CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Barbanza e Terra de Melide enfróntanse hoxe en 'Come a comarca. As batallas'

13/01/2021

Cinco cociñeiros profesionais de cada unha das comarcas medirán as súas forzas na maior competición gastronómica de Galicia

A Barbanza e Terra de Melide enfróntanse hoxe en 'Come a comarca. As batallas'

Santiago, 13.1.2021.- Novo enfrontamento entre costa e interior na meirande competición gastronómica de Galicia. Este mércores, dúas novas comarcas medirán as súas forzas nas cociñas de ‘Come a comarca. As batallas’ (23.10 h). O presentador do programa, Fran Cañotas, achegarase á Barbanza e a Terra de Melide na procura das cociñeiras e cociñeiros profesionais que representen ambos os dous territorios. En xogo está o prestixio de ser os abandeirados da súa terra, ademais da posibilidade de gañar un suculento premio económico. Chegar á final suporía para o equipo clasificado levar 5.000 euros e ser o mellor dos 16 participantes multiplica esa cifra por tres ata os 15.000.

E que hai que facer para conseguilo? As formacións, de cinco profesionais dos fogóns, teñen en cada eliminatoria que elaborar a contra o reloxo o menú de tres pratos (primeiro, segundo e sobremesa) que propoñan os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea. 15 racións dunhas elaboracións que mesturan o mellor da tradición culinaria galega co toque de vangarda que cómpre esixirlles aos mellores cociñeiros do país. Un xurado composto por ese número de expertos en gastronomía catará a cegas os pratos, decidindo sen trampa nin cartón cal é a comarca que mellor interpretou a proposta e deu co mellor sabor.

O recrutamento dos equipos inclúe na Terra de Melide paradas en Castro Serantes, provedor de ovos campeiros; ou no Muíño de Trasmundi, que aínda moe a fariña como se facía hai máis dun século aproveitando a forza do río Catasol. Na Barbanza, os espectadores poderán ver de preto en que consiste o bou de vara, unha arte de pesca tradicional que só se practica na ría de Arousa.

Os participantes na quinta batalla do programa serán, pola Barbanza, Irene Amado, do bar Lombiña, na Pobra; Verónica Sánchez, cociñeira do Pazo de Cores de Negreira; Borja Buján, de Rianxo e á fronte de O Curro da Parra, en Santiago; Luis Arijón, do restaurante Nojira, da Pobra, e Alberto Carou, xefe do equipo barbancés e xerente do Curral do Marqués, en Rianxo. Os seus rivais, a Terra de Melide, estarán capitaneados por Pedro Coego, do restaurante O Recuncho do Convento. Completan o equipo o reposteiro Román Varela, da pastelería Trisquel; José Mouriño ‘Novita’, de A Cantina de Eleu, e os cociñeiros melidenses Pablo Laya e Daniel Fernández.