CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Santa Compaña puido ser a orixe dos zombis do cine americano, segundo un documental da Televisión de Galicia

31/10/2020

Con ‘George Romero: zombis e Santa Compaña’, a TVG indaga este sábado na relación con Galicia do pioneiro deste xénero

A cinta percorre a historia da familia Romero e insiste nas máis que posibles influencias da cultura e antropoloxía galegas en ‘A noite dos mortos viventes’, película que creou tendencia no cinema de terror americano

A Santa Compaña puido ser a orixe dos zombis do cine americano, segundo un documental da Televisión de Galicia

Santiago, 31.10.2020.-    Na noite de Defuntos, a do 31 de outubro ao 1 de novembro, a TVG emite o documental ‘George Romero: zombis e Santa Compaña’ a través da primeira canle, despois do programa ‘Bamboleo’, sobre as 00.30 h, e tamén na G2 ás 23.30 h. Trátase dun documental sobre a figura do director de ‘A noite dos mortos viventes’ (1968), película pioneira do xénero zombi do cine americano. A tese é que Romero, que era neto de galegos, se inspirou para este filme nos relatos familiares sobre a Santa Compaña.

Durante décadas, os afeccionados galegos cultivaron a lenda de que George A. Romero, de moita fama no cinema de terror norteamericano, tiña orixes galegas. Aos poucos, o que parecía unha fabulación foi tomando corpo con sucesivas pescudas dos investigadores e confirmouse que a familia do ‘rei dos zombis’ era de aquí. Títulos tan coñecidos da industria norteamericana como ‘Zombi’ (1978), ‘Creepshow’ (1982) ou ‘A metade escura’ (1993) terían influencias da ‘nai Galicia’.

Con este documental, a produtora Formato, por iniciativa do seu produtor executivo, Andrés Barbé, incide no tema, achegando novos datos e entrevistando un dos parentes do mítico realizador -falecido no Canadá en 2017-, que é, nada menos que Guillermo Escrigas, historiador e director do CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) durante a última década, que contará as súas lembranzas de infancia sobre o tío George.

O documental insiste nas máis que posibles influencias da cultura e da antropoloxía galegas no nacemento dunha película de zombis que creou tendencia no xénero terrorífico, ‘A noite dos mortos viventes’, pois o neno George escoitaba os contos da Santa Compaña da voz da súa avoa galega, nada na Mourela (Neda). A película percorre a historia da familia Romero, desde Galicia ata os Estados Unidos, pasando por Cuba, e elabora un pequeno discurso sobre a importancia de Santo André de Teixido na evolución do cinema de zombis americano.