CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG busca a banda sonora que acompañará os galegos durante este Nadal

28/10/2020

As persoas interesadas en participar na sexta edición do concurso ‘Este Nadal Canta con Nós’ teñen de prazo desde hoxe ata o próximo 5 de decembro

Os temas, que deben ser inéditos e escritos en galego, enviaranse en formato mp3 ou mp4 ao enderezo canciondonadal2020@crtvg.es

A CRTVG busca a banda sonora que acompañará os galegos durante este Nadal

Santiago, 28.10.2020.-   A CRTVG abre desde hoxe a convocatoria para poñerlle unha nova melodía ao Nadal galego. O prazo para a presentación de cancións que estará aberto ata o próximo 5 de decembro. A sexta edición do certame ‘Este Nadal Canta con Nós’ ponse en marcha coa idea de atopar a mellor banda sonora para acompañar os galegos e galegas este Nadal e, para iso, as cancións deben de ser inéditas e orixinais (ou versións doutras coa autorización dos titulares dos dereitos), ademais de estaren escritas en lingua galega.

Cada grupo ou solista participante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 4 minutos, e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 e, en caso de presentar vídeo musical, en mp4, ao enderezo canciondonadal2020@crtvg.es.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para decidir o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais.       

O/a gañador/a cederalle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública da súa canción. Pola súa parte, o xurado estará composto por cinco persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia. O 11 de decembro farase público o tema vencedor e tamén unha lista puntuada ata o quinto posto  na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases.

Esta é a sexta edición deste concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta ‘Cando é Nadal’; Iván Vale, co tema ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’, Susana Martínez, con ‘O sinal’, e o CEIP Covas de Meaño, que se fixo coa quinta edición do concurso grazas á canción ‘Saúde e cante o merlo’.