CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG acada no mes de marzo a segunda posición no 'prime time', cunha cota de pantalla do 10,8%

01/04/2016

Con tres meses consecutivos de incremento de audiencia, sitúase como a terceira canle máis vista no conxunto do día, por diante de La 1

A canle pública mantén o liderado nos informativos do mediodía e supera a media de share de Forta, tanto no momento de máximo consumo televisivo coma no acumulado diario

A TVG acada no mes de marzo a segunda posición no 'prime time', cunha cota de pantalla do 10,8%

Santiago 01.04.2016.-    A Televisión de Galicia acadou no mes de marzo a segunda posición no prime time ou faixa de máximo consumo televisivo, cunha cota de pantalla do 10,8%, o que a situou por diante de canles como La 1 e Antena 3. No conxunto do día, a Galega foi a terceira máis vista, cun 9,9% de share, tamén por enriba da primeira canle de TVE. Esta cota acumulada é ademais o dato máis elevado desde xaneiro de 2015.
    
A canle pública leva tres meses consecutivos de incremento de audiencia. No mes de marzo, medrou tres décimas na cota acumulada e oito no prime time. Con respecto ao mesmo período do ano anterior, o aumento é aínda máis significativo: un 3,1%.

Ademais, a TVG mantén o liderado nos informativos do mediodía. Na faixa informativa de 13.30 a 15.30 horas, obtén unha cota de pantalla do 21,9%, dúas décimas máis que en febreiro e nove puntos porcentuais por riba do seguinte competidor, Tele5, que queda cun 12,1%. Ademais, o “Telexornal Serán” foi, de luns a venres, o que máis medrou en audiencia, con máis dun punto porcentual. Tamén o fixeron o “Telexornal Mediodía” e o “Galicia Noticias Mediodía”.

A Televisión de Galicia atópase igualmente por riba da media de cota de pantalla alcanzada polas canles que integran Forta, do 7,6% no conxunto do día e do 7,5% no prime time. Entre os entes públicos das distintas comunidades, a TVG acadou a segunda posición na faixa de máxima audiencia, superando a ATV (10,8%), e foi a terceira canle máis vista no conxunto do día, por riba doutras coma Canal Sur, ETB2, TVCan ou TPA.

Por días de semana, a TVG acadou os maiores incrementos no prime time dos sábados, faixa que sobe 1,9 puntos e da que tira o programa “Bamboleo”; os domingos e mércores, con 1,1 puntos de aumento nos dous casos e con “Urxencia Cero” e “Land Rober Tunai Show” como espazos destacados, e os venres, en que o éxito de “Luar” lle proporcionou á canle autonómica un punto de subida.

Pola súa parte, a tvG2 acadou unha cota de pantalla do 0,8% no mes de marzo, conseguindo superar a V Televisión, que tivo un 0,3%.

Na foto superior, Xosé Manuel Piñeiro, presentador de "Bamboleo", o programa do prime time dos sábados, día da semana que experimentou un maior incremento