Cibrán Sierra, un violinista galego que camiña polo Olimpo da música de cámara

11/05/2020 10:20:36
Cibrán Sierra, un violinista galego que camiña polo Olimpo da música de cámara

Din os especialistas que ter éxito na música é un labor complexo que require dunha conxunción de elementos, sen os cales é imposible acadar o obxectivo soñado, e que por enriba de todos eles ten que andar a sorte, que ás veces xoga un papel decisivo. Iso vale, seica, en xeral. Porén, para destacar na música de cámara o eixo da traxectoria ten que estar asentado no talento para o oficio.

Ese foi o faro que ten alumeado a carreira do ourensán Cibrán Sierra Vázquez, violinista virtuoso, cofundador do Cuarteto Quiroga de música de cámara, formación coa que leva recorrido medio mundo acadando éxitos espectaculares, cuxo último fito foi a obtención da cátedra de música de cámara na Universidade Mozarteum de Salzburgo, unha institución con 180 anos de historia e referencia mundial en todos os eidos da música.

Como mostra do estadio polo que se move Sierra no mundo da música sirva unha escolma das críticas sobre o concerto que deu co seu grupo en Múnic en 2013: “O que o Cuarteto Quiroga ofreceu foi unha experiencia total e ó máis alto nivel mundial. O que os seus músicos nos brindaron con elocuentes cores e un apaixonado son resultou en fascinación e esplendor. A elo hai que engadir agudeza, unha sofisticada e vehemente técnica, xunto a unha afinación que quitaba o alento, o que abriu ó público novas dimensión nas obras interpretadas. A conxunción entre os catro sobresaíntes músicos era tan elegante e elástica, que o concerto se converteu nun auténtico pracer. En poucas palabras: o mellor que se ten escoitado no xénero na nosa rexión dende hai tempo”.

Como se sabe, Alemaña en xeral e Baviera en particular, dispoñen dunha elevada cultura musical con gran número de músicos e expertos facendo que o coñecemento popular brille tamén a gran altura. Por iso o fragmento apuntado no parágrafo anterior ten especial relevancia para obter a dimensión real do grupo e dos seus integrantes.

Sierra mantén unha intensa actividade internacional como intérprete. Co propio Cuarteto Quiroga foi Premio Nacional de Música en 2018, co que obtivo outros galardóns e recoñecementos de valor, que consolidan o grupo de corda como un dos máis premiados e valorados da nova xeración europea na súa categoría. Actúan regularmente nas salas máis importantes do escenario internacional, como Berlín, Salzburgo, Nova York ou Los Ángeles, xunto con Amsterdam, Londres, Hamburgo, París, Bogotá, Bos Aires, Madrid ou Barcelona.

Pero o neno Cibrán Sierra que foi e que acaba de estrear a corentena, empezou a estudar música e violín dende a súa máis tenra infancia, sendo alumno prodixio nos conservatorios polos que descorreu a súa formación: Ourense, Vigo, Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid ou universidades de Suecia, Estados Unidos, Países Baixos e Suíza.

O seu paso por todas esas prestixiosas institución docentes foi fraguando a súa sólida traxectoria como intérprete, que lle permite ser invitado con regularidade como concertino e violinista principal por orquestras sinfónicas, de cámara e grupos de interpretación histórica en toda Europa. Colabora coa Orquestra de Cámara de Europa, a Orquestra Revolucionaria e Romántica e traballou con directores tan recoñecidos como Frans Brüggen, John Eliot Gardiner, Jordi Savall, Andrew Manze, Aarón Zapico, Sir Colin Davis, Vladimir Ashkenazy, Yannick Nezet-Seguin ou o venezolano Gustavo Dudamel, entre outros.

Como docente imparte clase na Cátedra de Cuarteto de Corda e Cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón; colabora como profesor na Joven Orquestra Nacional de España. Imparte conferencias, cursos e clases maxistrais en institución académicas de Europa e América. É autor do libro “El Cuarteto de Cuerda: Laboratorio para una Sociedad Ilustrada” e ten publicado artigos en publicación especializadas e na prensa xeneralista sobre música de cámara e educación musical.

Agora, o acceso á cátedra na Mozarteum de Salzburgo, abre unha nova dimensión na súa carreira. De feito, admite que “é unha honra formar parte desta lendaria institución como catedrático". Sinala que este fito é para un músico o equivalente ao que sería “o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) para un enxeñeiro, Cambridge para un físico, Stanford para un informático ou matemático, ou Harvard para un economista". Con todo, non esquece que, ademais do esforzo persoal, este momento é froito “das axudas e do respaldo de moita xente ó longo do tempo”.

Militante na galeguidade e no ourensanismo, ten claras as súas raíces e non perde oportunidade de subliñar o seu lugar de procedencia e a súa identificación con Galicia, país co que mantén un estreito compromiso persoal. Como ben di, na súa andaina vital e profesional hai circunstancias que lle foron marcando o camiño. Por exemplo, a influencia dos pais, xa que é fillo de Marosa Vázquez e Xosé Carlos Sierra, melómanos irredentos os dous; profesora de matemáticas e pianista a nai, integrante de coros de música polifónica ó longo da súa vida. Hoxe forma parte da corda de contraltos da Orquestra Sinfónica de Galicia. O pai, escritor e historiador, foi profesor de Prehistoria na universidade; membro do corpo facultativo de conservadores de museos do Estado, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, subdirector xeral de Museos e secretario da Consellería de Cultura. Eles exerceron unha decisiva influencia na formación do seu fillo e agora viven con lexítimo orgullo os recoñecementos profesionais que o sitúan no Olimpo da música de cámara e como un dos grandes valores xa consolidados do música en Galicia.

Nesa ruta de privilexio, Cibrán Sierra, condúcese polos escenarios tocando un Nicòlo Amati de 1682 “Arnold Rosé”, cedido polos herdeiros de Paola Modiano, que é como dicir palabras maiores no mundo do violín. Unha auténtica xoia.

 

Compartir en Facebook