CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A colaboradora do 'Diario cultural' Alba Cid, galardoada co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández

20/10/2020

A poeta participa nos espazos de cultura da Radio Galega desde 2017, ano en que contribuíu no espazo de libros 'Chamando á Terra', e desde 2018, no 'Diario Cultural'

Nos últimos dous anos, foi lectora de lingua galega no Centro John Rutherford de Estudos Galegos da Universidade de Oxford

A colaboradora do 'Diario cultural' Alba Cid, galardoada co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández

Santiago, 20.10.2020.-    A poeta galega Alba Cid, colaboradora do 'Diario cultural' da Radio Galega, foi galardoada hoxe co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández pola súa obra 'Atlas', o seu primeiro poemario individual.

Alba Cid, ourensá, é licenciada en Filoloxía Galega, Portuguesa e Románica pola Universidade de Santiago, autora e crítica de poesía contemporánea. Nos últimos dous anos foi lectora de lingua galega no Centro John Rutherford de Estudos Galegos da Universidade de Oxford. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, unha serie web da  Academy of American Poets.

Colaboradora do ‘Diario Cultural’ da Radio Galega desde setembro de 2018, Alba Cid xa participaba anteriormente tamén no programa sobre libros 'Chamando á Terra', tamén na Radio Galega, que presentaba a coordinadora de Cultura da CRTVG, María Solar.

O xurado do Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández sinalou hoxe que elixiu a obra de Cid “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”. “É poesía tanto do coñecemento como da emoción e presenta unha nova cartografía en que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”, engadiu.

Este xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, con Begoña Cerro Prada, subdirectora de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, como vicepresidenta. O xurado estaba formado por: Luís Goytisolo Gay, pola Real Academia Española; Manuel Rivas Barrós, pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia; Àngels Gregori Parra, polo Instituto de Estudos Cataláns/Institut d'Estudis Catalans; Jorge Urrutia Gómez, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Miguel Losada González, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Araceli Iravedra Valea, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Marta García Miranda, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Ana Isabel Zamorano Roda, polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Javier Vela Sánchez, polo Ministerio de Cultura e Deporte e Xaime Martínez Menéndez, autor galardoado na convocatoria de 2019.