CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os espectadores de 'Cos Pés na Terra' saberán esta noite que é un cacharreiro e coñecerán o trigo de Callobre

30/11/2020

Ademais, un gandeiro transformarase en xeadeiro para converter o leite quente da muxidura en larpeiradas frías e deliciosas (22.30 h)

Os espectadores de 'Cos Pés na Terra' saberán esta noite que é un cacharreiro e coñecerán o trigo de Callobre

Santiago, 30.11.2020.-    No programa desta semana de ‘Cos Pés na Terra’, haberá xeados para todos grazas a Manolo, un gandeiro ao que os espectadores verán transformarse en xeadeiro, convertendo o leite quentiño da muxidura en larpeiradas frías e deliciosas.

Pola súa parte, Agustín e o seu fillo José explicarán o que é un cacharreiro. Os dous teñen a lección aprendida desde hai séculos. Con eles, o equipo do programa vai moldear coñecementos da olaría tradicional de Niñodaguia.

Ademais, con Alicia metida en fariña, ‘Cos Pés na Terra’ saberá máis do trigo de Callobre, un cereal autóctono que antigamente abundaba nos campos galegos e que se facía escoitar cantando.

ler máis

A chegada de dous atracadores ao banco pode botar por terra todo o plan de 'A Lei de Santos'

29/11/2020

Santos fará todo o posible por mantelos á marxe, a pesar de que tomaron como refén a todo o mundo que estaba na oficina

A chegada de dous atracadores ao banco pode botar por terra todo o plan de 'A Lei de Santos'

Santiago, 29.11.2020.-    Os seguidores de ‘A Lei de Santos’ (22.30 h) verán hoxe como, asumindo moitos riscos, Santos, Peixe e Pancho están facendo todo o posible para devolver a cabeza que atoparon na caixa de seguridade á sucursal bancaria sen levantar ningún tipo de sospeitas, pero a chegada de dous atracadores ao banco, cos que Santos non ten ningún tipo de relación, pode botar por terra o seu obxectivo.

Sen tempo que perder, Santos fará todo o posible por manter os atracadores á marxe, a pesar de que tomaron como refén a todo o mundo que estaba na oficina. Decataranse de que son Duarte e Bieito?

Despois de recibir as chamadas de varias testemuñas alertando dun segundo atraco, Ánxela non ten máis remedio que poñer en marcha un dispositivo para deter os atracadores e liberar os reféns. Estarán preparados no cuartel de Viladesantos para unha operación así?

ler máis

Os cantantes Eva B e Álvaro de Luna e a orquestra Vulkano Show actúan hoxe en 'Bamboleo'

28/11/2020

Xosé Manuel Piñeiro ponse á fronte dunha nova velada de música, espectáculo e entretemento, coas habituais seccións do programa e coa colaboración de Tamara Pérez, Claudio Pan e Isi

Os cantantes Eva B e Álvaro de Luna e a orquestra Vulkano Show actúan hoxe en 'Bamboleo'

Santiago, 28.11.2020.-  ‘Bamboleo’ (22.05 h) chega cada sábado coa súa especial combinación de música, espectáculo e entretemento. Nesta ocasión, Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita dous artistas moi novos que teñen en común a experiencia de participar en programas de talentos musicais: son Eva B e Álvaro de Luna.

Eva B, natural de Sada, iniciou a súa carreira na música hai apenas uns meses e xa conta con dous sinxelos no mercado: ‘Dumb’, composto pola propia artista e ‘América’, en que explora o pop e a electrónica. Eva B está en pleno proceso de creación do seu álbum debut e interpretará en ‘Bamboleo’ os dous temas que serven de adianto ao primeiro traballo discográfico.

ler máis

María Jiménez presenta novo disco en 'Luar', que amais fará gozar o público cos sons de Lucía Pérez, Panorama e A Roda

27/11/2020

Noelia Rodríguez, Pandeireteiras Lina e Lola e o Colectivo Castro Floxo, completan as actuacións musicais, nunha edición en que o bote do concurso telefónico parte con 10.000 euros

María Jiménez presenta novo disco en 'Luar', que amais fará gozar o público cos sons de Lucía Pérez, Panorama e A Roda

Santiago, 27.11.2020.-  Tras superar graves problemas de saúde e camiño dos seus 71 anos, a voz potente de María Jiménez volverá soar esta noite en ‘Luar’, con novas propostas. A cantante regresa con forza e ilusión aos escenarios cun novo traballo discográfico, ‘La vida a mi manera’, do que di que é autobiográfico.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán a benvida este venres tamén a Lucía Pérez, a cantante do Incio que representou a España no Festival de Eurovisión, interpretará algunhas das cancións que recolle no seu último disco ‘Quince soles’, un álbum integramente en galego con colaboracións de grandes artistas.

Outros dos grupos destacados desta edición son o grupo de música tradicional A Roda, quen amais de cantar a dúo con Lucía Perez, achegará o tema ‘Escolma de cantigas’; a orquestra Panorama, que enche de festa e diversión cada unha das súas intervencións; a ex recanteira de Padrón, Noelia Rodríguez; as Pandereteiras Lina e Lola, do Morrazo, e o folclore tradicional do Colectivo Castro Floxo, de Ourense.

A maiores, gozarase co humor de Os Tristes, dúo formado por Federico Pérez e Marcos Pereiro, e cos monólogos que propoñen Cuqui e Alberte Montes. Por outra parte, no ‘Recantos’ competirán esta noite China, de Noia-A Barbanza, e Belehm, en representación de Lugo sur. E o concurso telefónico parte hoxe cun bote de 10.000 euros.

ler máis

A CRTVG apoia unha edición moi diferente do Culturgal, emitindo pola web gran parte dos seus contidos

26/11/2020

Este sábado e domingo, o portal crtvg.gal achegará concertos e actividades literarias, musicais e infantís da Feira das Industrias Culturais, que este ano se ve obrigada a facerse de xeito virtual

A xornalista da TVG Esther Estévez será a condutora das retransmisións no Espazo Libro, unha das tres canles de streaming habilitadas polo evento

A CRTVG apoia unha edición moi diferente do Culturgal, emitindo pola web gran parte dos seus contidos

Santiago, 26.11.2020.-    No marco do seu apoio continuado á cultura, a CRTVG participa, un ano máis, no Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, aínda que nesta ocasión será dun xeito ben diferente, xa que a maior parte da programación se ofrecerá de xeito virtual. Culturgal e a CRTVG proseguen coa súa colaboración tamén nestas circunstancias tan especiais e os medios públicos seguirán sendo medio colaborador do evento e emitirán o sábado e do domingo en streaming pola web parte das propostas culturais e didácticas da feira, con concertos, actividades literarias e propostas infantís en directo.

Libros, música ao vivo, escena, ciencia, arte contemporánea, cine e espectáculos xuntaranse esta fin de semana en Pontevedra na 13ª edición da feira baixo o lema: ‘En caso de emerxencia, cultura’. Ademais, a xornalista da TVG Esther Estévez, presentadora dos espazos ‘Cachadas’ e ‘Dígocho eu’, será a condutora das retransmisións no Espazo Libro do Culturgal.

Serán máis de catro horas de emisión: o sábado ás 11.00 h poderase seguir representación da obra ‘A pequena Compaña’, de Furabolos e Edicións Embora, unha breve adaptación da obra de Carlos Labraña, que foi Premio Estornela de teatro para nenos/as da Fundación Xosé Neira Vilas. Ás 12.30 h a escritora Ledicia Costas, unha das máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, falará das novidades na súa serie ‘Os minimortos’ e do seu novo libro ‘Vampira da biblioteca’.

Pola tarde, ás 18.30 h, emitirase ‘Deconfinarnos con Susana Seivane e Cas Berlai’, dous artistas con senllos novos discos nados durante o confinamento. As retransmisións do sábado rematarán ás 20.30 h cun concerto de Luar na Lubre  que presenta en Culturgal o seu último traballo, ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’.

ler máis

O Informe do Pacto Mundial da ONU da CRTVG salienta a proxección social dos medios públicos

26/11/2020

Recolle as accións e avances da Corporación respecto de cuestións como transparencia, accesibilidade, atención a colectivos con necesidades especiais e as campañas de Responsabilidade Social Corporativa baixo o nome de #AcciónsG

A CRTVG é pioneira en España en someterse a este control de actividade. O noveno ‘Informe de progreso’ é público nas webs de Pacto Mundial das Nacións Unidas e no Portal de T

O Informe do Pacto Mundial da ONU da CRTVG salienta a proxección social dos medios públicos

Santiago, 26.11.2020.-  As accións de responsabilidade social corporativa, o diálogo coa audiencia, a renovación tecnolóxica para mellorar a accesibilidade, a transparencia, a atención á cidadanía ou a achega dunha programación aberta a todos, son algunhas das cuestións que se recollen cada ano no ‘Informe de progreso’ da CRTVG, o  documento que mide as melloras e avances en materia de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) da CRTVG de acordo cos principios do Pacto Mundial das Nacións Unidas, e que acaba de facerse público.

A CRTVG é a canle pioneira en España en someterse a este control e elaborar este dossier. Este ‘Informe de progreso’ vai xa pola novena edición nos medios públicos galegos e está accesible na web das Nacións Unidas Global Compact e no Portal de Transparencia da CRTVG.
    
Este amplo traballo detalla o compromiso da CRTVG cos dez principios básicos de conduta do Pacto Mundial da ONU, que atanguen os dereitos humanos, as normas laborais, o medio natural e a prevención e loita contra a corrupción.

Desde 2017 a política de RSC da CRTVG está aliñada coa divulgación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e, en 2019, a CRTVG reforzou a súa política de RSC en liña coa misión e actividade do Pacto Mundial de Nacións Unidas en España. Fíxoo, en primeiro lugar, coa creación de novas campañas corporativas en apoio dos ODS. En 2019 realizáronse catro campañas baixo a nova denominación de #AcciónsG, que estiveron centradas na promoción do deporte inclusivo, en abril coa campaña #NonMiresXoga; na promoción das Letras Galegas, en maio; na sostibilidade do mar #NonHaiMarB, no mes de xuño, e, finalmente, cunha campaña, en outubro, dedicada ás mulleres que traballan polo desenvolvemento da Galicia rural.

É salientable o capítulo que resume a intensa colaboración co tecido social e cultural galego, en que a CRTVG xoga un papel de medio colaborador que permite potenciar a visibilidade de iniciativas públicas e privadas, pequenas e grandes, nas catro provincias. Certames, festivais, premios e campañas que achegan por outra parte os medios públicos á cidadanía.

Outros aspectos como as normativas estritas nos procesos de contratación e compras e a relación co sector audiovisual galego; a promoción da igualdade de xénero, a formación interna, ou a aplicación da conciliación familiar e laboral recóllense tamén no documento. Este informe dá conta, por outra parte, dos procesos de control da xestión da Corporación, internos e externos, en que hai que salientar a rendición de contas tanto no Consello de Administración, como diante do Parlamento de Galicia, ao que se acude mensualmente para responder ás cuestións formuladas polas formacións representadas no arco parlamentario.

ler máis

'Land Rober Tunai Show' recibe esta noite a visita do xuíz Vázquez Taín e dos actores Antonio Durán 'Morris' e Isabel Naveira

26/11/2020

Os espectadores verán cal é o futuro do ‘trapicheo’ e asistirán ás bromas máis disparatadas en ‘Aló Land Rober’

'Land Rober Tunai Show' recibe esta noite a visita do xuíz Vázquez Taín e dos actores Antonio Durán 'Morris' e Isabel Naveira

Santiago, 26.11.2020.-  Este xoves chega a revolución ao ‘Land Rober Tunai Show’ (22.20 h) co xuíz Vázquez Taín e os actores Antonio Durán ‘Morris’ e Isabel Naveira. Isto vai ser un tanto ilegal e os espectadores teñen que prepararse para ver cal é o futuro do ‘trapicheo’.

Ademais, volven as bromas máis disparatadas en ‘Aló Land Rober’ con Morris e o xuíz Taín. Conseguirán, a través de chamadas ao chou, manter un minuto de conversa cun descoñecido?

Ademais, Isabel Naveira e Eva Iglesias vanse enfrontar nun reto cuxa decisión final recaerá no xuíz Taín. Será quen de saber cal das dúas é a verdadeira culpable?

ler máis

Grazas ao recadado na X Semana coa Infancia da CRTVG, Unicef poderá vacinar máis de 12.200 nenos e nenas

25/11/2020

Co lema #PequenasSolucións, os espazos dos medios públicos incidiron na importancia da inmunización infantil para salvar vidas

Coñecidos presentadores e actores galegos participaron como 'mensaxeiros' de Unicef para axudar a concienciar sobre a importancia da inmunización infantil
 

Grazas ao recadado na X Semana coa Infancia da CRTVG, Unicef poderá vacinar máis de 12.200 nenos e nenas

Santiago, 25.11.2020.-  Grazas á solidariedade da audiencia dos medios públicos galegos durante a semana pasada, Unicef poderá vacinar 12.253 nenos e nenas contra o sarampelo nos próximos 12 meses.  A CRTVG colaborou na X Semana coa Infancia de Unicef ofrecendo información nas súas canles sobre a importancia da vacinación de todos os nenos e nenas do mundo.

Co lema #PequenasSolucións, a TVG e a Radio Galega, así como o portal web crtvg.gal e as redes sociais da Corporación, axudaron a través de entrevistas e reportaxes, a que se coñezan tamén os proxectos de Unicef na súa loita contra a pobreza infantil ou como afectou a covid-19 a infancia. Entre o 17 e o 22 de novembro, os presentadores e actores máis coñecidos dos medios públicos implicáronse como 'mensaxeiros' para visibilizar esta campaña, que a CRTVG apoia por décimo ano consecutivo no marco da súa acción de Responsabilidade Social Corporativa.

Entre outros moitos programas, os espazos 'Dígocho eu', nas redes, e na TVG o magazine matinal ‘A revista’, o informativo en clave de humor 'Malicia noticias', así como 'Luar' na noite dos venres, puxeron o foco no obxectivo de que ningún neno morra por unha causa que se pode previr cunha vacina. Hai que engadir a colaboración dos espazos informativos e de entretemento da Radio Galega e o labor do portal web da Corporación, que apoiou a campaña co cancelo #SemanaCoaInfancia e recolleu as noticias nunha canle temática. E sobre todo salientar a colaboración dos espectadores dos medios públicos galegos que se sumaron á campaña. Grazas a todos.


ler máis

Todas as claves para entender a cultura castrexa, esta noite, na serie documental 'Os castros'

25/11/2020

Alba Mancebo conducirá esta investigación desde o castro de Santa Trega, un enclave económico e cultural moi importante

Todas as claves para entender a cultura castrexa, esta noite, na serie documental 'Os castros'

Santiago, 25.11.2020.-  Toda forma de vida, coa súa economía, xera unha cultura, unha forma de estar no mundo e de entendelo. Na entrega desta semana da serie documental 'Os castros' (22.30 h), os espectadores da TVG poderán achegarse á cultura castrexa, que algúns autores definiron como unha cultura atlántica.

Para isto, a presentadora do programa, Alba Mancebo, saudará os espectadores desde o castro de Santa Trega, enriba da desembocadura do Miño no Atlántico. Pola súa localización estratéxica, polo seu tamaño e polos restos materiais que se atoparon nas escavacións, é evidente que este castro foi un enclave económico e cultural moi relevante. Por el pasaban as rutas do comercio marítimo co Mediterráneo e, acompañando aquel intercambio comercial, producíase unha trasfega de ideas e achegas coas que se foi enriquecendo a cultura castrexa, sen facerlle perder nunca a súa orixinalidade en ningunha das súas expresións artísticas, como a escultura, a cerámica e a ourivería.

Era a castrexa unha cultura celta? Que valor lle daban os castrexos á arte? Que significaban os torques ou as estatuas de guerreiros? Queda algo en nós da cultura castrexa? Estas e outras cuestións terán resposta esta noite nunha nova entrega de 'Os castros'.

ler máis

Os medios públicos galegos danlle visibilidade á celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero

24/11/2020

A TVG estrea hoxe o documental ‘Tódalas mulleres que coñezo’ e emite contidos relacionados con esta data, así como a campaña institucional de concienciación

A Radio Galega e as canles dixitais da Corporación visibilizarán tamén durante toda a semana os actos e colectivos que traballan na sensibilización e atención arredor desta eiva

Os medios públicos galegos danlle visibilidade á celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero

Santiago, 24.11.2020.-   A CRTVG dálle estes días visibilidade ao 25-N, o Día contra a Violencia de Xénero, ofrecendo contidos relacionados con esta data nos seus programas e espazos informativos e emitindo a campaña institucional de sensibilización da Xunta de Galicia, que busca a implicación da sociedade na loita contra esta eiva.

Hoxe mesmo, véspera do 25 de novembro, a G2 ofrece o documental ‘Tódalas mulleres que coñezo’ (23.00 h), dirixido por Xiana do Teixeiro, que conseguiu o Premio do Público no Festival Primavera do Cine de Vigo e no Alcances de Cádiz e que ofrece tres discusións interconectadas sobre violencia, xénero e espazo público. Nel, cinco amigas comparten vivencias nunha conversación íntima que é gravada e amosada nunha reunión de mulleres e posteriormente nunha clase de Bacharelato, cos consecuentes debates.

ler máis