Thomas Soliewski, o home que se comunica por todo o mundo falando so polaco

01/10/2019 12:20:53
Thomas Soliewski, o home que se comunica por todo o mundo falando so polaco

 

 

Thomas Soliewski naceu en Pomerania, rexión polaca situada ó norte do país á beira do Báltico. Tivo unha infancia difícil nunha rexión e nun país devastado pola Segunda Guerra Mundial. Asegura que as vivencias daquel tempo o marcaron para o resto da súa vida e está convencido de que algunhas das virtudes e capacidades que posúe xurdiron da necesidade de atopar habilidades para sobrevivir a un entorno moi hostil e de gran precariedade.

Procede dunha familia de posibles que o perdeu todo na gran confrontación do século XX, ou mellor dito, na ocupación alemá, incluída unha parte dos seus membros. “Temos unha historia chea de convulsións e conflitos políticos e bélicos, que xa estamos predispostos para atopar o modo de sobrevivir”, di Thomas detrás da mesa dun restaurante típico de Cracovia, que comparte con representantes de programas comunitarios procedentes de varios países e rexións europeas, entre elas Galicia.

Aquel neno dos tempos da miseria, dotado de gran capacidade e intelixencia e co intelecto aguzado, derivou de adulto nun experto na xestión de iniciativas da Europa común que o levan dunha esquina a outra do territorio amparado polos lindes da Unión Europea. Presume de ter amigos por todos os sitios nos que andou traballando, extremo que confirman os seus colaboradores ó tempo que salientan a valía da súa axenda, que conforma unha extraordinaria rede de contactos a todos os niveis.

O curioso é que Thomas Soliewski so fala polaco, idioma que fóra do seu país poucos servizos lle presta, nun traballo no que se suceden reunións, encontros e xornadas de traballo con interlocutores españois, portugueses, británicos, franceses, italianos ou eslovenos, que se desenvolven en inglés e nalgún caso illado, en francés. Nos “tête à tête” ou en foros reducidos non precisa servizo de tradución: o dominio dos temas, a intuición e ducia e media de vocábulos en inglés son suficientes para que entenda o que din os seus interlocutores. Para facerse entender, en cambio, válese da extraordinaria capacidade xestual, a expresividade dos ollos, a cara e as mans, que aliña con vocábulos en inglés, francés, italiano ou español. Todos o entenden e asómbranse da súa capacidade.

Certamente, non sempre é doado, pois hai veces que a situación se atranca e non hai maneira de entender matices ou peculiaridades. Entón, Thomas bota man da súa capacidade histriónica para salvar o atranco, como cando se falaba dun programa agrogandeiro e para que non houbera dúbidas sobre as especies incluídas no mesmo, o xestor polaco ía reproducindo os sons característicos de cada unha delas con fidelidade tal, que non cabía posibilidade de dúbida para os interlocutores. Cando bala, ornea ou muxe, todos saben que se non o tivesen diante, nunca sospeitarían de que quen emite eses sons é unha persoa.

Soliewski ten especial predilección por Galicia, tal vez porque di que lle lembra á Galitzia polaca. A base de visitala converteuse nun gran coñecedor da realidade galega, do seu sistema produtivo, da idiosincrasia da xente, así como un experto en viños e alimentos típicos. Mantén relacións persoais próximas á familiaridade con persoas ás que define domo “amigos” máis alá das relación profesionais.

Un destes amigos é Xosé Manuel Rodríguez, que durante moitos anos foi xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, organismo que participa en programas europeos, nalgúns dos cales están integrados os territorios respectivos que representaban ámbolos dous. Nos seus encontros extraprofesionais sempre acababan conxurándose a desfrutar uns días de vacacións en común, acompañados de cadansúas familias, cousa que logo non se tiña producido nunca. Unha vez, Thomas decidiu tomar en serio aquel asunto e propúxolle ó seu amigo contactar máis adiante para concretar unha estadía común nalgún lugar. Caeu entón na conta que non dispuña do teléfono do admirado colega. “Entón, dirixinme a Xosé Manuel para dicirlle que nin eu dispuña do número do seu teléfono móbil, nin el tiña o meu. Así, dificilmente poderemos falar para organizar o noso encontro”, di Thomas Soliewski mentres estalla en gargalladas cando conta a resposta que obtivo: “Pero Thomas, para que queremos ter os contactos telefónicos se eu non falo polaco e ti non entendes español nin galego; e ningún dos dous sabemos máis alá dunhas cantas palabras en inglés. Esa obviedade, porén, non que desfrutaramos xuntos dunhas pequenas vacacións”.

Compartir en Facebook