sesión que adoita ter lugar en xuño pero que este ano se atrasou ata outubro por mor do calendario do Parlamento de Galicia.

ler máis

A CRTVG busca a banda sonora que acompañará os galegos durante este Nadal

28/10/2020

As persoas interesadas en participar na sexta edición do concurso ‘Este Nadal Canta con Nós’ teñen de prazo desde hoxe ata o próximo 5 de decembro

Os temas, que deben ser inéditos e escritos en galego, enviaranse en formato mp3 ou mp4 ao enderezo canciondonadal2020@crtvg.es

A CRTVG busca a banda sonora que acompañará os galegos durante este Nadal

Santiago, 28.10.2020.-   A CRTVG abre desde hoxe a convocatoria para poñerlle unha nova melodía ao Nadal galego. O prazo para a presentación de cancións que estará aberto ata o próximo 5 de decembro. A sexta edición do certame ‘Este Nadal Canta con Nós’ ponse en marcha coa idea de atopar a mellor banda sonora para acompañar os galegos e galegas este Nadal e, para iso, as cancións deben de ser inéditas e orixinais (ou versións doutras coa autorización dos titulares dos dereitos), ademais de estaren escritas en lingua galega.

Cada grupo ou solista participante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 4 minutos, e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 e, en caso de presentar vídeo musical, en mp4, ao enderezo canciondonadal2020@crtvg.es.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para decidir o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais.       

O/a gañador/a cederalle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública da súa canción. Pola súa parte, o xurado estará composto por cinco persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia. O 11 de decembro farase público o tema vencedor e tamén unha lista puntuada ata o quinto posto  na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases.

Esta é a sexta edición deste concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta ‘Cando é Nadal’; Iván Vale, co tema ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’, Susana Martínez, con ‘O sinal’, e o CEIP Covas de Meaño, que se fixo coa quinta edición do concurso grazas á canción ‘Saúde e cante o merlo’.

ler máis