CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Lugo-Mallorca, a Copa Federación e o Deportivo-Valladolid B, os partidos destacados no Galicia en Goles

09/10/2020

No polideportivo destacan as competicións de baloncesto, fútbol sala e balonmán

Durante a fin de semana, a Radio Galega ofrecerá unha programación de máis de vintecinco horas adicadas ao deporte

Lugo-Mallorca, a Copa Federación e o Deportivo-Valladolid B, os partidos destacados no Galicia en Goles

Santiago, 09.10.2020.-   A Radio Galega inicia no serán do venres a programación deportiva da fin de semana. Desde as oito e media, Paco Santos analiza a axenda completa dos equipos galegos e seguirá o encontro adiantado da xornada no fútbol sala, entre Osasuna e O Parrulo de Ferrol na Liga Nacional de Fútbol Sala.

O sábado, desde as 3 da tarde, Xoán Galán capitanea as retransmisións dos últimos partidos de pretemporada dos equipos da Segunda B e Terceira, a unha semana para o comezo dos campionatos de Liga.

O Deportivo-Valladolid B será o encontro máis destacado, xunto ao resumo dos disputados pola mañá: Compostela-Pontevedra, Coruxo-Arenteiro e Atios-Celta B.

O domingo, ás 11.45 horas, o programa transmitirá o Lugo-Mallorca, de 2ª División, desde o Anxo Carro. Tamén seguirá a segunda xornada da liga feminina co Deportivo-Real Sociedade e as eliminatorias da Copa Federación a partido único: Tenisca-Rácing de Ferrol e Bouzas-Melilla.

Desde as 3, a atención estará posta na final de Preferente, entre o Viveiro e o Ribadumia.
A partir das oito e media, o faladoiro de especialistas pasará revista á situación do fútbol galego, nunha emisión que tamén se poderá ver polo streaming Mira RG da web da CRTVG.

Na fin de semana, a Radio Galega ofrece outros espazos deportivos. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo presenta desde Xove Convivir deportivo dedicado ao fútbol gaélico. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez resume no Gas a fondo a actualidade do motor. E ás once e media, Toni López entrevista no Galicia en Toquio á regatista Támara Echegoyen.

O domingo, ás 11 da noite, a mesa de debate de Ao Contraataque analizará a actualidade do fútbol galego, con atención especial ao Lugo-Mallorca.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, a aplicación Radioplayer España e os altofalantes Alexa.