CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG despide 2020 coa maior audiencia dos últimos seis anos

04/01/2021

En decembro acadou unha cota do 11,5% no día e un 11,6% no prime time, habendo que remontarse a febreiro de 2014 para atopar uns datos semellantes

É a canle que máis medra en Galicia e a que ten máis espectadores entre a xente nova

Dos 25 programas máis vistos en Galicia o mes pasado, 12 foron da TVG

A TVG despide 2020 coa maior audiencia dos últimos seis anos

Santiago, 04.01.2021.-   A Televisión de Galicia pechou o mes de decembro cunha cota de pantalla do 11,5% no conxunto do día, a media mensual máis alta desde febreiro de 2014, e un 11,6% no prime time ou faixa de maior consumo televisivo, o valor máximo acadado desde decembro de 2018. O share da canle pública galega é superior ao 10% no conxunto do día por terceiro mes consecutivo, afianzando deste xeito a súa tendencia á alza.

Comparando estes datos cos do mes de novembro, a TVG é a canle que máis medra en Galicia, xa que experimentou un incremento de 9 décimas (un 8,5%) no conxunto do día. No prime time tamén foi a que máis creceu, con 6 décimas máis (un 5,5% de incremento). Con respecto ao mesmo período de hai un ano, o incremento é de 2,2 puntos de cota no conxunto do día, o que supón un aumento do 23,7%.

A Televisión de Galicia tamén é a canle que acada unha maior audiencia en Galicia entre os mozos de 13 a 24 anos. A cota de pantalla nese target é do 11,1% e o seu competidor máis próximo, Antena 3, acada un 8,2% nesa faixa de idade.

Por faixas horarias, o liderado dos informativos do mediodía é absoluto, cun 21,6% de cota de pantalla acadado de luns a domingo, situándose 7,6 puntos de share por riba do seguinte competidor, Tele 5, que rexistrou un 14%. Ademais, os informativos diarios da TVG foron en decembro os máis vistos, cunha audiencia media de 87.000 espectadores; os que acadaron unha cota media superior e Galicia, cun 17,5%, e os que de media chegaron a maior número de persoas por informativo, a 158.000 persoas. No ranking dos 25 programas máis vistos do mes, a TVG ostenta un amplo liderado, ao contar con 12 destas emisións, sendo 11 delas programas informativos.

Día de Fin de Ano

Televisión de Galicia pechou 2020 cun 14,2% de cota de pantalla o día 31 de decembro, unha cifra que ascende ata o 17,2% de media na faixa do prime time. Na xornada de Noitevella foi un éxito a emisión da Gala de Fin de Ano, cun 16,4% de share. 679.000 persoas formaron parte da súa audiencia, o 26% dos galegos de 4 e máis anos. A retransmisión das badaladas contou cunha cota media do 14,5% e concentrou 292.000 galegos en pouco máis de 23 minutos. Ademais, ese mesmo día, o Especial Informativo de Apertura da Porta Santa acadou un 10,8% de cota e foi capaz de chegar a 329.000 persoas durante a súa emisión e a moitos milleiros máis en todo o mundo a través de crtvg.gal e a canle de Youtube da CRTVG.

2020 foi o ano da información de servizo público. No medio dunha pandemia sen precedentes, os medios públicos galegos responderon dando o máximo servizo público da súa historia e este traballo viuse recompensado pola sintonía e a fidelidade da audiencia galega.