Sete empresas alemás, entre as oito que máis contaminación atmosférica xeran de Europa

09/12/2019 13:49:26
Sete empresas alemás, entre as oito que máis contaminación atmosférica xeran de Europa

O cumio mundial sobre o clima (COP25) debate en Madrid a situación da contaminación atmosférica que ameaza o Planeta e busca alternativas fronte o uso de combustibles fósiles (petróleo, carbón ou gas natural), que representan a principal causa de emisión de gases de efecto invernadoiro, fundamentalmente o carbón e o petróleo, que emiten CO² no proceso de combustión. A empresa que máis contamina o ceo en España é, dende hai anos, a central térmica de As Pontes, que no último exercicio verteu 7,9 millóns de toneladas á atmosfera.

Sobre esta planta e máis a de Meirama (propiedade de Naturgy), consideradas estratéxicas para a economía galega, pende a ameaza do cese de actividade a curto prazo, incrementando a preocupación social polo impacto que o peche poida provocar. Aínda que son varias as razóns que xustifican senllas decisións empresariais, os acordos mundiais para a redución de emisións de CO², non son alleos a este proceso, dado que o Goberno Español ten anunciado para 2030 o fin da explotación deste tipo de plantas.

Curiosamente, países como Alemaña, formalmente comprometido co obxectivo da redución de emisións contemplado no Acordo de París en 2015, xa ten anunciado un período de transición máis longo, fixado para o ano 2038 segundo as últimas previsións. Todo elo, a pesar dos altísimos niveis de contaminación que xera a industria do país, que o sitúan á cabeza de Europa (sen contar Rusia).

Nos oito primeiros postos da lista das 30 empresas con maior nivel de contaminación de Europa, o país xermano ten colocadas sete centrais térmicas, que suman en total nada menos que 132 millóns de toneladas emitidas en 2018. A elas hai que sumar outras cinco entre esas trinta, que aportan 36,1 millóns de toneladas máis. O primeiro posto está ocupado pola polaca Belchatow (a máis grande do mundo, xunto coa taiwanesa Taichung), tamén térmica, con 38,3 millóns de toneladas, so superados pola planta asiática, que solta 40 millóns de toneladas anuais á atmosfera.

As centrais térmicas alemáns máis contaminantes son as de Neurath, con 32,2 millóns de toneladas anuais; Niederauße, con 25,9 millóns de toneladas; Jänschwalde, con 22,8 millóns; Weisweiler, 16,8 millóns; Schwarze Pumpe, 12,4 millóns; Lippendorf, 11,7 millóns, e Boxberg Werk IV, con 10,2 millóns de toneladas en 2018. Fronte a esta realidade de 12 empresas asentadas en chan alemán entre as de maiores emisións de CO² do Continente, España ofrece valores moito máis modestos, pois en primeiro lugar aparece a xa mencionada de As Pontes, con 7,9 millóns de toneladas, a térmica de Aboño (Asturias), propiedade de EDT, con 7,1 millóns, que está no posto número 23. No número 27, pola sua parte, figura a térmica Litoral (tamén de Endesa), con 6,3 millóns de toneladas. Entre as tres suman 21,3 millóns, por 168,1 toneladas das alemáns incluídas na lista referida, nun país con 357.578 quilómetros cadrados de superficie, moi por debaixo dos 505.944 quilómetros cadrados de España.

Incluíndo todos os sectores de actividade económica, as 10 empresas que emiten máis dióxido de carbono á atmosfera, e por tanto as máis contaminantes do mundo, son China Goal, co 14,3% do total; Saudi Aramco, co 4,5%; Gazprom OAO, 3,9%; National Iranian Oil Co, 2,3%; ExxonMobil Corp 2,0%; Coal India, 1,9%; Petróleos Mexicanos, 1,9%, Russia Coal, 1,9%. Todas elas están asentadas en países que rexeitan os compromisos contemplados no Acordo de París ou ben son moi reticentes co seu contido.

Porén, a necesidade de loitar contra o cambio climático non está exenta de considerables doses de  hipocrisía, xa que Alemaña saca peito no seu compromiso cun medio ambiente sostible, pero enche o ceo de CO² con milleiros de térmicas e siderúrxicas que queiman cantidades inxentes de carbón. Algo parecido fan Xapón ou Noruega, abandeirados na adopción de medidas contra o cambio climático a base de prescindir de combustibles fósiles e deseñar políticas medioambientais que respecten o medio ambiente, pero que multinacionais de ambos estados levan os investimentos altamente contaminantes para terceiros países sen ningún tipo de remordemento.

Especialmente paradigmático é o caso de Albras (Aluminios Brasileiro), controlada pola norueguesa Norks Hydro -a maior produtora mundial de aluminio- e a xaponesa NAAC-Nippon Amazon Aluminium Co. Ltd., formada por un consorcio de empresas dese país. Hydro controla tamén Alunorte; as dúas están situadas na área industrial de Barcarena, no estado do Pará, noreste do Brasil, onde o Amazonas desemboca no Atlántico. Durante anos véñense repetindo os vertidos incontrolados de bauxita no río Pará, tributario do Amazonas, que provocan graves danos na flora e na fauna da contorna, algúns irreparables. Os veciños quéixanse de graves problemas de saúde a causa da contaminación das augas e da terra -vómitos, náuseas, problemas respiratorios, enfermidades crónicas e incremento dos casos de cancro-, contra a que teñen posto centenares de denuncias con escasos resultados. Denuncian tamén ser vítimas de agresións -un líder comunitario morreu a principios de 2018 asasinado a tiros na súa vivenda- por parte de grupos organizados que consideran próximos ós intereses das multinacionais aludidas.

A pesar das evidencias, Hydro negou a existencia de fuga de vertidos, mais a propagación de millón de metros cúbicos de auga de cor da arxila na conca dos ríos da contorna con niveis de bauxita altamente tóxicos, obrigou á empresa a admitir “un descarte irregular” de “agua de chuvia non tratada ó río Pará”, engadindo a petición de “desculpas ás comunidades, autoridades é a sociedade”, por parte do presidente e conselleiro delegado da firma norueguesa, Svein Richard Brandtzaeg. Con todo, na web de Albras os seus propietarios afirman que “a Albras se orgulha de seu excelente clima organizacional, responsabilidade social, gestão ambiental e retenção de talentos”.

Compartir en Facebook