CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas RG

Semana con moito deporte na Radio Galega

26/10/2020

A atención da emisora pública estará posta nos partidos que xogarán Obradoiro, Celta e Lugo

Semana con moito deporte na Radio Galega

Santiago, 26.10.2020.- Comeza unha intensa semana deportiva. O luns, desde as oito e media do serán, 'Galicia en goles' retransmite o partido da Primeira División entre o Levante o Celta, que se disputa no estadio Madrigal, de Vilarreal. Paco Santos conduce a emisión, coa narración de Roberto Carlos Carballo e a análise de Víctor López, Moncho Carnero e Jose Valtierra.

O martes, tamén a partir das oito e media, a atención estará posta no baloncesto, co encontro da Liga ACB entre o Obradoiro e o Valencia. Alfonso Pardo contará a emoción do xogo, cos comentarios de Raúl Villares.

Xa o xoves, desde as sete menos cuarto da tarde, o fútbol volverá ser protagonista co Tenerife-Lugo da Segunda División, no Heliodoro Rodríguez López.

Os oíntes poden seguir todas as emisións deportivas da Radio Galega a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa.

ler máis

Emilio Españadero, director e presentador do programa da RG 'Lume na palleira', recibe o Premio Mestre na Memoria da AELG

23/10/2020

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñece o seu labor á fronte dunha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, que lle dá un lugar de seu á música folk e tradicional

Emilio Españadero, director e presentador do programa da RG 'Lume na palleira', recibe o Premio Mestre na Memoria da AELG

Santiago, 23.10.2020.-    Emilio Españadero, presentador do programa da Radio Galega 'Lume na palleira' e tamén colaborador do espazo 'Diario cultural', recibe este venres o Premio Mestre da Memoria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Será no transcurso dun acto que terá lugar no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

Españadero é director e presentador, desde 1992 ata a actualidade, do programa 'Lume na palleira', unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país coma doutros, principalmente dos de influencia celta, teña un lugar de seu.

Excompoñente do colectivo de música tradicional O Son da Terra e da banda de gaitas Os Rexumeiros, membro da organización das Noites Celtas da Coruña, foi tamén membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk Cuarto Los Valles, en Navelgas (Asturias). Tamén foi autor durante varios anos da páxina Feitizo de Sons no suplemento dominical do xornal 'Galicia Hoxe'.

ler máis

UD Logroñés-Lugo e a Segunda B, no 'Galicia en goles' da Radio Galega

23/10/2020

Ademais de fútbol, retransmitiranse os encontros de fútbol sala e baloncesto, co Burela e o Obradoiro en xogo, respectivamente

UD Logroñés-Lugo e a Segunda B, no 'Galicia en goles' da Radio Galega

Santiago, 23.10.2020.- As retransmisións da fin de semana na Radio Galega comezan o venres co partido de fútbol sala entre Osasuna e Burela, da liga de Primeira División. Desde as oito e media, 'Galicia en goles', conducido por Paco Santos, tamén estará pendente da última hora dos equipos galegos que preparan as competicións de fútbol e baloncesto.

O sábado, desde as 3 da tarde, a atención estará posta no UD Logroñés-Lugo, da Segunda División A, xunto ao Interrías-Deportivo B, de fútbol feminino. O baloncesto da LEB e as categorías femininas, xunto ao balonmán, voleibol e hockey a patíns completan a axenda do día.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce co derby de Barreiro entre o Celta B e o Rácing de Ferrol. Haberá ademais fútbol de Terceira e o Gran Canaria-Obradoiro, da Liga ACB de baloncesto. A partir das 3, a Segunda B e a Terceira protagonizan a xornada, co derby Compostela-Deportivo, xunto ao Pontevedra-Unionistas e o Salamanca-Coruxo, como encontros destacados.

A partir das oito e media do serán, adestradores e xornalistas debaterán no Faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos e analizarán o Levante-Celta que se disputa o luns. Ás 11 da noite, a mesa de debate continuará na edición de 'Ao contraataque'.

A fin de semana trae á sintonía da Radio Galega outras propostas deportivas, todas o sábado. Á 1 do mediodía, Alfonso Pardo chega a Valdoviño con 'Convivir deportivo' para divulgar o Océano Surf Museo. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez presenta a revista do motor 'Gas a fondo' e ás once e media Toni López García entrevista no 'Galicia en Toquio' a Jacobo Garrido e Sara Álvarez.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Tamén os oíntes poden ver a radio, a través do Mira RG, onde por streaming teñen a opción de ver a emisión do Faladoiro de 'Galicia en goles' desde as oito e media do serán.

ler máis

A colaboradora do 'Diario cultural' Alba Cid, galardoada co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández

20/10/2020

A poeta participa nos espazos de cultura da Radio Galega desde 2017, ano en que contribuíu no espazo de libros 'Chamando á Terra', e desde 2018, no 'Diario Cultural'

Nos últimos dous anos, foi lectora de lingua galega no Centro John Rutherford de Estudos Galegos da Universidade de Oxford

A colaboradora do 'Diario cultural' Alba Cid, galardoada co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández

Santiago, 20.10.2020.-    A poeta galega Alba Cid, colaboradora do 'Diario cultural' da Radio Galega, foi galardoada hoxe co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández pola súa obra 'Atlas', o seu primeiro poemario individual.

Alba Cid, ourensá, é licenciada en Filoloxía Galega, Portuguesa e Románica pola Universidade de Santiago, autora e crítica de poesía contemporánea. Nos últimos dous anos foi lectora de lingua galega no Centro John Rutherford de Estudos Galegos da Universidade de Oxford. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, unha serie web da  Academy of American Poets.

Colaboradora do ‘Diario Cultural’ da Radio Galega desde setembro de 2018, Alba Cid xa participaba anteriormente tamén no programa sobre libros 'Chamando á Terra', tamén na Radio Galega, que presentaba a coordinadora de Cultura da CRTVG, María Solar.

O xurado do Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández sinalou hoxe que elixiu a obra de Cid “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”. “É poesía tanto do coñecemento como da emoción e presenta unha nova cartografía en que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”, engadiu.

Este xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, con Begoña Cerro Prada, subdirectora de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, como vicepresidenta. O xurado estaba formado por: Luís Goytisolo Gay, pola Real Academia Española; Manuel Rivas Barrós, pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia; Àngels Gregori Parra, polo Instituto de Estudos Cataláns/Institut d'Estudis Catalans; Jorge Urrutia Gómez, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Miguel Losada González, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Araceli Iravedra Valea, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Marta García Miranda, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Ana Isabel Zamorano Roda, polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Javier Vela Sánchez, polo Ministerio de Cultura e Deporte e Xaime Martínez Menéndez, autor galardoado na convocatoria de 2019.

ler máis

Fútbol e baloncesto, esta semana en directo na Radio Galega

20/10/2020

O martes ofrecerase o Obradoiro - Real Madrid da Liga ACB e o mércores, o Lugo - Girona de Segunda División

Fútbol e baloncesto, esta semana en directo na Radio Galega

Santiago, 20.10.2020.-    Os afeccionados ao deporte teñen dúas citas esta semana na sintonía da Radio Galega. O martes, desde as 20.30 h, será protagonista o baloncesto de Liga ACB. O Obradoiro visita a pista do Real Madrid nun excelente momento, tras sumar catro vitorias, as mesmas que o cadro branco. O programa tamén estará atento ao fútbol sala, coa disputa do Navarra - O Parrulo Ferrol en Pamplona.

O mércores, desde as 18.45 h, ‘Galicia en Goles’ retransmitirá o partido da Segunda División de fútbol entre o Lugo e o Girona. O triunfo en Castalia reforzou a moral do equipo galego de cara a este complicado compromiso ante un rival que a temporada pasada quedou ás portas do ascenso á Primeira División. Ademais, o equipo deportivo da Radio Galega seguirá os encontros Zaragoza - Ensino, da liga feminina de baloncesto, e o Burela - Zaragoza, de fútbol sala.

Todas as emisións deportivas chegan aos oíntes a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa.

ler máis

Victoria Rodríguez, directora do 'Galicia por diante fin de semana', finalista do Premio Periodístico da Sociedade Española de Cardioloxía

19/10/2020

Cada domingo, este magazine da Radio Galega conta coa participación do cardiólogo José Ramón Juanatey

Victoria Rodríguez, directora do 'Galicia por diante fin de semana', finalista do Premio Periodístico da Sociedade Española de Cardioloxía

Santiago, 19.10.2020.-    O espazo 'Sabes como facer reanimación cardiopulmonar básica? Onde están os desfibriladores? Reclámaos', emitido no programa 'Galicia por diante fin de semana' da Radio Galega, é un dos finalistas do Premio Periodístico SEC-FEC, da Sociedade Española de Cardioloxía.

O espazo, realizado por Victoria Rodríguez, conta coa colaboración do cardiólogo José Ramón Juanatey, chega deste xeito á fase final na categoría 'Medios Audiovisuais', onde compite con dúas reportaxes de Castilla-La Mancha Media Radio e Antena 3 Noticias.

Os premiados coñeceranse durante o e-Congreso SEC 2020 da Saúde Cardiovascular, que se celebrará o vindeiro 29 de outubro. Este Premio Periodístico SEC-FEC ten como obxecto recoñecer xornalistas que co seu traballo constribúen a ampliar a difusión do coñecemento das enfermidades cardiovasculares entre a poboación xeral e os sectores especializados.

A Radio Galega emite 'Galicia por diante fin de semana' os sábados e domingos entre as 8.00 h e as 12.00 h do mediodía. Os dous días realízase unha entrevista en profundidade ás once da mañá e reportaxes de temas de actualidade. En canto ás colaboracións, os sábados fálase de lingua galega na sección 'Apalabradas' e de gastronomía en 'A gusto de Vieira'. O domingo é o día para falar de viaxes, de cardioloxía e de dereito.

ler máis

Celta-Atlético de Madrid, Castellón-Lugo e a Segunda B, en 'Galicia en goles'

16/10/2020

A retransmisións deportivas da fin de semana na Radio Galega comezan xa o venres ao serán co seguimento do partido Levante-O Parrulo

Celta-Atlético de Madrid, Castellón-Lugo e a Segunda B, en 'Galicia en goles'

Santiago, 16.10.2020.-  'Galicia en goles' comeza as retransmisións da fin de semana o venres ás oito e media do serán, co seguimento do partido Levante-O Parrulo, da Liga Nacional de fútbol sala. O programa analizará tamén ata as 12 da noite a última hora do deporte galego cos protagonistas e os especialistas da Radio Galega.

O sábado, desde as 3, a atención estará posta no Celta-Atlético de Madrid, da Primeira División, xunto ao Castellón-Lugo, de Segunda División A. O Guijuelo-Celta B, de Segunda B, e o Obradoiro-Guipuzkoa, da Liga ACB de baloncesto, serán outras das retransmisións que ocuparán a grella de programación ata as 11 da noite.

Xa o domingo, a edición contará desde as 12 do mediodía a xornada matinal, con atención ao fútbol feminino, a Liga de Terceira e as competicións de baloncesto, balonmán e hóckey a patíns. A partir das 3, a sesión de tarde despregará amplos equipos técnicos e humanos no comezo da Segunda B, con catro encontros: Rácing de Ferrol-Pontevedra, Deportivo-Salamanca, Unionistas-Compostela e Coruxo-Zamora. A primeira xornada da Terceira ten como sobranceiro o Arousa-Arenteiro, no estadio da Lomba. Desde as 9 da noite, xornalistas, adestradores e árbitros xuntaranse arredor do faladoiro para debater sobre os resultados dos nosos equipos nun espazo de opinión que a audiencia pode ver tamén polo streaming Mira RG a través da web da CRTVG.

Ademais de 'Galicia en goles', a Radio Galega ofrece durante a fin de semana outros espazos de información deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo chega a Xove para difundir en 'Convivir deportivo' o fútbol gaélico. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez resume en 'Gas a fondo' o rally San Froilán. E ás once e media, Toni López convida no 'Galicia en Toquio' a Antonio Serrat e Susana Rodríguez.

Por último, o domingo ás 11 da noite, Pedro Pablo Alonso pecha a programación da fin de semana coa mesa de debate de 'Ao contraataque'.

ler máis

'Mar de Ardora' da RG desprázase a Noia para facer un balance da campaña marisqueira

14/10/2020

Desde a lonxa de Testal, coñecerá a situación do sector en plena pandemia e afondará no selo de calidade do berberecho de Noia

Este programa en exteriores farase sen público e coas precaucións e medidas de prevención para garantir a saúde dos profesionais da RG e dos seus convidados

'Mar de Ardora' da RG desprázase a Noia para facer un balance da campaña marisqueira

Santiago, 14.10.2020.-   ‘Mar de Ardora’ desprázase este xoves a Noia para preparar o programa que a Radio Galega emitirá esta fin de semana, un monográfico sobre a campaña marisqueira na ría de Muros-Noia, que chega ao seu primeiro mes. Desde a lonxa de Testal, o programa fará un balance do arranque da campaña, que afecta preto de 1.500 produtores e supón a principal actividade empresarial da zona.

O espazo presentado por Xusto López Carril interesarase pola situación deste sector marisqueiro e, en plena pandemia, coñecerá os controis nas instalacións e as medidas tomadas por mariscadoras e mariscadores para desenvolver os labores de recollida do bivalvo con total seguridade.

O selo de calidade do berberecho de Noia, acadado o pasado mes de xullo, é outro dos temas nos que afondará ‘Mar de Ardora’. Coa consecución da nova marca Galicia Calidade, o sector busca abrir novos mercados para este molusco, do que o 70% que se comercializa en Galicia procede desta ría.  

Nesta edición de ‘Mar de Ardora’, que se emite o sábado de 7.00 a 8.00 h, contarase coa participación do patrón maior da confraría de mariscadores de Noia, Santiago Cruz; da presidenta da Agrupación de Mariscadores de a Pé, Marisol Amado, e do secretario da Confraría San Bartolomé, Adelo Freire. O espazo asistirá tamén pola tarde á poxa do berberecho e a ameixa.  

Berberecho de Noia, nos comedores de Inditex

ler máis

Lugo-Mallorca, a Copa Federación e o Deportivo-Valladolid B, os partidos destacados no Galicia en Goles

09/10/2020

No polideportivo destacan as competicións de baloncesto, fútbol sala e balonmán

Durante a fin de semana, a Radio Galega ofrecerá unha programación de máis de vintecinco horas adicadas ao deporte

Lugo-Mallorca, a Copa Federación e o Deportivo-Valladolid B, os partidos destacados no Galicia en Goles

Santiago, 09.10.2020.-   A Radio Galega inicia no serán do venres a programación deportiva da fin de semana. Desde as oito e media, Paco Santos analiza a axenda completa dos equipos galegos e seguirá o encontro adiantado da xornada no fútbol sala, entre Osasuna e O Parrulo de Ferrol na Liga Nacional de Fútbol Sala.

ler máis

Comeza a fase de votación popular no concurso Musicando Carvalho Calero da Radio Galega e AGAL

07/10/2020

Presentáronse 80 cancións, das que o xurado escolleu as 10 finalistas que se poden votar desde hoxe na web carvalho2020.gal

O certame foi convocado para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas

Comeza a fase de votación popular no concurso Musicando Carvalho Calero da Radio Galega e AGAL

Santiago, 07.10.2020.-    O concurso Musicando Carvalho Calero, posto en marcha pola Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, chega á súa fase final. Desde hoxe e ata o 29 de outubro pódense votar as 10 cancións finalistas, que foron elixidas polo xurado do certame, na páxina web http://carvalho2020.gal.

Será esta votación popular a que decida o tema gañador dun certame que supuxo un éxito absoluto de convocatoria, xa que se presentaron 80 cancións, algunhas de artistas pouco coñecidos e moitas outras de cantantes e grupos xa consolidados no panorama galego. Cada persoa que participe deberá seleccionar os seus tres temas favoritos para poder rexistrar o seu voto.

Madalena Gamalho, Clássicos Livres, MJ Pérez, Aldea Carnal, Benja Morana, A Banda da Loba, Dandy Fever, O Portughés, João Moniz e Demo Deus son os grupos e artistas que aspiran a gañar o concurso.

O 30 de outubro, 110º aniversario do nacemento de Carvalho Calero, coñecerase o nome do vencedor. O premio para o grupo ou solista gañador, por parte da CRTVG, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. O gañador poderá gravar o seu tema nos estudios da Radio Galega, incluída a gravación dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio en metálico de 1.500 €.

Ademais da calidade das propostas, ao xurado sorprendeulle a variedade de estilos que se presentaron a concurso, desde música clásica, coral ou tradicional ata trap, heavy, indie e cumbia, entre outros. Composto polo xornalista musical Tito Lesende, o músico e investigador Alfonso Espiño, a coordinadora de Cultura da CRTVG, María Solar, a xestora cultural Aitana Cuétara, o músico Caxade e o escritor e profesor Carlos Quiroga, o xurado elixiu os 10 temas finalistas que acceden á fase de votación popular.

O gañador sucederá a A Minha Embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, que, coa súa versión de tema ‘Maria Silêncio’, gañou a primeira edición do concurso, celebrada hai dez anos.

A posta en marcha deste concurso no mes de xuño deu pé a unha sección semanal no programa da Radio Galega ‘Diario Cultural’, en que se foi debullando a figura de Carvalho Calero, se explicaron as bases do certame e se animou a xente a participar musicando poemas do autor.

ler máis