A Galicia baleira: o illamento como forma de vida

26/03/2020 10:27:12
A Galicia baleira: o illamento como forma de vida

O estado de alerta decretado polas autoridades para tratar de frear a expansión da epidemia do coronavirus levou aparellada a inmobilización de toda a actividade que supón a aglomeración de persoas, agás servizos de emerxencia, básicos ou de primeira necesidade. A paralización, implantada con carácter xeral, cambiou a face dos núcleos urbanos e o sistema de vida tradicional. As autoridades gobernativas e as sanitarias insisten machaconamente na importancia do illamento da poboación para poder controlar a propagación do virus.

Malia a aceptación resignada do confinamento, o seu cumprimento supuxo un auténtico golpe na liña de flotación do modo de vida tradicional da sociedade moderna. Mais, non para todos igual, posto que hai un sector de poboación no rural máis apartado da vida urbana, nomeadamente nas áreas máis interiores da Galicia rural, que compoñen o que nos últimos tempos se deu en chamar a “España baleira”, da que forma parte a “Galicia baleira”, na que a  norma de quedarse nas casas para evitar o contacto cos demais e, con elo, o contaxio do virus, é unha práctica da vida diaria dende bastantes anos antes de que chegara a pandemia.

Moitos núcleos rurais galegos -a maioría deles nas provincias de Lugo e Ourense- contan os seus habitantes cos dedos das mans ou cos dunha soa, que aínda sobra en aldeas nas que quedan catro, tres, dúas e ata unha única persoa como residente. Ocupan o tempo coidando vacas, ovellas ou algún porco, e traballando a terra, nunha loita desigual para evitar que quede a ermo mentres dura esa etapa da vida que é a antesala do inevitable.

Nesa monotonía existencial resulta doado non toparse con alguén un día, varios ou unha semana. Da casa ó eido ou ó lameiro e de alí para a casa. Os forasteiros que ata alí chegan tamén se contan cos dedos: profesionais da venda ambulante que achegan os produtos de primeira necesidade (pan, peixe, carne, limpeza e outros artigos de tenda, repartidor do butano…), con frecuencia variable segundo os casos e segundo o número de potenciais compradores. Nalgúns casos, máis ca un negocio a presencia dos vendedores é un servizo social que se convirte no cordón umbilical que une ós residentes -vellos, sempre- co mundo urbano.

Pepe do Cádavo encolle os ombros cando se lle pregunta polos efectos do confinamento, mentres afirma que “aquí facemos o mesmo de sempre”. O plural compóñeno el, outros dous matrimonios e unha veciña viúva que vive no fondo do pobo un día habitado por medio cento de familias.

A poucos quilómetros, en Furís de Cima, xa no concello de Castroverde, quedan tres casas abertas (en Furís de Baixo son algunhas máis). Xaquín e Pepe teñen unha explotación leiteira que ronda o centenar de produtoras na que veñen investindo de xeito constante dende hai anos para situarse nos niveis de competitividade esixida nun sector tan duro como o lácteo. Aínda que a casa familiar está aberta, ningún dos dous reside no pobo, pois ó rematar a xornada despois de munguir e acomodar o gando, cámbianse de roupa e collen o coche cara Lugo, onde residen coas súas respectivas familias. So queda algún deles se algunha vaca está enferma de preocupación ou se prevé que poida parir de noite.

No seu caso, a rutina da soidade rómpena de cando en vez o veterinario ou algún comercial ofrecendo maquinaria ou aparellos para mellorar a explotación. Polo demais, “é moi raro que veña alguén por aquí”, así que non é preciso que se esforcen para evitar encontrarse con alguén e moito menos verse nunha concentración de xente.

Nos Fiós, na parte alta de Parada de Sil, viven Ovidio, viúvo, e o seu fillo Carlos. O pai ten coidado das vacas do fillo mentres este anda ó transporte de gando cun camión. Para el o confinamento non dura dúas nin catro semanas, senón que é a súa forma de vida. Ten piso en Ourense, onde residiu ata que morreu a súa dona. Logo foise co fillo. O fin de semana súmanse dúas familias, que veñen traballar as terras e coidar o patrimonio e no verán súmanse tres ou catro familias máis. O patrón do pobo é o San Amaro, que se celebra o 15 de xaneiro, pero como nesa data non hai máis que os solitarios veciños, hai anos que decidiron trasladar a festa para o último fin de semana de agosto. Para elo reúnense nun xantar comunitario medio cento de comensais, todos fillos do pobo, espallados por Ourense, Vigo e Barcelona, maioritariamente, de onde retornan cada ano para honrar ó patrón e revivir o pasado na terra onde viron a luz. En Teimende, un quilómetro e medio máis abaixo, o único coche que se ve no pobo, agarda nun alpendre a chegada dos donos, como case todos os que naceron alí, agás catro. Hai máis de 40 casas pechadas.

Parada do Sil é dos concellos incluídos no censo virtual da Galicia baleiro que foi perdendo poboación paseniñamente durante o último medio século ata chegar ós cincocentos habitantes. Curiosamente, o esforzo levado a cabo polos gobernantes locais nos últimos anos na promoción turística e impulsando a actividade económica nos sectores da viticultura e a castaña, converteuno no enclave de referencia da Ribeira Sacra que está logrando reverter a situación de morte anunciada á que estaba abocado. Hoxe, na capitalidade do concello funcionan regularmente cinco restaurantes e varios establecementos hoteleiros, ocupados por centos de visitantes que se achegan cada fin de semana e que en temporada alta fan insuficiente a oferta para acollelos. Baste como exemplo o último agosto, no que máis de doce mil persoas pasaron polo mosteiro de Santa Cristina e case 1.300 polo Museo do Chocolate de Teimende.

As medidas derivadas da expansión do coronavirus decretando o peche dos establecementos comerciais e a eliminación do turismo, deron paso á vella imaxe do pobo baleiro xa esquecida, no que as modernas ou rehabilitadas edificacións ofrecen un aspecto fantasmal. Xa non veñen nin os familiares dos maiores internos na residencia da terceira idade. Non é preciso vixilancia para evitar aglomeracións ou facer gardar as distancias de seguridade.

Compartir en Facebook