CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A xornalista da CRTVG Alba Mancebo imparte unha charla sobre a profesión no CPI de Zas

22/10/2019

Os alumnos deste centro xogan a ser xornalistas cun proxecto centrado no coidado do planeta, e todo desde unha perspectiva de xénero

A profesional dos medios públicos foi a primeira convidada para falarlles do seu traballo e explicarlles como se redactan as noticias

A xornalista da CRTVG Alba Mancebo imparte unha charla sobre a profesión no CPI de Zas

Santiago, 22.10.2019.-   A xefa de Extensión Dixital da CRTVG, Alba Mancebo, estivo onte no CPI de Zas cos alumnos de 1º e 2º da ESO para falar de xornalismo e explicar algúns conceptos básicos sobre esta profesión.

Os alumnos deste centro levan a cabo un proxecto coa súa profesora de lingua galega, María Blanco, que consiste en traballar sobre o coidado do planeta xogando a ser xornalistas, todo  desde a perspectiva de xénero. Por isto, teñen a misión de entrevistar mulleres da contorna que traballen en diferentes ámbitos, como escritoras, científicas, etc. Como xornalista de Vimianzo, Alba Mancebo foi a primeira convidada para falar da súa profesión, explicarlles como redactar noticias e que requisitos se deben cumprir, entre outras consideracións. 

A conversa da xornalista da CRTVG cos rapaces e rapazas do CPI de Zas centrouse en explicarlles a importancia do xornalismo e cales son as bases para crear unha noticia. Tamén falou dos medios públicos, da FORTA, do papel das autonómicas e da importancia do galego nos medios públicos. Os alumnos foron moi participativos e as súas preguntas estiveron centradas na experiencia persoal da xornalista, pero tamén mostraron moito interese en temas relacionados co machismo na profesión ou a importancia da lingua galega. 

Todo o que aprenderon nesta xornada terán que aplicalo redactando unha noticia sobre a visita e tamén no seu blog ECO-Zas, o seu xornal dixital sobre ecoloxía e consumo responsable.