CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG colabora co programa educativo '21 días co galego e +' para promover o galego fóra das aulas

22/02/2021

O magazine ‘Galicia por Diante’ da Radio Galega conversará cada día con alumnos e e profesores dun dos dez colexios participantes

O proxecto #DígochoEu visitará virtualmente eses centros de ensino, comezando este xoves co IES Taboada Chivite de Verín

'21 días co galego e +' é un programa de Política Lingüística, que busca favorecer o uso do galego oral entre a xente nova

A CRTVG colabora co programa educativo '21 días co galego e +' para promover o galego fóra das aulas

Santiago, 22.02.2021.- A CRTVG colabora desde hoxe no programa educativo ’21 días co galego e +’, que leva a cabo a Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino. Ata o 14 de marzo, o espazo da Radio Galega ‘Galicia por Diante’ e o proxecto #DígochoEu da CRTVG serán cómplices desta nova edición para favorecer o uso e perfeccionamento da nosa lingua en todos os ámbitos e, mesmo dun xeito divertido, mellorar o coñecemento sobre o galego. Nesta iniciativa, en que participan dez centros das catro provincias galegas da ESO, de bacharelato e de FP, o alumnado comprométese co seu profesorado a falar soamente en galego as 24 horas do día durante os 21 días de duración.

Cada día, o magazine ‘Galicia por Diante’ da RG (tamén nas fins de semana) acollerá unha sección con algún dos dez centros de ensino participantes, en que se tratarán temas relacionados coa lectura, a lingua e os colexios, entre outras cuestións. Desde o martes 23 e a partir das 13.00 horas, durante uns dez minutos, conversarase en directo cunha representación dun colexio, que estará formada por unha alumna, un alumno e unha/un docente. Na fin de semana, esta conversa desenvolverase ás 10.45 horas. A RG presentoulle esta iniciativa aos seus oíntes este luns, cunha entrevista conxunta coa promotora da mesma Pilar Ponte e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e coa participación de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

Charlas virtuais do #DígochoEu nos dez colexios participantes

Pola súa parte, o proxecto #DígochoEu visitará virtualmente o xoves o IES Taboada Chivite de Verín, nunha sesión que atenderán arredor dun cento de estudantes. Os xornalistas Carlos Amado e Esther Estévez retoman, aínda que sexa virtualmente, os encontros cos centros escolares para difundir os obxectivos de #DígochoEu, espallar o uso do galego e promover o seu uso correcto. En total, realizaranse dez charlas ao longo das vindeiras semanas.

#DígochoEu é xa o proxecto sobre lingua máis seguido na historia dos medios públicos galegos. Con marcas de seguimento na web e nas redes sociais, o espazo chegou esta semana a máis de 10 millóns de visualizacións en TikTok, onde a seguen 80.000 persoas. Esta conta foi creada a finais de setembro e os seus vídeos acadaron desde entón 1,1 millóns de likes. Cun formato moi divertido e dinámico, a xornalista Esther Estévez convida a falar mellor en galego nun breve vídeo diario, de tan só 1 minuto. #DígochoEu naceu en xaneiro de 2020 dentro da web dos servizos informativos e hoxe pode verse na web crtvg.gal, en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@g24noticias), Twitter (@g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG. Dirixido polo xornalista Carlos F. Amado, #DígochoEu conta coa revisión do servizo de asesoramento lingüístico da CRTVG da man de Rocío Pérez, quen tamén participará nas sesións.

Dez centros de ensino participan en ‘21 días co galego e +’

Este programa ten a súa orixe en ‘21 días co galego’, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte. A Secretaría Xeral de Política Lingüística quixo dar un paso máis e exportou a iniciativa a outros centros educativos, no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade. Na edición de 2021 son dez os centros de ensino galegos, que desenvolven os contidos do programa: IES Perdouro de Burela, IES As Mariñas de Betanzos, IES de Carral, CPR A Inmaculada de Lugo, IES Lamas de Abade de Santiago, IES Ramón Cabanillas de Cambados, IES Sánchez Cantón de Pontevedra, IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, IES Santa Irene de Vigo e IES Taboada Chivite de Verín.