CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas RG

O trío de Jazz Sumrrá, protagonista este mércores na G2 dun novo concerto do ciclo 'Galicia Emerxe'

25/01/2021

A CRTVG está ofrecendo semanalmente, a través das súas canles, recitais dos máis variados estilos, co obxectivo de apoiar o sector musical e visibilizar o traballo dos artistas galegos, moi afectados polas restricións sanitarias

O trío de Jazz Sumrrá, protagonista este mércores na G2 dun novo concerto do ciclo 'Galicia Emerxe'

Santiago, 25.01.2021.-   Este mércores chega á CRTVG un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’. A partir das 23.30 horas, os espectadores poderán gozar na sección ‘Noites Temáticas’ da G2 do recital do destacado trío de jazz Sumrrá, formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido. O concerto, de 40 minutos de duración, estará dispoñible na web dos medios públicos unha vez finalizada esta emisión, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).
    
Tras Mercedes Peón e High Paw & Elephants Yard, este é o terceiro da serie de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos incluídos no ‘Galicia Emerxe’ e que a CRTVG ofrecerá ao longo deste ano. Gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, nas vindeiras semanas iranse ofrecendo, entre outros, recitais de Xoel López, Boyanka Kostova, A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas.

No exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo, a CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’. Esta iniciativa, que ten como obxectivo facer accesible a cultura a toda a cidadanía galega, cobra especial relevancia nas actuais circunstancias derivadas da covid-19, que limitan de xeito importante o normal desenvolvemento das actividades musicais con público en directo, e pretende ser un xeito alternativo de manter viva e en constante renovación a oferta musical.




ler máis

Celta-Eibar, Lugo-Tenerife e Deportivo-Compostela, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega

21/01/2021

O venres, os oíntes poderán seguir a final da Copa Princesa de baloncesto, que disputan no Pazo dos Deportes de Lugo o Breogán e o Alicante

Celta-Eibar, Lugo-Tenerife e Deportivo-Compostela, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega

Santiago, 21.01.2021.-    A fin de semana deportiva na Radio Galega comeza o venres ás 19.25 h, na web da Radio Galega, coa retransmisión da final da Copa Princesa de baloncesto desde o Pazo dos Deportes Lugo, entre o Breogán e o Alicante. A partir 20.30 h, a emisión será simultánea pola FM e TDT, dentro do ‘Galicia en Goles’.

O sábado, desde as 15.00 h, o interese da xornada pasará polo Lugo-Tenerife, de Segunda División A, xunto ao derbi da Segunda B entre o Rácing de Ferrol e o Celta B, ademais do Bergantiños-Arzúa, de Terceira. As competicións de hockey a patíns masculino e balonmán feminino serán outros argumentos informativos da xornada.

O sábado é ademais o día doutros espazos deportivos na programación da Radio Galega. Ás 13.00 h, Alfonso Pardo visita Sarria co 'Convivir Deportivo' para destacar o traballo do club de baloncesto. Ás 23.00 h, Rodrigo Pérez actualiza a información do motor no ‘Gas a Fondo’. E ás 23.30 h, Toni López convida a nadadora María de Valdés, do Liceo da Coruña, no espazo olímpico ‘Galicia en Toquio’.

Xa o domingo, ás 12.00 h, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ contará o Coruxo-Salamanca, desde o Vao, xunto aos encontros de Terceira Fabril-Silva, Viveiro-Polvorín e Bouzas-Estradense. A partir das 15.00 h, toda a atención estará posta no Celta-Eibar, de Primeira, e no Unionistas-Pontevedra e Deportivo-Compostela, de Segunda B. A Terceira completará a oferta de retransmisións da tarde. Desde 21.00 h, adestradores e xornalistas debaterán no faladoiro sobre os resultados dos equipos galegos, emisión que se poderá ver a través do Mira RG, na web da CRTVG. A mesa de debate continuará ás 23.00 h, con outros especialistas, no programa ‘Ao Contraataque’.

ler máis

A Radio Galega retransmite este mércores o partido Betis-Celta

19/01/2021

O venres ofrecerase desde o Pazo dos Deportes de Lugo a final da Copa da Princesa de baloncesto, que disputarán o Breogán e o Alacant

A Radio Galega retransmite este mércores o partido Betis-Celta

Santiago, 19.01.2021.-    Remata a primeira volta da Liga de fútbol na Primeira División e a Radio Galega ofrece este mércores unha edición especial de ‘Galicia en Goles’. Desde as 20.30 h, Paco Santos dirixe a retransmisión do partido Betis-Celta, no estadio Benito Villamarín. Roberto Carlos Carballo trasladaralle á audiencia a emoción dos 90 minutos de xogo, cos comentarios de Víctor López, Xosé Valtierra e Moncho Carnero.

O Celta visita o campo bético tras perder os últimos encontros, en que faltou por lesión Iago Aspas. Nesta ocasión, o de Moaña volver ser baixa, aínda que a súa intención é regresar o vindeiro domingo en Balaídos ante o Eibar.

A emisión do ‘Galicia en Goles’ prolongarase ata as 23.00 h e a esa hora comezará ‘Ao Contraataque’, que, da man de Pedro Pablo Alonso, conectará coas comparecencias dos adestradores Chacho Coudet e Manuel Pelegrini. A continuación, o programa abrirá mesa de debate cos especialistas para debullar o sucedido sobre o céspede.

Esta semana haberá máis retransmisións deportivas na RG. O venres, desde as 19.30 h, radiogalega.gal contará a final da Copa Princesa de baloncesto desde o Pazo dos Deportes do Lugo. O Breogán buscará o título da LEB ouro ante o líder do outro grupo, o Alacant. A partir das 20.30 h, a emisión será simultánea coa FM e TDT, dentro do espazo ‘Galicia en Goles’.

ler máis

A CRTVG emitirá 50 concertos de músicos galegos no ciclo 'Galicia Emerxe', en colaboración con Agadic

11/01/2021

Esta iniciativa apoia o sector musical co obxectivo de visibilizar o traballo dos artistas e grupos galegos, moi afectados polas restricións sanitarias

Ofreceranse ao longo deste ano a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega e a  web crtvg.gal

Mercedes Peón, Xoel López, A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Budiño, Novedades Carminha e Triángulo de Amor Bizarro son algúns dos participantes

A CRTVG emitirá 50 concertos de músicos galegos no ciclo 'Galicia Emerxe', en colaboración con Agadic

Santiago, 11.01.2021.-   A CRTVG ofrecerá ao longo deste ano, a través das súas canles de televisión, radio e Internet, 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos. No exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo, a Corporación asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’.

Mercedes Peón, Xoel López, Boyanka Kostova, A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas son algúns do medio cento de artistas que participan en ‘Galicia Emerxe’, unha serie de recitais de 40 minutos de duración que comezará a emitirse o vindeiro 13 de xaneiro nas ‘Noites Temáticas’ da G2. Os espectadores tamén terán a oportunidade de ver estes concertos na primeira canle, os sábados arredor das 11.00 h. Unha vez rematada esta emisión, cada recital estará dispoñible na web da CRTVG e tamén poderá escoitarse en Radio Galega Música a partir das 22.00 h dos sábados. O primeiro concerto desta semana será o de Mercedes Peón.

Esta iniciativa, que ten como obxectivo facer accesible a cultura a toda a cidadanía galega, cobra especial relevancia nas actuais circunstancias derivadas da Covid-19, que limitan de xeito importante o normal desenvolvemento das actividades musicais con público en directo, e pretende ser un xeito alternativo de manter viva e en constante renovación a oferta musical.

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura converteuse nun estudio de televisión para acoller os 50 concertos ao vivo desta iniciativa, a través da que se mobilizaron 41 axencias de contratación galegas, 21 empresas de servizos musicais e 33 técnicos de son dos propios grupos. Implicáronse áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backline, comunicación e, especialmente, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos.

ler máis

O Celta-Vilarreal abre a xornada na Radio Galega

08/01/2021

Todos os partidos da Segunda B, o domingo

O Celta-Vilarreal abre a xornada na Radio Galega

Santiago, 08.01.2021.- Tras unha intensa semana de Copa, volve a Liga ao 'Galicia en Goles'. O venres, ás oito e media do serán, o Celta-Vilarreal centrará o 'Galicia en Goles' ata as doce da noite. O equipo vigués pasará a primeira proba ligueira sen Iago Aspas, lesionado, ante un dos mellores equipos do campionato.

O sábado haberá edición extra ás doce do mediodía coa final da Supercopa de fútbol sala feminino entre o Burela e o Noia. Desde as tres, o interese pasará polo Fabril-Somozas, da Terceira, o baloncesto da LEB co derbi en Lugo entre o Breogán e o Basquet Coruña e a final da Copa Xunta de fútbol sala masculino entre o Burela e o Noia.

O domingo é o día da Segunda B. Ás doce, derbi en Barreiro entre o Celta B e o Coruxo, mentres que pola tarde o programa contará desde as tres os outros catro encontros: Zamora-Deportivo, Pontevedra-Guijuelo, Rácing de Ferrol-Unionistas e Salamanca-Compostela. A Terceira e o faladoiro de especialistas completan os argumentos da tarde.

Ademais, a Radio Galega ofrece durante a fin de semana outros espazos de temática deportiva. O sábado, ás once da noite, o 'Gas a fondo' repasará a actuación dos pilotos galegos no Rallie Dakar, mentres ás once e media o 'Galicia en Toquio' seguirá analizando o traballo dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos do próximo verán.

ler máis

Semana de fútbol na Radio Galega

04/01/2021

A Radio Galega emite edicións diarias do 'Galicia en Goles'

Semana de fútbol na Radio Galega

Santiago, 04.01.2021.-  Hoxe, desde as oito e media, o protagonismo é para a Liga de Segunda co Lugo-Sporting de Xixón desde o Anxo Carro.

Mañá, de catro a oito da tarde, o 'Galicia en Goles' retransmitirá o Eivissa-Celta, da segunda fase da Copa do Rei. O mércores, tamén desde as catro, a xornada comezará co derbi Vilalbés-Polvorín, da Terceira, para continuar co Deportivo da Coruña-Alavés, desde Riazor, na competición copeira. O xoves, a terceira quenda presenta os encontros Pontevedra-Cádiz en Pasarón e Girona-Lugo, en Montilivi.

O venres volve a Liga co Celta-Vilarreal desde Balaídos, que a audiencia da Radio Galega poderá seguir desde as oito e media do serán.

Na fin de semana, o sábado haberá edición extra ás doce do mediodía coa retransmisión do Burela-Poio, da Supercopa de fútbol sala feminino. A partir das tres, o programa contará o Fabril-Somozas, de Terceira, e os partidos de baloncesto da LEB Ouro, xunto á final da Copa Galicia de fútbol sala entre o Burela e o Noia.

Xa o domingo, ás doce, o interese estará posto no Celta B-Coruxo, o derbi de Vigo da Segunda B. Esta categoría terá máis presenza desde as tres co Zamora-Deportivo, Pontevedra-Guijuelo, Rácing de Ferrol-Unionistas e Salamanca-Compostela.

ler máis

O Real Madrid-Celta, o sábado na Radio Galega

01/01/2021

Amais do fútbol, os afeccionados ao deporte poderán seguir, en directo, as semifinais da Supercopa de España de hóckey a patíns e dous novos encontros de baloncesto, co Breogán e o Ourense como protagonistas

O Real Madrid-Celta, o sábado na Radio Galega

Santiago, 01.01.2021.- A primeira fin de semana de 2021 sérvenos un partido de primeiro nivel. O sábado, desde as dúas e cuarto da tarde, o equipo deportivo da Radio Galega centrará o 'Galicia en Goles' no enfrontamento entre o Real Madrid e o Celta de Vigo no estadio Alfredo Di Stefano. O programa prolongarase ata as once e media da noite. Ademais tamén terán presenza as semifinais da Supercopa de España de hóckey a patíns, en que participa o Liceo da Coruña.

O domingo, ás doce, a edición matinal contará o Viveiro-Silva, de Terceira División, e o Valladolid-Basquet Coruña, da LEB ouro de baloncesto. Desde as tres, o Choco-Atios e o Polvorín-Fisterra, da Terceira, xunto ao Burgos-Breogán e o Palencia-Ourense, da LEB Ouro, serán os argumentos da tarde. A partir das oito e media do serán, adestradores e xornalistas debatirán no Faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos.

A próxima semana, o 'Galicia en Goles' estará presente todos os días na programación da Radio Galega. O luns, ás oito e media do serán, co Lugo-Sporting de Xixón, da Segunda División; o martes, desde as catro, co Eivissa-Celta, de Copa; o mércores, tamén desde as catro, co Vilalbés-Polvorín, da Terceira, e o Deportivo da Coruña-Alavés, da Copa; o xoves, co Pontevedra-Cádiz e o Girona-Lugo, de Copa; o venres, co Celta-Vilarreal, de Liga. Ademais, o sábado haberá unha edición especial ás doce co Burela-Poio, da Supercopa de fútbol sala, que se unirá ás habituais da fin de semana.

ler máis

A CRTVG ofrece en directo a apertura da Porta Santa, acto co que comeza un novo ano xubilar

30/12/2020

Esta cerimonia poderase seguir, de xeito íntegro, en senllos programas especiais da TVG e a RG e, en streaming, pola web da CRTVG e a través da canle YouTube

 

A CRTVG ofrece en directo a apertura da Porta Santa, acto co que comeza un novo ano xubilar

Santiago, 30.12.2020.- Os medios públicos galegos transmiten este xoves á tarde, en directo e de xeito íntegro, o acto de apertura da Porta Santa da catedral de Santiago, co que comeza un novo ano xubilar, o terceiro deste século. A TVG e a Radio Galega levarán a cabo unha destacada despregadura de medios técnicos e humanos, tanto no interior coma no exterior do recinto catedralicio, para seguir de preto a procesión e ofrecer a liturxia.

A partir das 16.00 horas, os xornalistas Francisco L. Iglesias e Carlos Amado estarán á fronte deste especial relixioso na Televisión de Galicia, apoiados polos comentarios de Fernando Madriñán e Eduardo Herrero. Pola súa parte, na Radio Galega ofrecerase o especial 'A Tarde Porta Santa', entre as 16.00 e as 19.00 horas, conducido por Iván Calaza e Moncho Lemos, que contarán cos comentarios especializados do comunicador da Radio Galega Xosé María Fernández Pazos e con Francisco Miramontes, director do programa 'Día Santo'. Ademais do relato da Apertura da Porta Santa, a emisora pública prestará atención á lectura da mensaxe do Papa Francisco e á presentación das ofrendas. O espazo incluirá explicacións sobre o significado do inicio do Ano Xacobeo desde o punto de vista histórico e relixioso para Compostela e Galicia.

Este acto relixioso poderase seguir tamén en directo, en streaming, a través da páxina web da CRTVG (http://www.crtvg.es/en-directo/apertura-porta-santa-da-catedral-de-santiago-de-compostela) e no perfil da TVG pola canle de YouTube (https://www.youtube.com/watch?v=CMPkNRdbrAs&list=UUz46p3cffUXUSGUtcnw_Ouw&index=1).

ler máis

O grupo Clásicos Libres grava na Radio Galega o tema gañador do concurso Musicando Carvalho Calero

29/12/2020

O certame foi promovido pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a RG dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas

O grupo Clásicos Libres grava na Radio Galega o tema gañador do concurso Musicando Carvalho Calero

Santiago, 29.12.2020.-  O grupo Clásicos Libres visitou este martes os estudios de produción da Radio Galega en San Marcos para gravar o tema gañador do concurso Musicando Carvalho Calero, promovido pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Radio Galega neste 2020 para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.

A gravación con calidades profesionais do tema gañador era unha parte do premio deste certame. O tema de Clásicos Libres foi seleccionado con outros nove por un xurado profesional e logo resultou gañador a través dunha votación popular. O tema 'Ferrol 1916' poderá escoitarse nos programas da Radio Galega e estará dispoñible na páxina web.

Liderada polas irmás galegas Adriana e Ánxela Arias, Clásicos Libres é unha formación internacional de músicos de influencia clásica, que emprenden con este proxecto unha viaxe na procura das posibilidades que ofrecen os diferentes xéneros. Neste caso fusionaron sonoridades pop/rock con matices de música celta, tan característicos da música popular galega, e para isto escolleron ‘Ferrol 1916’. O tema foi composto polo italiano Giulio Pietropaolo Castellani e conta tamén coa participación do baixista colombiano-alemán Raúl Mauricio Platz Marroquín e do guitarrista turco Özdemir Kalyoncu.

Máis de 4.000 persoas participaron nas votacións dun certame en que quedou en segunda posición A Banda da Loba con ‘O sonho da Catarina’ e, de terceiro, Dandy Fever, con ‘Calquer lugar é bom para morrer’. O premio para o grupo gañador, por parte da CRTVG, é a promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG; ademais desta gravación na Radio Galega, incluída a realización dun vídeo musical. Por parte da AGAL, a asociación entregará un premio en metálico de 1.500 €.




ler máis

Fútbol e atletismo para pechar o 2020 na Radio Galega

29/12/2020

O mércores poderase seguir, en directo, o Celta-Huesca, mentres que o xoves a emisora pública prestará unha atención especial a San Silvestre nas principais localidades galegas

Fútbol e atletismo para pechar o 2020 na Radio Galega

Santiago, 29.12.2020.- Os últimos días do 2020 están cheos de deporte na Radio Galega. O mércores, desde as sete da tarde, Pedro Pablo Alonso dirixe a retransmisión do partido da Primeira División entre o Celta e o Huesca. Hai pouco máis dun mes, os dous equipos compartían postos de descenso, pero desde a chegada do Chacho Coudet o equipo vigués aupouse á zona media-alta da clasificación, a un punto dos postos europeos. O cadro oscense, pola súa banda, segue sen mellorar e na actualidade é o penúltimo,  a tres puntos da salvación.

Desde o estadio de Balaídos encargarase da narración do xogo Roberto Carlos Carballo, mentres Víctor López intervirá na quenda de preguntas das roldas de prensa posteriores que os oíntes tamén poderán escoitar no ‘Galicia en Goles’, que prolonga a súa emisión ata as dez da noite.

A partir das once, o programa ‘Ao Contraataque’ analizará cos especialistas o partido e o resto da xornada na Primeira División. Antes, ás tres, ‘Zona Mixta’ estará no Pepe Barrera para falar do Enma Cuervo, o tradicional trofeo de verán que organiza o Ribadeo e que este ano trasladouse ás datas de Nadal.

O xoves, o equipo deportivo da Radio Galega contará ás sete da tarde o que suceda nas principais cidades e vilas galegas coa clásica San Silvestre, a carreira atlética que pecha o ano deportivo. Desta volta, só as cidades de Santiago e Ourense optan pola fórmula tradicional da participación presencial, mentres na Coruña e Pontevedra, por exemplo, a competición é sobre un circuito virtual. Toni López conectará co equipo de reporteiros para falar cos atletas destacados.

ler máis