CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG apoia unha edición moi diferente do Culturgal, emitindo pola web gran parte dos seus contidos

26/11/2020

Este sábado e domingo, o portal crtvg.gal achegará concertos e actividades literarias, musicais e infantís da Feira das Industrias Culturais, que este ano se ve obrigada a facerse de xeito virtual

A xornalista da TVG Esther Estévez será a condutora das retransmisións no Espazo Libro, unha das tres canles de streaming habilitadas polo evento

A CRTVG apoia unha edición moi diferente do Culturgal, emitindo pola web gran parte dos seus contidos

Santiago, 26.11.2020.-    No marco do seu apoio continuado á cultura, a CRTVG participa, un ano máis, no Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, aínda que nesta ocasión será dun xeito ben diferente, xa que a maior parte da programación se ofrecerá de xeito virtual. Culturgal e a CRTVG proseguen coa súa colaboración tamén nestas circunstancias tan especiais e os medios públicos seguirán sendo medio colaborador do evento e emitirán o sábado e do domingo en streaming pola web parte das propostas culturais e didácticas da feira, con concertos, actividades literarias e propostas infantís en directo.

Libros, música ao vivo, escena, ciencia, arte contemporánea, cine e espectáculos xuntaranse esta fin de semana en Pontevedra na 13ª edición da feira baixo o lema: ‘En caso de emerxencia, cultura’. Ademais, a xornalista da TVG Esther Estévez, presentadora dos espazos ‘Cachadas’ e ‘Dígocho eu’, será a condutora das retransmisións no Espazo Libro do Culturgal.

Serán máis de catro horas de emisión: o sábado ás 11.00 h poderase seguir representación da obra ‘A pequena Compaña’, de Furabolos e Edicións Embora, unha breve adaptación da obra de Carlos Labraña, que foi Premio Estornela de teatro para nenos/as da Fundación Xosé Neira Vilas. Ás 12.30 h a escritora Ledicia Costas, unha das máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, falará das novidades na súa serie ‘Os minimortos’ e do seu novo libro ‘Vampira da biblioteca’.

Pola tarde, ás 18.30 h, emitirase ‘Deconfinarnos con Susana Seivane e Cas Berlai’, dous artistas con senllos novos discos nados durante o confinamento. As retransmisións do sábado rematarán ás 20.30 h cun concerto de Luar na Lubre  que presenta en Culturgal o seu último traballo, ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’.

Xa na xornada do domingo, a proposta que ofrecerá o streaming da CRTVG é ‘Sonárbore para toda a familia’ (12.00 h), coas obras ‘Ramona Órbita. A dona do tempo’, a xira do segundo libro-disco de Pakolas, e ‘Lingua guapa. Cantos que contan’, de Fina Casalderrey, unha das autoras máis recoñecidas da literatura galega.

A CRTVG participa desde 2010 no Culturgal, ao que levou distintas propostas culturais, programas en directo e un posto onde coñecer como se traballa nun estudio de televisión. Neste 2020, a Feira das Industrias Culturais Culturgal tivo que redeseñar os seus contidos, para adaptarse ás circunstancias sociais e sanitarias, e ofrecerá máis de 70 propostas culturais en catro escenarios que estarán dispoñibles tamén nas redes propias do festival www.culturgal.com e a súa canle de Youtube.