Euloxio Gómez Franqueira, o home que puxo en fuga o comando de ETA que tentaba secuestralo

23/06/2020 10:47:39
Euloxio Gómez Franqueira, o home que puxo en fuga o comando de ETA que tentaba secuestralo

Acaban de cumprirse 40 anos do intento de secuestro do entón deputado da UCD Euloxio Gómez Franqueira por parte dun comando de ETA, un acontecemento que copou a actualidade informativa en toda España. Era un momento no que a banda terrorista atacaba  con crueldade descarnada a nova democracia española, en plena transición da ditadura franquista. O grupo armado autor da operación estaba integrado por membros da organización separatista vasca, xunto con tres novos adscritos a un difuso movemento do independentismo galego, que aportaba labores de apoio e infraestrutura loxística, como o zulo situado nunha vella nave viguesa no que pretendían esconder á vítima.

Para fortuna de Franqueira, o grupo resultou bastante menos profesional do que adoitaban selo os comandos de ETA. A cousa empezou cando dous homes e unha muller tocaron o timbre da casa do político e empresario ourensán no pobo de Razamonde, concello de Cenlle. A vivenda estaba situada a carón da N-120, de Logroño a Vigo. Abriu a porta a súa dona, Sofía Álvarez, a quen pediron permiso para facer unha chamada telefónica para reclamar o concurso dun mecánico que arranxara a avaría do automóbil no que viaxaban. Unha vez dentro, anunciaron que aquelo era un secuestro e cominaron á sorprendida muller a que os encamiñara á estancia onde estaba o que era o seu obxectivo. Nese instante entraron na vivenda outros dous asaltantes, quedando fóra aínda outros dous máis. Todos eles ían armados.

Así de sinxelo. A casa da familia Franqueira carecía de calquera dispositivo ou medida de seguridade, a pesar da relevancia económica e, sobre todo, política, do seu titular. Pouco antes, o ministro do Interior, o galego José Antonio Rosón, comunicáralle persoalmente o destacado dirixente da UCD que as forzas policiais tiñan constancia de que en Galicia estaba agromando un grupo armado, instándolle a extremar as medidas de seguridade. Mais o impulsor de Coren nunca pensou que aquelo ía con el. Tal confianza -apuntalada na total tranquilidade da vida no rural-, unida á proverbial xenerosidade para axudar a calquera que estivera en apuros e coñecida polos secuestradores despois de meses de seguimento dos costumes do político e empresario, constituíron as condicións perfectas para levar a cabo a acción.

Eran as 22,15 horas. Na casa atopábanse nese instante, ademais de Franqueira e a súa dona Sofía, a súa filla María  Teresa, a filla desta -tamén chamada Sofía- e Mariña, amiga de Teresa. (Aquela novísima Sofía Godoy Gómez-Franqueira, filla tamén do ex-maxistrado e pintor Xosé Ramón Godoy, sería andando os anos presidenta da Fundación Franqueira e 2015 concelleira de Servizos Sociais do concello de Ourense, con Xesús Vázquez como alcalde. Actualmente é empresaria, co seu home, dunha puxante empresa elaboradora e comercializadora de pan de Cea).

Unha vez ante Franqueira, apuntárono ó tempo que anunciaban a intención de raptalo, a pesar de que no instante inicial dixeran que a acción era un atraco e que esixían 20 millóns de pesetas nunha hora. Nun principio tratou de facerlles fronte, pero pronto se deu conta de que era inútil, pois a súa situación de inferioridade era manifesta. O que actuaba como xefe do grupo díxolle que se cambiara de roupa -estaba en pixama- para marchar. (Franqueira e a súa  dona Sofía tiñan a maleta preparada para viaxar á mañá seguinte a Madrid). Pasou entón ó seu cuarto e entornou un pouco a porta despois de pedir un pouco de intimidade para vestirse, momento que aproveitou para coller un revólver que estaba enriba do armario e disparando sobre os secuestradores, un dos cales resultou ferido.

Aquela acción provocou que os asaltantes decidirán baterse en retirada dándose a fuga co compañeiro lesionado, a quen deixarían abandonado nun piso franco de Vigo. Todos eles foron capturados e o ferido resultou ser o xefe do comando, identificado como José Antonio Alcocer Gabaldón, alias “Zapatones”. O activista etarra sería condenado a 24 anos de cárcere e posto en liberdade cinco anos despois, amnistiado ó rexeitar a “loita armada” e asumir a vía da reinserción.

Despois daqueles feitos Franqueira, mestre, empresario e creador de Coren, o maior grupo agroalimentario de España, ademais de promotor do cooperativismo moderno en Galicia, seguiu na política como deputado de UCD. Unha vez desfeita a formación que contribuíra a fundar na Transición, impulsou e apadriñou Coalición Galega, coa que pretendía aglutinar o electorado de centrodereita galeguista e que acadou un excelente resultado nas eleccións autonómicas de 1985. Un ictus apartouno da política activa e feriu de morte o proxecto político que había posto en marcha. Morreu en abril de 1988.

Compartir en Facebook