Beiras, Fraga e Feijóo, os políticos que optaron máis veces á presidencia da Xunta

24/02/2020 13:00:13
Beiras, Fraga e Feijóo, os políticos que optaron máis veces á presidencia da Xunta

O nacionalista Xosé Manuel Beiras Torrado é o político galego que máis veces optou á presidencia da Xunta, como cabeza de lista do BNG en cinco ocasións e unha máis á fronte de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), despois de ter abandonado o Bloque e fundar Anova, da que sería o seu líder. A súa primeira experiencia como candidato á máis alta maxistratura de Galicia tivo lugar en 1985, aínda que cun resultado moi modesto, xa que o Bloque Nacionalista Galego acadou o apoio de 53.972 votantes, a unha soa acta de deputado, que foi a do propio Beiras. Aquelas eleccións gañounas Alianza Popular con Xerardo Fernández Albor como candidato, obtendo 516.218 votos, que lle proporcionaron 34 escanos (a dous da maioría absoluta). En segundo lugar quedou u PSdeG, con Fernando González Laxe como aspirante á presidencia, que logrou 361.948 votos e 22 deputados. En terceiro lugar situouse a recén nada Coalición Galega, impulsada por Franqueira, que constituíu a sorpresa do proceso electoral ó acadar 165.425 votos e 11 deputados, con Pablo González Mariñas como candidato á Xunta. No quinto posto quedou o PSG-EG, liderado por Camilo Nogueira, que obtivo 71.599 votos e tres escanos, quedando o quinto e último posto dos partidos con representación parlamentaria o xa mencionado BNG de Beiras.

Nesas eleccións, o electorado castigou á formación frentista polo feito de non participar na actividade parlamentaria na anterior lexislatura (a primeira dende a aprobación do Estatuto de 1980) ó negarse os seus tres deputados a xurar a Constitución, imprescindible para obter a condición de parlamentarios. O labor feito dende esa travesía do deserto reverteu a situación do partido, que comezou a mellorar en número de votos e, conseguintemente, de deputados. En 1985, o BNG sacou en Galicia 105.703 votos, con 5 deputados, que pasarían a 269.233 sufraxios e 13 parlamentarios na convocatoria electoral de 1993 ou ós 395.435 votos con 18 deputados, que constituíron o teito electoral de Beiras e do mesmo BNG, situándose como segunda forza política, por enriba do PSdeG que lideraba Abel Caballero, que non pasou dos 310.508 votos e 15 escanos.

En 2001, o BNG sufriu un leve retroceso, con 346.423 votos e 17 deputados (un menos que catro anos antes, pero aínda así mantendo o segundo posto, superando lixeiramente ó PSdeG, que encabezaba Pérez Touriño que sacara 334.819 votos e os mesmos escanos que o BNG)), resultado que foi interpretado como inicio do declive de Beiras, obrigado polos seus compañeiros a situarse a un lado -en principio- e logo dar un paso atrás, en favor de Anxo Quintana ex-alcalde de Allariz que viña pisando con forza. O problema do BNG ía máis alá do liderado de Beiras, pois en 2005 os nacionalistas perderon 35.000 votos (lograron 311.954) e 4 deputados, quedando en 13. O traspés quedaría maquillado polo baixón do PP de Fraga que o deixou a un escano da maioría absoluta, que permitiu a socialistas e nacionalistas unha coalición de goberno presidida por Touriño, con Quintana como vicepresidente. En contra do habitual, o paso polo poder non aportou a consolidación das forzas de goberno en 2009, xa que o PSdeG obtivo os mesmos deputados que en 2005 (25), pero o BNG perdeu un, despois de deixarse polo camiño outros 40.000 votos. Foi o ano do primeiro éxito electoral de Alberto Núñez Feijóo que con 789.427 sufraxios recollidos nas urnas rendéronlle 38 deputados que significaban a maioría absoluta.

O segundo candidato que máis veces aspirou a presidir a Xunta foi Manuel Fraga, que debutou en 1989 encabezando a coalición formada por PP e Centristas de Galicia, que acadarían 583.579 votos e 38 deputados, cos que faría saltar a banca electoral catro anos máis tarde ó conseguir 763.839 votos e 43 escanos, que serían o récord da historia da autonomía en deputados, aínda que non en votos, pois en 1997, o veterano vilalbés recollería o apoio de 832.751 votantes galegos, que aínda seguen sendo teito histórico en Galicia, pero baixaría a 42 deputados. En 2001, perdería 41.000 votos e outro deputado (41 en total). Fraga concorrería por última vez ás eleccións galegas en 2005, nas que obtivo 756.462 votos e 37 deputados, que abriron a xa mencionada posibilidade dun goberno alternativo que apearía ó PP do poder. Curiosamente, con case 173.000 votos menos (583.579), en 1989 bastáranlle para acadar a maioría absoluta. A perda da Xunta levou a Fraga a deixar a presidencia do partido, así como a abandonar a política galega converténdose en senador en representación da Comunidade Autónoma.

En terceiro lugar sitúanse o nacionalista Camilo Nogueira, o socialista Emilio Pérez Touriño e o popular Alberto Núñez Feijóo, con tres candidaturas a presidencia da Xunta cada un. O primeiro, liderou a proposta de Esquerda Galega en 1981, cun resultado modesto, obtendo 33.497 votos e un deputado (o propio Nogueira), superado polos 61.780 votos e 3 escanos do BNPG de Bautista Álvarez. En 1985 reverteu a situación, pasou a 71.599 votos e 3 deputados (recollendo a peaxe pagada polo BNG na lexislatura anterior ó negarse a acceder ó parlamento por non acatar a Carta Magna). En 1989, baixou a 50.047 votos e perdeu un deputado, quedándose con dous, mentres o BNG pasou a 5. Esta convocatoria foi a da certificación do declive de Coalición Galega (2 deputados), liderada por Xosé Luis Barreiro, que fora vicepresidente con Albor no principio da lexislatura anterior. En 1993, o PSG-EG e Camilo Nogueira acabarían confluíndo no BNG como Unidade Galega, baixo o liderado de Beiras.

Despois do fracaso de Abel Caballero en 1997, que situou ó PSdeG como terceira forza política en Galicia, en 2001 tomou o relevo Emilio Pérez Touriño, que acadou 334.819 votos (24.000 máis que Caballero), pero perdeu dous escanos con respecto a catro anos antes, quedándose en 17. Repetiu en 2005, rexistrando un forte incremento no respaldo popular, con 555.603 votos (teito dos socialistas en Galicia), e 25 deputados, que lle permitirían gobernar en coalición co BNG). Presentouse aínda unha terceira vez en 2009, perdendo 31.000 votos pero mantendo os 25 deputados, insuficientes para revalidar a presidencia da Xunta, pois os seus socios perderon o escano que era chave para a maioría absoluta.

Nesas mesmas eleccións, o PPdeG encabezado por Alberto Núñez Feijóo logrou 789.427 votos que lle deron 38 escanos e, por tanto, capacidade para gobernar en solitario. Volvería a repetir en 2012, ano no que pese a perder 127.000 votos, ampliou a maioría parlamentaria ata 41 deputados. O político ourensán repetiría en 2016 o número deputados e a conseguinte ampla maioría absoluta ó obter 682.150 votos, máis que os seus tres competidores (En Marea, PSdG e BNG) xuntos. Agora, volve ser candidato polo Partido Popular de Galicia por cuarta vez, co cal se converterá no terceiro político galego que foi candidato á presidencia da Xunta en máis ocasións, detrás de Beiras e Fraga.

Polo lado oposto, os que o intentaron menos veces son Francisco Vázquez, polo PSdeG (1981), Bautista Álvarez, polo BNPG (1981), Anxo Guerreiro, polo PCG (1981), Pablo González Mariñas, por Coalición Galega (1985), Xosé Luís Barreiro, por Coalición Galega (1989), Antolín Sánchez Presedo, polo PSdeG (1993), Abel Caballero, polo PSdeG (1997), Manuel Vázquez Fernández, polo PSdeG (2012), Francisco Jorquera, polo BNG (2012), Luís Villares, por En Marea (2016), Xaquín Fernández Leiceaga, polo PSdeG (2016). Con dúas candidaturas están Fernando González Laxe, polo PSdeG (1985, 1989), Anxo Quintana, polo BNG (2005, 2009) e Ana Pontón, polo BNG, que foi candidata en 2016 e repetirá o próximo 5 de abril.

Compartir en Facebook