Benito Jerónimo Feijóo, o filósofo galego que defendeu a igualdade de mulleres e homes hai case 300 anos

06/02/2020 11:16:17
Benito Jerónimo Feijóo, o filósofo galego que defendeu a igualdade de mulleres e homes hai case 300 anos

Benito Jerónimo Feijóo Montenegro, considerado por moitos expertos o mellor filósofo español do século XVIII, foi protagonista dunha vida singular: frade beneditino, profesor, filósofo ou escritor, pasou á historia como figura destacada da cultura, a docencia e o pensamento, como é ben coñecido. O que xa resulta menos sabido é que na súa obra adicou un lugar de relevancia á defensa da igualdade dereitos entre mulleres e homes.

Naceu no pazo de Casdemiro, parroquia de Melias, á beira do río Miño, na provincia de Ourense, o 8 de outubro de 1676 e morreu o 26 de setembro de 1764. Fixo os estudos primarios no real colexio de Santo Estevo de Ribas de Sil, no veciño concello de Nogueira de Ramuín. Alumno destacado, ós 12 anos ingreso una Orde de San Bieito no mosteiro de San Xiao de Samos, onde recibiu o hábito monástico en 1690, cando contaba con catorce anos. Estudou Artes no colexio pontevedrés de San Salvador de Lérez, Teoloxía no de San Vicente en Salamanca e ampliou coñecementos en San Pedro de Estonza, en León. En 1709 foi nomeado mestre de novicios para o colexio de San Vicente de Oviedo, onde foi abade dende 1721, ancorando a partires dese tempo a súa vida á cidade asturiana, na que conseguiu a cátedra de Teoloxía na Universidade, en cuxas aulas impartiu o seu maxisterio durante trinta anos.

Recoñecido como gran profesor, era tamén gran orador, que entusiasmaba a quen o escoitaban. Viaxou con frecuencia para coñecer a fondo a realidade física e social de Galicia, xunto coa zona montañosa de León e boa parte do territorio de Asturias. Pensador destacado e adiantado ó seu tempo, plasmou na súa obra importantes reflexións sobre aspectos ata entón considerados inamovibles na sociedade da época. Chegou a cuestionar e desmontar o que se consideraban realidades absolutas.

Entre as súas contribucións fundamentais ao coñecemento e á cultura están os nove volumes do seu “Teatro crítico universal”, escritos entre 1726 e 1740, ou as “Cartas eruditas y curiosas”, publicadas entre 1742 e 1760. Considéraselle o introdutor do ensaio na literatura española e entre a variedade de temas que o intelectual de Casdemiro abordou atópase o papel que a muller desempeñaba na sociedade do seu tempo, marcando un fito na historia do feminismo co discurso “Defensa de las mujeres”, publicado no tomo I do “Teatro Crítico”, considerado o primeiro tratado feminista en España.

A súa postura, nesta e outras cuestión, converteron ó Padre Feijóo nun autor polémico, provocando que moitas das súas ideas fosen discutidas amplamente. Entre as controversias que abandeirou figuraba precisamente a defensa da muller e a súa posición sobre a racionalidade dos froitos. Gregorio Marañón, un dos estudosos da súa obra, subliñou que “foi, ante todo, un gran mestre, dos que o son para todos e para sempre”.

Certamente a igualdade foi unha das súas preocupación, que tratou con amplitude e publicou no discurso XVI do “Teatro crítico universal” en 1726, co título precisamente “Defensa da muller”, para tentar contrarrestar o vilipendio xeneralizado ó que estaban sometidas as mulleres. Esa toma de postura custoulle continuas incomodidades a Benito Jerónimo Feijóo, pois supuña ir contra a misoxinia fortemente arraigada na historia da literatura, da man de creadores tan significados como Quevedo. Daquela considerábase á muller como causa de todas as desgrazas que lle acontecían ós homes, por iso adquire máis valor a aposta pola igualdade tendo en conta, ademais, que a súa condición de crego nunha igrexa ultraconservadora e misóxina na que el mesmo se formou. A pesares diso, rachou co patrón de pensamento imperante, o que o converteu en vítima de grandes ataques, sen argumentos, tanto dentro da igrexa como fóra dela, aínda que certamente tamén contou con algúns defensores das súas ideas.

O seu discurso feminista diríxeo ó “vulgo”, formado por persoas que propagan supersticións e ó pobo baixo e as xentes que dispoñen de coñecemento superficial. Adapta a súa teoría a ese público cunha linguaxe sinxela, pero aportando importantes referencias bibliográficas para fornecer a súa postura fronte a intelectuais ou eclesiásticos que o atacaban.

Non entendía o pensador de Casdemiro a razón de que a defensa das mulleres se interpretara “como unha ofensa a todos os homes”, ou que a atribución de tantos vicios ás mulleres puidera levar a establecer que os homes “fosen os únicos depositarios das virtudes”. Por esa razón se propuxo “discorrer largamente sobre a aptitude (das mulleres) para todos xénero de ciencias e coñecementos sublimes”.

Deixou claro que “se as mulleres non interveñen en determinadas áreas ou cuestións é polas dificultades de acceso ó coñecemento, non por falla de capacidade”. Tamén se dirixiu especificamente ás mulleres para destacar que “non son inferiores ós homes, senón que a súa situación resulta da impregnación secular dos valores asociados á superioridade destes”. Segundo o Padre Feijóo, as mulleres “deben despertar do seu letargo para tomar conciencia da súa situación”. Nas súas reflexión, non esquece incluír un recoñecemento expreso para as mulleres ilustradas.

Todo elo desenvolveuse nun contexto ben complexo e difícil en materia de liberdades, no que Feijóo Montenegro se valeu da sua habilidade e virtuosismo no manexo do vocabulario, xunto coa capacidade de argumentación, recursos cos que foi capaz de sortear, por exemplo, a censura e a inquisición.

Compartir en Facebook