María Xosé Yravedra, a arquitecta do viño

27/01/2020 12:03:20
María Xosé Yravedra, a arquitecta do viño

María Xosé Yravedra Soriano é unha muller atípica, pero que representa perfectamente a puxanza feminina no mundo da cultura, das artes e da empresa. Madrileña de nacemento e apaixonada do viño, dirixe a adega Ronsel do Sil, asentada no lugar de Sacardebois, no concello de Parada de Sil. Pero en realidade é moito máis, xa que a pesar de ser filla de Gabriel Yravedra, doutor enxeñeiro agrónomo que está considerado un dos “pais” da cultura do viño moderna en España, a súa vida transcorreu durante anos á marxe do viño ou, mellor, paralela ó mesmo.

Non tivo dúbidas en adscribirse á rama das ciencias, aínda que guiada por unha especie de alma de poeta. Estudou arquitectura na Escola Superior da Universidade Politécnica de Madrid, rematando a carreira en 1990; en 2002 converteuse en doutora pola mesma universidade. Plenamente adicada á súa profesión, os ecos do mundo do viño que irradiaba a personalidade do seu pai, seguírona acompañando a unha distancia curta. De feito, nunca o considerou alleo, senón ben familiar.

Por elo, non sorprende que en 2004 fixera un mestrado en viticultura en 2004 na Universidade de León, ou nos anos 2006 e 2007 se metera a un mestrado en viticultura, enoloxía e lexislación na Escola Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Madrid, nin que xa antes (2003) escribira o libro “Arquitectura y cultura del vino”, que foi premio OIV (Oficina Internacional da Viña e o Viño) no 2004 en París polo seu labor investigador de divulgador da cultura do viño. Ou que en 2005 participara no libro “La arquitectura del Jerez”, traballos aos que habería que engadir ducias de artigos e conferencias publicadas en revistas especializadas de enoloxía e arquitectura.

Ademais de investigar e divulgar a cultura do viño e a súa relación coa arquitectura, María Xosé Yravedra, especializouse no deseño de adegas con proxectos nos que puxo especial interese en que reflectiran o seu modo de comprender ambas culturas e deran lugar a espazos dotados dunha visión poética para lograr unha atmosfera especial que eleva a uva e o viño máis alá do que significan en outras adegas.

Paralelamente impartiu clase a futuros arquitectos, dirixiu proxectos de fin de carreira, ensinou en cursos de doutoramento e pronunciou ducias de conferencias nas que establecía a maridaxe -valga o termo gastronómico- entre a arquitectura e todo o relacionado co viño: uvas, proxectos de adegas, viños, xestión de empresas vitivinícolas ou ata a arquitectura bioclimática para as adegas de Castela e León.

A inquedanza por establecer paralelismos entre a arquitectura e o viño converteuse xa nunha constante na súa vida profesional e persoal. Nese ambiente andaba María Xosé Yravedra cando un día chegou á Ribeira Sacra e quedou admirada da súa beleza. Mirando para o Sil dende Sacardebois deuse conta que alí mesmo acababa de descubrir o lugar para facer realidade o seu soño e, de paso, o do seu pai, que sendo un referente no sector vitivinícola, nunca posuíu unha cepa. De inmediato mercou unha pequena propiedade e sobre unha pequeniña adega familiar deseñou outra que ía converter nunha especie de barco que tirara da súa inquedanza polo mundo do viño.

O inmoble foi concibido para a elaboración de viño co máximo respecto ás uvas e os caldos e a mínima intervención da tecnoloxía, facendo que pasen dun proceso a outro por decantación, eludindo os sistemas de bombeo mecánico, máis rápidos pero tamén máis agresivos co prezado líquido. Na planta superior está dotado de amplas ventás cara o río, que observado dende o interior da a sensación de que a adega está asentada no mesmo leito do Sil e mesmo navega paseniñamente. Por iso, como se fose parte natural dese proceso, bautizou aquela experiencia como chamou Ronsel do Sil, que é a imaxe que suxire no seu interior e a que hoxe saen celebrados viños.

Co paso do tempo, María Xosé Yravedra foi adquirindo máis viñedo, plantando cepas e recuperando vellos exemplares de castes nobres, algúns deles centenarios, a base de coñecemento e cariño. Empapouse do que é e que significa a Ribeira Sacra no contexto histórico e nese proceso rendeuse definitivamente á súa beleza de xeito que aquela adega que nun momento da súa vida considerou necesaria para pechar a visión dunha andadura profesional, acabou converténdose nunha filosofía de vida.

Ronsel do Sil non é so viño, senón unha idea que está aberta á cultura. Alí se celebran encontros con visitantes e tamén actos culturais como o que oficializou a incorporación do “Libro da Ribeira Sacra”, de Emilio Araúxo -considerada unha das grandes obras da poesía contemporánea- á  Biblioteca de Mesopotamia, iniciativa da que é alma mater Antón Lopo, director da Chan da Pólvora. O propio Lopo destacou a contribución do marco á brillantez dun acto para “crear sobre a xeografía da rexión silomiñota unha luminosa paisaxe literaria”.

A intensa actividade laboral e cultural chea de traballos e inquedanzas levou a María Xosé Yravedra a unha nova felicidade, que a ten ancorada a un lugar que xa so abandona para cumprir compromisos profesionais e non perder o contacto co mundo exterior.

Compartir en Facebook