Luís Trabazo, intelectual, artista e bohemio

17/12/2019 10:21:36
Luís Trabazo, intelectual, artista e bohemio

Luís Vázquez Trabazo naceu pegado ó río Miño, na parroquia de Reza, nas proximidades de Ourense. Corría o ano de 1912 e foi un neno precoz dotado dunha intelixencia singular que lle permitiu facer moitas cousas ó longo da súa vida a base de compaxinar actividades, algunhas complexas, destacando en practicamente todas elas. Morreu en 1978, ós 66 anos de idade. Co paso do tempo a súa sona e popularidade foron esmorecendo ata que o seu ronsel desapareceu no esquecemento hai xa tempo.

Foi avogado, militar, xornalista, debuxante, crítico de arte, escritor, pensador, pintor, xadrecista, intelectual reputado e polemista irredento que posuía sempre un argumento válido para levar a contraria ás maiorías sen perder a compostura nen baixar o nivel da discusión. Fixo os primeiros estudos en Ourense, cursou Dereito en Santiago, exercendo a avogacía un breve período de tempo ata o comezo da guerra civil, na que se viu obrigado a incorporarse a filas. Participou no bando franquista, destacando enseguida polas súas dotes de analista e estratego. A máis destacada tivo lugar sendo tenente, cando á fronte da súa sección tomou unha posición considerada case inaccesible para os grandes estrategos do exército franquista. A operación tivo lugar nun pobo de Alacante e valeulle, xa finalizada a contenda militar, a medalla militar individual, que era unha das máis altas distincións no mundo castrense, polo heroísmo demostrado naquela acción.

A vitoria dos “seus” no conflito bélico, que rematou co emprego de comandante, auguráballe unha prometedora carreira, con posibilidades de chegar ata o máis alto da categoría. Mais Luís Trabazo -tamén nisto fixo boa a súa fama de home singular- rexeitou a posibilidade que lle abría o exército, causando baixa no mesmo. Nesa etapa enfermou de tuberculose, circunstancia que o obrigou a períodos de longa hospitalización en Salamanca e no Guadarrama. Aproveitou a inactividade para ler, estudar e escribir. Recuperada parcialmente a normalidade -sempre foi un home feble que arrastrou as consecuencias da enfermidade de por vida- afincouse en Madrid e graduouse en xornalismo, profesión que xa non abandonou ata o fin da vida laboral, aínda que a conciliou con moitas outras actividades vencelladas ó arte e a cultura, entre as que sempre sobresaíu o debuxo.

En Madrid dirixiu unha galería de arte, unha revista literaria, colaborou na prestixiosa revista cultural Índice, foi crítico de arte en ABC -dirixido polo seu amigo Adolfo Prego, tamén ourensán, e pai da xornalista Victoria Prego-, estudou o modernismo, publicou “¿Violencia o razón?, un tratado de filosofía política no que reflexionaba sobre ambas cuestións no contexto que vivía o país naquel tempo. Superados os corenta anos de idade comezou a pintar, converténdose logo nunha firma cotizada, con exitosas exposicións na maioría das cidades galegas, pero tamén en Madrid, con notable acollida por parte da crítica e o sector vencellado á arte. A finais dos sesenta volveu a Ourense, onde mantivo a súa intensa actividade cultural, pero con maior dedicación á pintura. Publicou regularmente artigos de arte e cultura na prensa local, así como o que el considerou a súa obra máis ambiciosa, titulada “Pedra, barro, bronce”, no que estudaba a traxectoria de tres grandes da escultura galega: Antonio Faílde, Arturo Baltar e Manuel Buciños.

Morreu en 1978, a causa dos problemas de saúde acumulados, agravados pola súa condición de tísico, cando a súa obra pictórica evolucionaba de xeito que os especialistas aventuraban que podería converterse nunha figura aínda máis relevante. En 1984, a Deputación de Ourense adquiriu a parte máis destacable da súa produción pictórica (corenta e dúas obras), á que se sumaron outros cadros doados pola súa familia.

Con todo, sendo importante a figura e a obra de Luís Trabazo como home da cultura, a súa singularidade non se entendería sen as anécdotas que protagonizaba na vida cotiá, pois contribuíron a redondear a súa personalidade e a certificar a idea de que era máis que un artista ou un home culto.

Algunhas destas historias que circulan arredor da figura de Trabazo derivaron en lendas e, como tales, foron adquirindo versións nas que se lles engadían episodios ou historias que pouco tiñan que ver co orixinal. O protagonista sempre foi alleo a todo elo, pois nunca alardeou de nada nin pretendía “ser” nada; so el mesmo.

Entre as cousas contrastadas ocorridas arredor del, resulta reveladora a entrega da medalla militar individual que lle fora concedida como consecuencia da comentada acción militar heroica que protagonizou na guerra civil. A honra tivo lugar xa rematada a contenda e cando Trabazo estaba reincorporado á vida civil, nun acto de gran solemnidade celebrado en Madrid e presidido polo por Franco, xefe do Estado, coa presencia das máis altas autoridades e destacadas representacións da vida política, militar e social da época, no que se recoñecía a outros compañeiros de armas.

Iniciada a cerimonia de imposición das condecoracións, foron chamando pola megafonía un a un sucesivamente que ían saíndo ordenadamente segundo marcaba o protocolo. Cando se pronunciou o nome do “Ilustrísimo señor don Luís Vázquez Trabazo”, non apareceu ninguén. O condutor do acto repetiu o nome, pero tampouco. O home empezou a mirar cara o auditorio, a ver se xurdía por algures o nomeado, mais non houbo tal. A situación deu lugar a un xordo balbordo xerado pola concorrencia ante a estraña situación. O director do xornal ABC, coñecedor do seu grande amigo da infancia e temeroso de que a súa ausencia non se debera a algunha causa perfectamente xustificable -que o podía levar de glorioso soldado a ser considerado autor dun delito de lesa patria, aínda que so fose pola desconsideración amosada a un acto presidido polo xeneralísimo-, saltou coma un resorte do seu asento e subiu ó estrado para recoller a medalla do seu amigo.

Rematado todo, Adolfo Prego mandou que localizaran a Trabazo por todo Madrid. Cando conseguiron levalo ó seu despacho da rúa Serrano, espetoulle feito un basilisco: “Pódese saber que asunto era tan importante como para non asistir á concesión da medalla militar individual, que che impuña o xefe do estado?”. “Claro, caro amigo, para ti non podería ter segredos. A realidade foi que se me esqueceu, pero o motivo polo que non fun era importante, pois a casualidade quixo que a esa hora estivese retozando coa miña moza Marinita en Vallecas”. O director do ABC xa soubo que a discusión camiñaba cara ningures, asi que colleu a medalla e díxolle. “Bueno, aí a tes; é tua. Agora non a perdas”.

Das historias que se dan por boas na súa andaina militar está a da liberación dun grupo de soldados inimigos que acababan de ser feitos prisioneiros na toma dunha posición. Certa ou non, o que é totalmente veraz era o seu rexeitamento ós enfrontamentos armados, a pesares de ter sido parte activa nun deles que cambiou a historia recente de España.

Outro dos seus costumes tiña que ver co xadrez. Pertencía á Peña do Hotel Parque, que integraban consumados xadrecistas coma el que celebraban disputadas partidas no mítico local; facendo honra á súa condición bohemia, pouco dada ó respecto de horarios e normas, adoitaba chegar cando as partidas estaban formadas, asi que sumábase o grupo de espectadores que seguían os movementos dos xogadores, a quen ía facendo observación sobre determinadas xogadas ou sobre a estratexia despregada. Nun instante, espetáballe a un deles: “Agarda, déixame mover a min”, co cal tomaba parte activa no xogo e acababa por desbancar ó amigo que competía para seguir no seu lugar.

A súa dona, máis mozo ca el, e que aínda vive, garda a memoria do artista e intelectual, mais a importancia do seu quefacer durante cincuenta anos do pasado século está agochada pola indiferenza e o descoñecemento, apenas disimulada polos cadros da sua autoría que colgan de corredores e dependencias da Deputación de Ourense.

Compartir en Facebook