CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

Co especial 'Land Rober Tunai Show, este vai por vós', o programa homenaxea este xoves o seu principal activo: o público

09/04/2020

Recollerá os mellores momentos das persoas que cada semana participan nos sketchs e nos xogos propostos por Roberto Vilar e compañía (21.55 h)

Co especial 'Land Rober Tunai Show, este vai por vós', o programa homenaxea este xoves o seu principal activo: o público

Santiago, 09.04.2020.-  Roberto Vilar e todo o equipo do ‘Land Rober Tunai Show’ (21.55 h) van unhas semanas facendo o programa como poden, pero botando moito menos o seu principal activo: o público, sen dúbida un dos elementos imprescindibles do show dos xoves.

En calquera caso, a todos lles tarda xa poder estar rodeados de amigos que agardan durante meses para ir ao programa, xente que chega ao estudio de gravación con todas as ganas do mundo para divertirse e, con moita xenerosidade, entrar nos xogos do ‘Land Rober’. Así que hoxe, baixo o título ‘Este vai por vós’, o programa estará dedicado a todas as persoas que cada semana contribúen a facelo.

Ao ‘Land Rober’ non se vai só a mirar, coma quen mira unha obra de arte. O que vai alí sabe que pode acabar pintando a mona en calquera momento. O programa especial desta noite recollerá os mellores momentos das persoas do público participando nos sketchs e nos xogos que cada semana propoñen Roberto Vilar e compañía, como o xogo dos casquetes e o ‘Que me estás contando!’. Ademais, os espectadores descubrirán que entre o público do ‘Land Rober Tunai Show’ se agocha moito talento oculto.

ler máis

A TVG busca talento desde a casa co concurso da canción #EstamosXuntosNisto

08/04/2020

Seleccionará o mellor tema musical ata o 24 de abril e premiará o gañador con 1.000 euros

As cancións, que poden ser versións ou totalmente orixinais, teñen que estar interpretadas en galego e deben ir acompañadas dun vídeo


A TVG busca talento desde a casa co concurso da canción #EstamosXuntosNisto

Santiago, 08.04.2020.-    A música estase a revelar como un poderoso bálsamo contra a difícil situación que estamos a vivir con motivo da pandemia do Covid-19. Por iso, a partir de hoxe, a TVG busca a banda  sonora que acompañe o seu cancelo #EstamosXuntosNisto, un dos lemas principais da campaña corporativa que a CRTVG está a desenvolver para reforzar as indicacións das autoridades sanitarias e acompañar a audiencia durante esta crise.

A TVG seleccionará a mellor canción entre as propostas que cheguen dos galegos e galegas ata o 24 de abril. As bases, que se atopan completas en crtvg.gal, indican que os temas teñen que ser interpretados en galego e non deben superar os catro minutos de duración. Poden ser versións de temas xa existentes coa letra adaptada, para o que deben contar coas autorizacións dos titulares dos dereitos, ou cancións totalmente orixinais. O estilo e a temática é libre, pero debe gardar relación con estes días excepcionais que estamos a vivir e co sentimento de que #EstamosXuntosNisto.

As cancións, xunto coa documentación requirida, serán enviadas ao mail estamoxuntosnisto@crtvg.es en formato mp4 e dentro do prazo de presentación de solicitudes. O día 28 de abril coñecerase o nome da canción gañadora do concurso, en que o xurado valorará especialmente a orixinalidade e a calidade técnica. O seu autor recibirá un premio de 1.000 euros.

ler máis

Máis aventuras de Miro Pereira en 'Pratos Combinados', este mércores á noite na Galega

08/04/2020

Os afeccionados a esta ficción mítica da TVG poderán gozar coa emisión de catro divertidos capítulos, en horario de 'prime time'

Máis aventuras de Miro Pereira en 'Pratos Combinados', este mércores á noite na Galega

Santiago, 08.04.2020.-  Tras o éxito de audiencia de ‘Pratos Combinados’ no seu regreso á TVG a pasada semana, a serie muda aos mércores a súa emisión para ofrecer en horario de ‘prime time’ máis capítulos desta ficción de humor. Así, os afeccionados ás aventuras de Miro Pereira no emblemático Bar Suízo poderán gozar, desde ás 22.25 horas, de catro divertidos capítulos.  

Este mércores, os espectadores da Galega poderán asistir en ‘Estraños na noite’ a unha estratexia de Miro de relanzar o seu negocio aproveitándose dunhas voces que escoita a avoa Carme mentres dorme e coa axuda dun parasicólogo. Na segunda proposta da noite, que leva por título ‘Recoñecemento médico’, Miro deberá afrontar o seu medo a ir ao médico por unha dor de estómago.

A continuación, ofrecerase ‘Rebaixas’, en que terán unha aparición episódica facianas moi coñecidas, como son Xosé R. Gayoso e Alberto Comesaña. Neste episodio, un coñecido cantante vai actuar na cidade e a avoa Carme anuncia que un amigo seu, que agora se dedica ás artes, iría a recollela para darlle unha sorpresa. Ao mesmo tempo, Balbina vai de rebaixas e rifa con outra compradora por culpa dunha chaqueta.

E finalmente, a emisión desta semana de ‘Pratos Combinados’ rematará coa entrega de ‘Altas finanzas’. Nela, Miro e Balbina deciden utilizar algúns dos seus aforros en facer unha reforma no bar, pero Antón convence a Miro de que é un bo momento para investir na Bolsa e coloca os aforros do seu cuñado nunha operación bursátil catastrófica, sen dicirlle nada a Balbina.

Televisión de Galicia comezou a semana pasada a emitir ‘Pratos Combinados’, en resposta ao maior consumo de contidos audiovisuais e por ser unha das series máis queridas e demandadas pola audiencia. ‘Pratos Combinados’, tamén dispoñible no portal enserie.gal ao completo, emitiuse na TVG entre 1995 e 2006 e foi a primeira comedia de situación desenvolvida integramente por profesionais de Galicia e cun elenco composto na súa totalidade por actrices e actores galegos. Creada e dirixida por Xosé Cermeño, ao longo dos seus preto de 300 capítulos, pasaron pola serie actores tan recoñecidos como os finados Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Mabel Rivera, Antonio Durán ‘Morris’, Sergio Pazos, Cristina Castaño, María Castro, Josito Porto, Manuel Millán, María Bouzas, Eva Fernández e Fely Manzano, entre outros.

ler máis

Cando arte e oficio se xuntan na cociña, os 'Larpeiros Social Club' preparan unha pescada en salsa verde única

07/04/2020

O menú completarase cunha saborosa empanada de polbo e de sobremesa, vasiños de iogur con marmelada

Cando arte e oficio se xuntan na cociña, os 'Larpeiros Social Club' preparan unha pescada en salsa verde única

Santiago, 07.04.2020.-   Sempre se dixo que arte e oficio son a base de case calquera cousa que estea ben feita. Obviamente para ter oficio hai que cultivarse con calma, que ninguén nace aprendido. E se a todos eses saberes que se xuntan polo camiño se lle proporciona unha pouca arte, maxia... ou “sabrosura”, que lle chaman por outros lares, pois o resultado será algo espectacular, evidentemente.

Hoxe no ‘Larpeiros Social Club’ (22.25 h) haberá xustamente iso: Unha lección de arte e oficio cuns cociñeiros que van sobrados das dúas cousas. Cos amigos do club, hoxe descubrirase que cando se trata de facer unha empanada, aínda non está todo inventado. E o mesmo nos pasará coa pescada, cociñada nunha salsa verde, Con ela farase unha desas salsas famosas pola súa cor, e no proceso aprenderanse os pequenos trucos que fixeron famosos os nosos cociñeiros.

Adrián irá ata o porto de Celeiro, en Lugo, para recibir cos mariñeiros a mellor pescada do pincho. Asistirá á poxa para mercala a bo prezo e levala ata a Praza de Abastos de Viveiro. Todo, para traer unha pescada de categoría para Benigno, que a vai cociñar en salsa verde. Lola Gestido e Pili Pampín serán as encargadas de facer unha empanada de polbo, seguindo as receitas da súa nai e dunha amiga da cantante. E a sobremesa será o final perfecto para un día no club cheo de arte e oficio.

ler máis

Viaxes virtuais, programas especiais e moito cine, esta Semana Santa na Televisión de Galicia

06/04/2020

Os/as reporteiros/as da TVG converteranse en magos para cumprir os soños e viaxes que os espectadores non poderán realizar nestas vacacións de confinamento

‘Pratos Combinados’, a serie que sempre saca un sorriso, pasa ao prime time dos mércores, ás 22.30 h

Cine clásico e familiar, tamén na oferta destes días; e o domingo, dobre proposta de intriga: ‘O Sabor das Margaridas’ e a estrea de 'Secuestrados'

Viaxes virtuais, programas especiais e moito cine, esta Semana Santa na Televisión de Galicia

Santiago, 06.04.2020.-    A Televisión de Galicia propúxose que esta Semana Santa sexa especial para os seus espectadores e para iso, para que non boten de menos facer unha viaxe por Galicia, nin as procesións, nin o Encaixe de Camariñas, nin os eventos que estaban programados e agora suspendidos pola emerxencia sanitaria, a TVG fará posible, desde o sofá, viaxes virtuais a Ferrol, a Viveiro, ao Fuciño do Porco, ao banco de Loiba, a Camariñas… Nos programas ‘Actualizad@s’, ‘Fun polo Aire’ e ‘Aquí Galicia’, os/as reporteiros/as converteranse en magos para cumprir os soños que non se poden realizar esta Semana Santa.

Ademais, porque a TVG sabe que os seus espectadores o estaban desexando, ‘Pratos Combinados’, a mítica serie que sempre saca un sorriso, pasa a emitirse os mércores ás 22.30 h, en horario de máxima audiencia, con catro capítulos consecutivos. Xa o xoves, o ‘Land Rober Tunai Show’ estará dedicado ao principal activo deste programa de humor: o público. No especial titulado ‘Este vai por vós’, o público será o protagonista dos mellores e máis divertidos sketchs e concursos do programa.

No Venres Santo, por primeira vez na historia, non hai ‘Luar’, pero, como a bo seguro que o público bota de menos a auténtica esencia do programa, a TVG está a preparar o Especial ‘Luar, canto te boto de menos’, que levará os espectadores de viaxe polo mellor deste grande espazo de entretemento, o máis lonxevo da historia da televisión en España. Ademais, o magazine de tarde ‘Quen anda aí?’ non parará o Xoves e o Venres Santo e seguirá acompañando os espectadores. E, para completar esas tardes festivas, ofrecerase o especial de ‘Inimitables: baila na casa’ e recupérase ‘A Liga das Familias Extraordinarias’.

Outro dos puntais da programación desta Semana Santa será o cine. Ademais de títulos para todos os públicos, como ‘Pan, viaxe a nunca xamais’ e ‘A grande aventura do golfiño Winter 2’, tamén se programarán películas clásicas e auténticas iconas da historia do cine, como ‘Ben-Hur’ ou ‘Quo Vadis’.

E na noite do domingo, ración dobre de intriga: un novo capítulo de ‘O Sabor das Margaridas’ e a estrea da película ‘Secuestrados’, thriller producido pola galega Vaca Films, responsable de filmes de éxito, como ‘Cela 211’ ou ‘O descoñecido’. A película narra o asalto no seu chalé a unha familia acomodada, perpetrado por unha banda de delincuentes profesionais, nunhas horas angustiosas.

Ademais, os espectadores poderán seguir as principais celebracións relixiosas destes días. A G2 ofrecerá o Xoves Santo a misa (18.00 h) que oficiará o arcebispo de Santiago desde San Frutuso e o Venres Santo retransmitirase a celebración da Palabra. O sábado emitirase, tamén pola G2, a vixilia pascual (20.00 h) desde a catedral de Ourense. Así mesmo, dous especiais lembrarán xoves e venres (17.00 h.) as principais procesións que adoitan celebrarse nestas datas en Galicia e o labor de confrarías e irmandades.

E, aínda que a cativada está a gozar dunhas merecidas vacacións, na G2 continúa todas as mañás o bloque educativo de dúas horas, con programas como ‘Era  unha vez o home’, ‘Aquelando na casa’, ‘O Sabedoiro’ ou ‘Xeoclip’.

ler máis

A andaina de 'Segredos - Desmontando Galicia' continúa esta semana en Lugo, a cidade máis antiga de Galicia e unha das máis enigmáticas

06/04/2020

O programa (22.25 h) tamén fará un percorrido polo Camiño Primitivo e os espectadores saberán como foi avanzando cara á modernidade

A andaina de 'Segredos - Desmontando Galicia' continúa esta semana en Lugo, a cidade máis antiga de Galicia e unha das máis enigmáticas

Santiago, 06.04.2020.-     O programa ‘Segredos - Desmontando Galicia’ visita esta semana Lugo, a cidade máis antiga de Galicia e unha das máis enigmáticas, que leva nada menos que 2.000 anos en pé, vendo os séculos pasar, adaptándose aos tempos e agochando segredos fascinantes.

A andaina comezará con Diana Nogueira e Alicia Burton intentando descubrir algúns dos segredos da antiga Lucus Augusti. Como eran as vías romanas que chegaban a Lugo? Como era o abastecemento de auga daquela? E hoxe?

O programa tamén fará un percorrido polo Camiño Primitivo da cidade descubrindo algúns dos seus emprazamentos máis destacables, que tiveron o seu apoxeo na Idade Media. E os espectadores saberán como foi avanzando cara á modernidade, un desenvolvemento en que tivo moito que ver a chegada do tren.



ler máis

Nun novo capítulo do thriller 'O Sabor das Margaridas', Eva infíltrase nun hotel onde prostitúen menores

05/04/2020

Miranda segue os pasos de Salgado, que non aparece por ningures, e atópao xunto ao cadáver da directora da axencia de modelos (22.25 h)

Nun novo capítulo do thriller 'O Sabor das Margaridas', Eva infíltrase nun hotel onde prostitúen menores

Santiago, 05.04.2020.-    Nun novo capítulo do thrillerO Sabor das Margaridas’, os espectadores da TVG verán este domingo como Eva se infiltra nun hotel onde prostitúen  menores e rouba un disco duro que contén os vídeos de todo o que alí ocorre. Grazas ao testemuño desas menores, obterá unha nova pista. Tamén grazas a Carlos, un dos seus novos aliados, entrará na darkweb e descubrirá o escuro negocio dos shows online en que abusan de Rebeca e outras menores.

Mentres, o inspector Salgado, que comezou a investigar no capítulo anterior o primeiro crime do ‘asasino da margarida’, non aparece por ningún lado. Miranda rastrexa os seus movementos  ata atopalo xunto ao cadáver da directora dunha axencia de modelos. O inspector cre que ambos os dous asasinatos están relacionados cun caso do pasado. A súa tozudez e determinación por demostrar as súas sospeitas levarano a enfrontarse aos seus superiores. O ambiente na comisaría complícase aínda máis cando Salgado afirma que un topo está filtrando fotografías dos crimes á prensa.



ler máis

Melody, Fredi Leis e a orquestra Finisterre encherán o escenario de "Bamboleo" de ritmo e diversión

04/04/2020

O programa presentado por Xosé Manuel Piñeiro (22.00 h.) contará ademais coas súas habituais e entretidas seccións

Melody, Fredi Leis e a orquestra Finisterre encherán o escenario de "Bamboleo" de ritmo e diversión

Santiago, 04.04.2020.- A cantante Melody, que saltara á fama con dez anos coa súa popularizada canción de “El baile del gorila”, regresa esta noite á TVG ao programa “Bamboleo” (22.00 h) con algúns dos temas de éxito do seu amplo repertorio. A sevillana, cun estilo moderno en que abrangue diferentes estilos, fará gozar os espectadores coa súa música e a súa voz.

O espazo de entretemento que presenta Xosé Manuel Piñeiro contará ademais coas actuacións do cantautor Fredi Leis, unha das novas promesas da canción de autor renovada. O artista compostelán, que foi o abreconcertos de artistas como Alejandro Sanz, Malú e Rozalén, achegará “Mariposas” e “Sálvate”, dous sinxelos do seu primeiro álbum.

No apartado musical tamén será protagonista esta noite a orquestra Finisterre, unha das formacións de referencia nas celebracións galegas. Ademais, na sección habitual do programa, “Agora ou Nunca”, María Díaz e Alba López daranse a coñecer para o gran público interpretando “Ya lo sabes”, de Luis Fonsi, e “Incondicional”, de Prince Royce, respectivamente.

A diversión estará asegurada en “Dirtidansi”, onde esta noite se bailará rumba e pasodobre, e tamén nas seccións “Sobes ou baixas?”, “A ITV do Amor” e en “A Jrileira”, en que competirán no karaoke Lupe e Carlos.

ler máis

Coa emisión da misa do Domingo de Ramos, a CRTVG comeza unha programación relixiosa especial para a Semana Santa

03/04/2020

A G2 ofrecerá o Xoves Santo a misa que oficiará o arcebispo de Santiago desde San Frutuoso, e o Venres Santo retransmitirase a celebración da Palabra
 
O sábado emitirase, tamén pola G2, a vixilia pascual desde a catedral de Ourense

Así mesmo, dous especiais lembrarán as principais procesións que adoitan celebrarse nestas datas en Galicia e o labor de confrarías e irmandades


Coa emisión da misa do Domingo de Ramos, a CRTVG comeza unha programación relixiosa especial para a Semana Santa

Santiago, 03.04.2020.-    Sen perder de vista o labor de servizo público da CRTVG tamén nestas datas de Semana Santa, a Televisión de Galicia ofrecerá unha programación especial que dará comezo coa emisión da misa do Domingo de Ramos e que terá continuidade coa retransmisión, en directo, das celebracións dos días santos e unha vixilia o sábado. Tamén a través de dous especiais, os espectadores percorrerán as principais procesións que teñen lugar en Galicia e coñecerán algunhas das principais confrarías e irmandades.

O punto de partida será este domingo, en que a Televisión de Galicia ofrecerá, ás 10:00 h, a misa do Domingo de Ramos, desde a igrexa de San Frutuoso, oficiada polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.

Na G2, celebracións de Xoves e Venres Santo, e a vixilia pascual, o sábado

O Xoves Santo ofrecerase pola G2, en directo ás 18:00 h, a misa oficiada polo arcebispo de Santiago desde a igrexa de San Frutuoso en Compostela e o Venres Santo retransmitirase á mesma hora a celebración da Palabra, tamén oficiada polo arcebispo desde San Frutuoso. E o Sábado Santo emitirase ás 20:00 h, en directo, a solemne vixilia pascual que oficiará na catedral de Ourense o bispo da cidade, Leonardo Lemos. Nesta retransmisión achegarase a procesión que se realiza desde o Pórtico do Paraíso ata o altar maior da basílica.

Así mesmo, o Xoves e Venres Santo, a través da G2 e ás 17:00 h, ofreceranse dous programas especiais realizados desde o interior das confrarías de Ferrol e Viveiro, as dúas localidades de referencia da Semana Santa galega, aínda que tamén se achegarán ata outras procesións celebradas en anos anteriores, como as de Cangas, Mondoñedo, Meis, Fisterra, Betanzos ou Santiago de Compostela.

ler máis

As chamadas telefónicas da audiencia cobran importancia nun 'Luar' especial, cos sons de Raphael, Gisela e Miguel Bosé

03/04/2020

No apartado do humor contarase sobre o escenario coas intervencións de Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Cuqui e o dúo formado Brandariz e Veiga

As chamadas telefónicas da audiencia cobran importancia nun 'Luar' especial, cos sons de Raphael, Gisela e Miguel Bosé

Santiago, 03.04.2020.-   ‘Luar’ (22.05 h) volve este venres á Televisión de Galicia, fiel á súa cita semanal coa audiencia galega, sen perder de vista o labor de servizo público deste medio de comunicación, pero tamén co cometido de ofrecer entretemento, sempre en consonancia coas recomendacións das autoridades sanitarias. Sobre o escenario, Xosé R. Gayoso presentará esta edición especial, en que os contidos do programa se adaptan ás restricións definidas para afrontar sen riscos a pandemia, na compaña de Patricia F. Santana e Beatriz Serén.

O teléfono do programa (981.81.90.73), sempre aberto á participación dos espectadores, será un ingrediente fundamental no transcurso de ‘Luar’. Por unha parte, convidarase á audiencia a chamar e participar de divertidos xeroglíficos, para que xoguen as familias ao completo, e, pola outra, desenvolverase unha nova edición do concurso telefónico, que este venres ten un bote de 5.500 euros.

Para as propostas musicais da noite, o espazo recuperará actuacións de destacados artistas no programa, como Raphael, Sergio Dalma, Miguel Bosé, Gisela, e un dúo formado por Nando Agüeros e David Bustamante. Ofreceranse, amais, sons da terra, co Coro tradicional Cantares do Brión, da agrupación Armadanzas de Laraño, a orquestra New York, así como unha selección dos mellores duetos de 'recanteiros' que se puideron ver esta temporada.

No apartado do humor contarase sobre o escenario coas intervencións de Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Cuqui e o dúo Brandariz e Veiga, que dá vida os personaxes de Lola e Antón.

O musical da Galega fará uso das novas tecnoloxías para contactar por vídeochamada coa parella formada pola nutricionista Adriana Fernández e o cociñeiro Moisés Domínguez, artífices dunha canle en Youtube, para que acheguen consellos sobre unha alimentación sa e axeitada a este período de confinamento. Tamén os artistas Sergio Dalma, Nando Agüeros e Tania Veiras achegarán vídeos con mensaxes agarimosas á audiencia desde as súas casas.

ler máis