A transformación, materia pendente da castaña galega

02/04/2020 13:01:33
A transformación, materia pendente da castaña galega

Galicia é unha potencia en produción de castaña, cuns 20 ou 25 millóns de quilos por colleita, aínda que nos últimos anos houbo unha redución importante no rendemento dos castaños debido ó dano xerado pola “avispilla do castaño”, pequeno insecto que se instala nas follas do castaño e cría as larvas entre as follas, debilitando a árbore e lastrando de forma substancial a produción. Curiosamente, esta especie invasora chegou a España no 2012 a través de Cataluña procedente de China, igual que a vespa velutina (depredadora de abellas e grande ameaza para a apicultura galega) e o temible coronavirus que hoxe ten en vilo a medio mundo e nomeadamente a España, con gran número de vítimas mortais e centos de miles de persoas afectadas.

No que se refire á castaña, a acción da “avispilla” parece que está entrando no camiño da neutralización co concurso do “torymus sininsis”, un parasito do mencionado insecto que está sendo soltado polos soutos galegos con gran eficacia e que fai albergar fundadas esperanzas na eliminación dun grave problema.

Con todo, sendo un quebradeiro de cabeza para produtores e autoridades do ramo, os expertos apuntan que non é o único problema do sector en Galicia e, tal vez, nin o máis importante. Coinciden todos en que o maior lastre está no abandono de moitos soutos nos que non se recolle a castaña. Estimacións conservadoras apuntan a que máis das tres cuartas partes do froito que dan os castaños queda na terra sen apañar, de xeito que unha colleita tipo de 20 millóns de quilos suporía que quedarían na terra arredor de 80.000-85.000 quilos desperdiciados.

Galicia é a primeira produtora de todo o Estado, con moita diferencia sobre todas as demais (sete veces máis que Castela e León, Andalucía e Extremadura xuntas, que son os territorios que lle seguen en importancia), sendo referente na elaboración e exportación de produtos como o marrón glacé. Ademais dispón dun destacado potencial no mercado mundial, respaldado pola calidade, como apunta o profesor Santos Arenas, coautor do estudo “Como mellorar a capacidade forestal en Galicia”, no que se reseñan grandes importantes oportunidades, mais levando a cabo unha importante transformación previa.

Trátase de resolver problemas atávicos pendentes. O primeiro, a dimensión das explotación, aspecto no que Xosé Carballido, ex-director xeral de Estruturas Agrarias da Xunta, coincide con Arenas. Para o enxeñeiro ourensán, en Galicia hai arredor de tres millóns de hectáreas de territorio e 13 millóns de parcelas, o cal implica que o tamaño das parcelas é moi reducido. Polo tanto, a seu xuízo, resulta necesario reducir número de parcelas, incrementar o tamaño da explotación e mellorar os accesos e infraestruturas. Iso de xeito xenérico, apunta.

Resulta curioso, segundo a súa tese, que contando con instrumentos técnicos e disposición por parte das institución públicas para abordar esa transformación e modernización do monte galego -nomeadamente dos soutos- a base de limpar, ganar tamaño e mellorar as comunicacións, sexa tan difícil de levar a cabo.

Para Ramiro Quintana, mozo alaricano que hai sete anos fundou “Petelo” cun seu irmán e que comparte o potencial da castaña, porén ve na estacionalidade “a súa maior debilidade”. Por iso, alén do éxito comercial da castaña confeitada polo mundo adiante, impuxéronse dende o primeiro momento a estratexia “de lograr que o consumo da mercadoría que recollemos en poucos días ou semanas se estenda ó longo do ano”. Para elo, sen abandonar a tradición, abriron varias liñas de negocio destinadas a diversificación produtiva: brise de castaña (triturada), castaña pilonga, fariña de castaña, galletas de castaña e bica de castaña. O seu obxectivo pasa tamén pola recuperación de “hábitos culinarios esquecidos”. Esta transformación permite multiplicar o prezo por catro, cinco ou seis veces con respecto á venda da castaña recen recollida ós intermediarios.

Neste senso, o produtor Anxo Losada abunda na necesidade de “afondar na transformación elaborando produtos a base de castaña que xa funcionan en Portugal, Francia ou Italia, por sinalar so tres países de tradición castañeira, con menor superficie cultivada pero optimizada de tal xeito que produce moita maior rendibilidade que en Galicia”. “En resumo -indica- traballan menos e gañan máis”, logrando colocar no mercado “máis dunha trintena de produtos elaborados a base de castañas ou con castañas”.

Compartir en Facebook