Tito Presas, o poder da vontade

27/12/2019 10:06:32
Tito Presas, o poder da vontade

Hai empresas ou obxectivos que son sinxelos de acometer para quen se propoña; hai outras que son máis complexas e xa non pode acadalas todo o mundo; algunhas máis que resultan moi difíciles e chegar ata elas está en mans de só os escollidos. E aínda quedan metas que resultan imposibles e aínda así hai persoas moi contadas que poden abrazar o que se considera inabordable.

Este último sería o caso de Tito Presas Paz, tetrapléxico como consecuencia dun accidente sufrido hai oito anos, a quen a ciencia practicamente condenaba a vivir nunha cama de por vida, pero que hoxe é capaz de mover un dedo dunha man, descansar sentado no sofá ou nunha cadeira e ata dar uns pasos axudado por unha persoa de cada lado. Todo moi limitado, mais dun inmenso mérito tendo en conta as condicións de partida.

Todo empezou oito anos atrás, un fatídico 23 de novembro de 2011 –“o 23 do 11 do 11”, di de carreiriña, como quen da a data de nacemento-. Tito era topógrafo, ou sexa que se adicaba a facer medición de terreos para describir e representar planos e relevos dos terreos. O labor profesional levouno dun lado para outro e permitiulle coñecer moitos lugares, ademais de gañarse o sustento para poder sacar adiante á súa familia, xunto coa súa dona Fina, con quen ten tres fillas. Era un home feliz que gozaba co que tiña e co que facía, como se desprende das historias que conta das vivencias cotiáns. Por exemplo fixo moitas medicións para o proxecto de construción da Autovía AG-53 entre Santiago e Ourense, que precisamente pasa polo seu pobo, San Martiño de Bidueiros, no concello pontevedrés de Dozón, no que reside a familia.

Home inquedo e activo, un dia decidiu restaurar un vello inmoble próximo á casa destinado a usos auxiliares da vivenda principal. Ía facéndoo de vagar no tempo libre doutras ocupacións máis importantes. Cando andaba pondo as vigas para o tellado botou man da radial –“foi unha fatal casualidade, pois nunca utilizaba esa ferramenta”, lembra- para cortar un cacho de madeira e ferro sobrantes; na primeira foi ben, pero en canto chegou á parte máis dura, a maior oposición do metal fronte ó disco de corte provocou que a máquina se lle escapara das mans e saltara polo aire impactando directamente na súa cabeza, provocándolle un corte dende a fronte ata atrás, deixándoa aberta case a metade. Como consecuencia do impacto perdeu o equilibrio e caeu ó chan sufrindo co impacto unha lesión medular á altura da L4-L5.

En gravísimo estado foi trasladado ó que entón era o hospital “Juan Canalejo” de A Coruña, “que agora e o CHUAC”, di rápido o protagonista. Os malos presaxios dos especialistas foron inmediatos, tanto polas feridas que sufría na cabeza, como polo golpe na zona lumbar das costas. Tanto Tito Presas como Fina Puentes, a súa dona, contan á vez con total naturalidade como era o estado que presentaba el. “A parte seccionada da cabeza colgaba cara o ombro esquerdo”, din en ton puramente descritivo.

Recomposta a cabeza e salvada a vida, quedaba outra cuestión, non era menor, pois sufría unha tetraplexía irreversible que lle deixara o corpo paralizado agás a cabeza, aínda que nos primeiros tempos tampouco a podía mover. O balance primeiro foi demoledor: permaneceu catro días sedado, 28 días na UCI e 10 meses hospitalizado. Despois das 96 horas de sedación, Tito empezou a tomar conciencia da situación e a pesares de que non era factible establecer o grao de recuperación potencial e as posibilidades eran mínimas, decidiu dende o primeiro instante que renderse era o único que non lle aportaría nada.

A partires desa realidade, a efectos prácticos constituíronse dous “equipos”, por un lado estaba o formado pola ciencia e os seus profesionais, para os que Tito ten as mellores palabras e recoñecemento, e polo outro o conformado polos seus: a súa dona e as tres fillas, máis el mesmo. Xuntos lograron unha simbiose perfecta na que cada quen puxo o mellor de si mesmo para tratar converter en realidade calquera raio de esperanza. O proceso foi duro e longo, pois no momento da alta hospitalaria, dez meses despois do accidente, Tito non era capaz de sosterse sentado, así que dende a chegada á súa casa seguiu a pauta de rehabilitación que xa lle aplicaban mentres estivo internado. “Sen o traballo do responsable da área de fisioterapia do CHUAC seguramente nunca acadaría o progreso que logrei”, di, para engadir que “nunca lle pagarei o seu labor”.

Desde aquela desprázase dúas veces por semana -durante os primeiros anos eran tres- coa axuda da súa inseparable Fina e unha ou dúas das fillas a unha clínica de Ourense onde lle dixeron que había profesionais solventes. Así, con todo o empeño e con progresos so perceptibles a longo prazo, foi logrando o grande trunfo de sosterse na cadeira, dar uns pasos auxiliado ou a mobilidade nun dedo dunha man.  Non pode ler, como lle gustaría, pola imposibilidade de soster os libros, pero si seguir a vida de xeito confortable dende a cadeira de brazos da casa a través da televisión, na que ve documentais, concursos e “todos os deportes”. Cando o tempo mellora tamén goza da vida ó aire libre dende a perspectiva das súas circunstancias, razoablemente satisfeito e orgulloso de terlle gañado a partida ós prognósticos máis aciagos.

Compartir en Facebook