CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Televisión de Galicia asiste esta noite a 'A mellor cea do mundo'

25/12/2017

Neste programa, as reporteiras Belén Vara e Ariadna Leis viaxarán por toda Galicia para descubrir os segredos dos produtos estrela destas festas

A Televisión de Galicia asiste esta noite a 'A mellor cea do mundo'

Santiago 26.12.2017.-  Cando chega a época das festas, os galegos reúnense para celebralas como máis gustan, coa familia, cos amigos, cos compañeiros de traballo... E sempre arredor dunha mesa chea de riquísimos produtos da terra e do mar. A materia prima é espectacular e as ganas de pasalo ben, cantar e bailar nunca faltan. Así que é moi posible que a que se prepara nestes días en Galicia sexa  'A mellor cea do mundo' (22.50 h.).  

Que tipo de marisco triunfa nas ceas galegas? Prefírese un bo capón ou bacallau? Céanse cousas distintas dependendo do lugar en que se viva? Mércase algún viño especial para as festas? De que se fala nestas ceas interminables? É imprescindible cantar coa chegada da sobremesa? A resposta a todas estas preguntas obterase no programa especial que a TVG ofrecerá esta noite. Trátase dun divertido espazo en que as reporteiras Belén Vara e Ariadna Leis viaxarán por toda Galicia para descubrir os segredos dos produtos estrela desta época tan especial.

A aventura comezará nas rúas de Santiago de Compostela, onde descubrirán cales son as preferencias dos galegos cando se trata dunha cea importante. Tamén estarán no mercado de abastos da cidade e contarán coa experta opinión do xornalista gastronómico Xosé Manuel García.

Para os entrantes da mellor cea do mundo, as reporteiras do programa irán ata a provincia de Ourense. No concello de Vilar de Santos probarán os embutidos de Sabor de Aldea, unha empresa familiar que destaca polos seus saborosos chourizos. E na cidade de Ourense presentarán a Pepe Oliveira, un apaixonado da cociña que preparará na súa propia casa cinco orixinais aperitivos.

A continuación, viaxarán ata Sanxenxo para participar nun obradoiro de cociña onde a centola é a estrela das clases. Despois, na Illa de Arousa acompañarán un grupo de amigas que cociñarán xuntas unha riquísima cea a base de vieiras, ameixas e mexillóns.

Tras os aperitivos e o marisco, chegará o momento do bacallau. Na Coruña aprenderanse todos os trucos para preparalo como manda a tradición, acompañado dunha saborosa coliflor. Mentres, en Mondoñedo, como noutras partes da provincia de Lugo, o prato principal para a mellor cea do mundo é o bacallau con repolo. E ata alí tamén se achegarán as reporteiras.

 Para os que prefiran a carne, 'A mellor cea do mundo' proporá unha chea de opcións. A primeira, sen dúbida, será o capón de Vilalba. Nesta vila de Lugo, os espectadores coñecerán a Aurora, unha das mellores criadoras deste animal. Despois, na Coruña, elaborarase un capón na casa de Juan Carlos Alonso e a súa familia.

Tamén haberá tempo para achegarse ata Nigrán e comprobar como é a preparación dun cabrito ao espeto. Ademais, 'A mellor cea do mundo” daralle voz a Juan Mari, que desde o seu local de Pontevedra recomendará os mellores viños galegos para acompañar todos os produtos vistos anteriormente.

Para culminar a cea, as reporteiras irán a Allariz na procura do clásico marrón glacé. Ademais, presentarán a Victoria e a súa filla, unhas auténticas mestras da torta de améndoas. Pero a cousa non remata aquí, porque “A mellor cea do mundo” sempre debe ir acompañada de música, cancións, contos, alegría... Así son as ceas que organizan Nieves e Gregorio, un matrimonio de Vigo que abrirá ás portas do seu fogar ao programa. Para que non falte de nada, o programa tamén ofrecerá a actuación do grupo tradicional Tanto Nos Ten, de Redondela.