O vindeiro 2 de decembro remata a segunda lexislatura máis curta da democracia, con 195 días de vixencia

20/11/2019 11:34:57
O vindeiro 2 de decembro remata a segunda lexislatura máis curta da democracia, con 195 días de vixencia

O 2 de decembro rematará oficialmente a XIII lexislatura da democracia, un día antes de que se constitúa a seguinte, fixada para o 3 de decembro. Será a segunda máis curta da democracia, con 195 días de vixencia, tan só superada pola XI, que se abriu o 13 de xaneiro de 2016 e que rematou tan só 188 días despois, o 18 de xullo do mesmo ano. Nos dous casos non se logrou a elección do presidente do Goberno e, polo tanto, mantivéronse en funcións os respectivos Gobernos que proviñan das anteriores lexislaturas; Mariano Rajoy, nesta última comentada, e Pedro Sánchez, que está agora mesmo presidindo o Executivo en función. Ámbalas dúas circunstancias deron lugar a repetición das eleccións.

A terceira lexislatura máis curta foi a correspondente ás primeiras eleccións democráticas despois do franquismo, celebradas o 15 de xuño de 1977 e que se inaugurou o 13 de xullo do mesmo ano, para rematar o 22 de marzo de 1979 (618 días), dando paso á I lexislatura -a constituínte- xurdida das eleccións do 1 de marzo, primeiras desde a aprobación da Constitución en referendo celebrado o 6 de decembro de 1978 e sancionada polo Rei Juan Carlos o día 27 do mesmo mes.

O cuarto período lexislativo máis curto foi o correspondente á V lexislatura, iniciado o 29 de xuño de 1993 e rematado o 26 de marzo de 1996, cunha duración de 1002 días. Estes comicios deron a vitoria ó Partido Popular, converténdose José María Aznar presidente do Goberno, apartando así do poder executivo ó socialista Felipe González.

A quinta lexislatura na lista de clasificación de menor duración foi a XII, que comezou o 19 de xullo de 2016 e rematou o 20 de maio de 2019, con 1.035 días de actividade oficial. Pese a acabar un ano antes do prazo de 4 anos establecido para as seguintes eleccións, contou con dous presidentes; Mariano Rajoy, que foi elixido o 29 de outubro de 2016, máis de tres meses despois dos comicios, e que cesou o 1 de xuño de 2018 despois de perder unha moción de censura presentada polo PSOE, que converteu a Pedro Sánchez no sétimo presidente da etapa constituínte. O dirixente socialista adiantou a convocatoria de eleccións xerais para o pasado 28 de abril, pero non conseguiu ser investido presidente ó non acadar os apoios suficientes no Congreso.

A sexta lexislatura con menor duración foi a III, que foi desde o 15 de xullo de 1986 ata o 20 de novembro de 1989, a segunda de Felipe González, cunha duración de 1.225 días, sete meses menos dos catro anos contemplados na lei electoral. Tanto a seguinte lexislatura (IV), iniciada o 21 de novembro de 1989 e finalizada o 28 de xuño de 1993 (durou 1.316 días), como a II, que se abriu o 18 de novembro de 1982 e rexeu ata o 14 de xullo de 1986 (1.335 días), ó igual que a I, aberta o 23 de marzo de 1979 e rematada o 17 de novembro de 1982 (1.336 días), pechan o grupo das consideradas tecnicamente inconclusas.

Polo lado contrario, entre as lexislaturas de maior duración, figura en primeiro lugar a décima, que se abriu o 13 de decembro de 2011, que levou ó poder a Mariano Rajoy, e rematou o 20 de xaneiro de 2016, cunha duración de 1.492 días, sobrepasando nun mes os catro anos teóricos da lexislatura. A segunda máis longa foi a VI lexislatura, iniciada o 27 de marzo de 1996 (na que obtivo a presidencia do Goberno José María Aznar) e finalizada o 4 de abril de 2000 (1.470 días).

A VII e a VIII lexislaturas duraron practicamente os 4 anos xustos, xa que a primeira delas empezou o 5 de abril do 2000 e acabou o 1 de abril de 2004 (1.458 días), e a segunda abriuse o 2 de abril de 2004 para rematar o 31 de marzo de 2008 (1.460 días). Pecha a lista das lexislaturas completas a IX, que se abriu o 1 de abril de 2008 (a segunda de Rodríguez Zapatero como presidente), e rematou o 12 de decembro de 2011, cunha duración de 1.351 días.

Porén, a inestabilidade política non é privativa dos últimos tempos en España, pois durante o reinado de Isabel II, por exemplo, que durou 35 anos (1833-1868), houbo 36 lexislaturas, das cales a XXII, durou un só día, empezando o 1 de decembro de 1852 e acabando o día seguinte; a III durou cinco días, do 17 de marzo de 1836 ata o 22 do mesmo mes ou a XXIV, que durou 21 días, entre o 19 de novembro de 1853 e o 10 de decembro.

Nas Cortes de Cádiz, que duraron tres anos e medio (1810-14), a primeira lexislatura chegou ós 1.097 días, en tanto que a segunda durou só 147 e a terceira non pasou dos 70. E no Trienio Liberal, que abarcou outros tres anos, entre 1820-23, con oito lexislaturas, das cales a sexta durou 30 días, a sétima, 48; e a máis lonxeva, que foi a terceira, non pasou dos 145 días, ou sexa, algo menos de cinco meses.

Compartir en Facebook