Alemaña, Países Baixos e as débedas co coronavirus xeradas polo coronavirus

05/05/2020 11:23:19
Alemaña, Países Baixos e as débedas co coronavirus xeradas polo coronavirus

Cando a evolución do coronavirus en Europa ten paralizada gran parte da vida e a economía de varios países encabezados por Italia, España e Francia, pero que tamén afecta de xeito notable a Gran Bretaña, Alemaña, Países Baixos, e en menor medida a outros varios, a comunidade científica internacional e os estados afectados afánanse na procura de solucións para deter a pandemia. Mentres, as medidas excepcionais de illamento social e de paralización da actividade están provocando desde hai semanas un forte debate no eido económico para habilitar instrumentos que axuden aos países máis afectados a superar os efectos da grave crise desatada, de proporcións e alcance aínda descoñecidos.

Os ollos están postos na Unión Europea e no Banco Central Europeo, como máximas autoridades da Europa comunitaria no político e no económico e financeiro, sen que ata o de agora os debates e propostas achegadas polos países máis sacudidos pola covid-19 -Italia, España e Francia, apoiados polos gobernos de Portugal e Grecia, establecendo unha especie de “fronte do sur”- teñan a debida receptividade por parte dos dirixentes dos estados do norte europeo capitaneados polos Países Baixos e Alemaña, fundamentalmente.

Consideran que os do sur son xente máis predisposta á esmorga que ó traballo e máis proclives ó gasto alegre que ó aforro. Pesan nese cliché as circunstancias e as condicións dos respectivos países mediterráneos, como á abundancia de sol e temperaturas agradables que animan a facer moita vida na rúa, miles de quilómetros de costa e boa oferta económica e de infraestruturas, que os converten en destino preferido do turismo continental para pasar o tempo de lecer.

Xustamente eses viaxes de vacacións, que os visitantes viven con frecuencia con moito máis ímpeto e nun ambiente de festa rachada que os propios nacionais -que son os que traballan para prestar os servizos que os forasteiros demandan-, contribúen a pensar que quen viven da folganza son os cidadáns dos países que ofrecen hospedaxe, comida e diversión. Resulta curioso que en tal contexto, o ex-ministro holandés de finanzas, Jeroen Dijsselbloem, dixera en marzo de 2017 que os países do sur (España, Portugal, Italia e Grecia) gastan “en copas e mulleres para logo reclamar que se lles axude”. (Curioso é tamén, que a postura de censor social a exerza un país que exhibe publicamente a milleiros de prostitutas que converten de feito á cidade máis importante do país no lupanar máis grande de Europa).

Todo elo leva a unha deformación da realidade que, porén, acaba por formar parte dunha realidade que contén unha parte adulterada, abonando posturas que se veñen repetindo con frecuencia dentro da Unión Europea defendidas por Alemaña, Holanda, Austria e a maioría dos países nórdicos. Sucedeu na crise de 2008 con ocasión dos rescates de Grecia e Portugal e ven sucedendo nas últimas dúas décadas coa presión migratoria que chega do norte de África ata as costas mediterráneas e que sofren en primeira liña os mesmos países do sur, mentres os do norte se poñen de perfil para a procura de solucións mancomunadas -é un problema de todos-, deixando que os afectados se apañen como poidan.

E así volve a repetirse a situación á hora de artellar mecanismos de axuda e apoio ós países máis afectados polo coronavirus, crise sanitaria, social e económica sobrevida, que non foi buscada polos países que a sofren, senón que chegou do exterior. Os países da “fronte norte”, con Alemaña á cabeza, son conscientes da transcendencia da realidade e están dispostos a que as institucións comunitarias presten cantidades xenerosas de diñeiro para os estados que as precisen, pero coa obriga de devolvelas cos correspondentes xuros. Tal solución significaría poñer en graves dificultades económicas aos afectados -Italia e España, fundamentalmente, pero tamén Francia ou Portugal- que os obrigaría a practicar unha economía de guerra durante anos para acadar a recuperación. Francia, Italia e España constitúen, por esa orde, á segunda, terceira e cuarta economías da UE, respectivamente.

Pero a historia non sempre foi así e os países agora reticentes a socializar a solución do problema económico e social derivado dos efectos da covid-19, atravesaron dificultades en distintas épocas da historia contemporánea en que precisaron axuda xenerosa da comunidade europea e internacional como consecuencia dos danos sufridos e das débedas xeradas pola súa participación en grandes conflito armados nos que resultaron derrotados. No caso de Alemaña, mesmo xerados ou alimentados por ela, como foron as dúas grandes guerras do século XX.

Finalizada a Primeira Guerra Mundial, estimouse que Alemaña debía 131.000 millóns de marcos de ouro (31.500 millóns de dólares da época) a case un cento de países acredores, que debería saldar a través do establecido no Tratado de Versalles (1921), cousa que non fixo xa dende o ano seguinte, circunstancia que levou que Francia e Bélxica se anexionaran á riquísima conca do Ruhr (carbón e aceiro, importantísimos naquel tempo) como compensación. En 1924, a través do Plan Dawes, implantouse unha cota anual de 1.000 millóns de marcos para que o estado xermano fose amortizando débeda, mais en 1931 pediu unha moratoria porque a cantidade que abonaba proviña directamente dun préstamo concedido polos Estados Unidos (tamén concedían axudas Reino Unido, Holanda e Suíza), que estaba sufrindo as consecuencias do crack de 1929. En 1933, co acceso de Hitler ao poder, decretou a suspensión definitiva do pago da débeda.

Despois veu a Segunda Guerra Mundial e Alemaña volveu a ser derrotada -xunto cos seus aliados-. En 1945, a imaxe de Centroeuropa era de destrución e desolación, con moitos millóns de mortos e milleiros de infraestruturas destruídas que significaron a bancarrota total. Para tratar de buscar unha saída, as potencias vencedoras firmaron o 27 de febreiro de 1953 o Acordo de Londres, no que a grandes trazos se establecía unha condonación de case o 63 por cento da débeda e unhas condicións moi vantaxosas para o pago da cantidade restante, moi por enriba das establecidas para ningún outro país. Ese foi o principio da estabilización da RFA que xa en 1958 comezou a recibir inmigrantes de outros países (españoles, italianos, portugueses e, sobre todo, turcos), contribuidores netos ó que enseguida se chamaría o “milagre alemán”, xunto cas xenerosas subvencións e axudas de Estados Unidos e outros estados). O pago da súa débeda histórica finalizou en 2010, case un século despois do inicio da I Guerra Mundial, na que se xerou a débeda.

Bulgaria pagou unha parte das responsabilidades contraídas no primeiro gran conflito armado mundial, mentres que Austria e Hungría non asumiron ningunha indemnización debido á situación de quebra das súas economías. O goberno austríaco é dos que hoxe se mantén na liña dura de esixencias ós países que reciben axudas da UE.

Holanda, o outro dos acredores inflexibles da UE, goza dunha extraordinaria posición económica, apuntalada na súa gran industrialización, pero tamén na súa condición de paraíso fiscal “de fato” para moitas multinacionais establecidas no resto dos países da UE. Esa política permite que compañías que producen en España ou calquera outro país comunitario tribute nos Países Baixos a un tipo sensiblemente inferior ó que correspondería no lugar no que ten a actividade.

Esa estratexia ilegal e desleal cos socios comunitarios foi motivo de que a UE acusara a Holanda e máis a Bélxica de prácticas (“trazos” compatibles cos paraísos fiscais, lle chamou), que no último exercicio do que hai datos lle aportaron o primeiro país 9.000 millóns de euros de empresas que operan en España, Italia e Francia, que sitúan ós Países Baixos no cuarto lugar da clasificación mundial de paraísos fiscais en 2019.

 

Compartir en Facebook