CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG propón este martes unha noite monográfica arredor do caso Asunta

24/11/2020

Ofreceranse os documentais 'Traxedia dunha familia' (22.35 h), sobre a historia dos Porto Basterra, e 'O que a verdade esconde' (23.10 h), que conxuga interrogantes e perspectivas novas sobre os acontecementos, a investigación e o xuízo

A TVG propón este martes unha noite monográfica arredor do caso Asunta

Santiago, 24.11.2020.-     A Televisión de Galicia ofrece hoxe un documental sobre a historia da familia Porto Basterra, que se fixo mundial e tristemente famosa pola morte, asasinada, da súa filla adoptiva Asunta.

A TVG posúe o maior arquivo de imaxes e datos deste caso. Con el elaborouse o programa 'Caso Asunta. Traxedia dunha familia', que fai un repaso polo que pasou cando se descubriu o cadáver da nena, a investigación, o xuízo e a condena dos pais como responsables da súa morte. Tamén se achegará á súa situación no cárcere, principalmente de Rosario Porto, durante estes sete anos, que culminaron co achado do seu cadáver colgado da fiestra da súa cela.

Para isto, o programa contará co testemuño de co catedrático de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago Jorge Sobral, amplamente coñecido como unha das caras habituais da noite dos martes no programa de 'Na mente do asasino'. Tamén se incluirán as declaracións durante estes días de persoas que teñen ou tiveron relevancia neste caso, como o avogado de Rosario Porto, José Luís Gutierrez Aranguren, e o que fora xuíz instrutor, José Antonio Vázquez Taín. Pero sempre sen perder de vista a auténtica vítima deste caso: a nena Asunta.

A continuación, emitirase o documental 'Caso Asunta. O que a verdade esconde', realizado pola produtora Bambú, responsable de éxitos coma a serie 'Fariña', que reconstrúe o que pasou antes e despois de que a pequena Asunta fora abandonada sen vida nunha pista forestal de Cacheiras.

Pertencente ao xénero do true crime, que mestura documental, ficción e reportaxe de investigación, esta produción conxuga interrogantes e perspectivas novas sobre os acontecementos, a investigación e o xuízo, con testemuñas novas que aínda non se coñecían.