CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Liga San Miguel de Traíñas volve ser protagonista nas transmisións deportivas deste verán na tvG2

18/06/2011

Desde este domingo, 19 de xuño, e ata mediados de setembro, a segunda canle da TVG emitirá en directo as 20 regatas da 9ª edición da Liga San Miguel, na que compite a tripulación galega da SD Tirán

A partir de xullo, a tvG2 tamén ofrecerá a competición feminina, a Liga Euskotren

Santiago, 18.06.2011.- Unha nova temporada da Liga San Miguel de Traíñas ocupará, desde este domingo, 19 de xuño, e ata o mes de setembro, un lugar de seu nos eventos deportivos de verán que transmitirá a segunda canle da Televisión de Galicia, a tvG2.

A edición deste ano, a novena, consta de 20 xornadas e 19 regatas puntuables. Durante estes tres meses, as 12 mellores tripulacións do País Vasco, Cantabria e Galicia, entre as que están os galegos da SD Tirán, percorrerán case 1.200 quilómetros que separan a localidade galega de Moaña da francesa de Bordeos para acadar o seu trofeo máis prezado, a Corona Mapfre.

A temporada da Liga San Miguel de Traíñas arrinca, este domingo ás 12.00h, en augas de Bordeos, coa primeira regata puntuable da liga, o Grand Prix CCI de Bordeaux, a proba terá un percorrido de 5.556 metros, con seis largos e cinco ceavogas.

Amais da Liga San Miguel, a tvG2 ofrecerá a partir de xullo a competición feminina, a terceira edición da Liga Euskotren, que constará de 8 bandeiras e onde participará unha embarcación representando a Galicia.