Estados Unidos, o destino máis descoñecido da emigración galega ao longo dun século

26/03/2020 09:52:27
Estados Unidos, o destino máis descoñecido da emigración galega ao longo dun século

A emigración constitúe un dos fitos de Galicia nos últimos dous séculos, que marcou a historia desta terra e tamén de outras comunidades do Estado. No caso galego, os destinos maioritarios foron prioritariamente a Cuba no último terzo do século XIX e na primeira metade do XX, aínda que a partir dos anos trinta dese século comezou a diminuír progresivamente conforme ía aumentando o éxodo cara a Arxentina (radicándose moi maioritariamente Bos Aires). O destino da América austral empezara tamén no XIX, porén de xeito moi minoritario fronte ás cifras que rexistraba o país caribeño. Co cambio de século, a balanza foise inclinando de forma lenta pero constante para a puxante Arxentina, que ofrecía oportunidades de futuro para os galegos que escapaban da necesidade máis absoluta.

Como mostra, sirva apunta que en febreiro de 1917 saían dos portos de Vigo e A Coruña dez veces máis galegos con destino a Cuba que para a Arxentina. Trinta anos despois, coincidindo coa etapa de maior esplendor do goberno de Juan Domingo Perón, o fluxo migratorio galego cara os dous países referidos, inverteuse case exactamente, pois os que partían cara o país sureño superaban nove veces ós que o facían cara a illa de Cuba.

Mais a diáspora galega dese período-o mesmo que a de outras comunidades españolas- tivo no punto de mira distintos destinos do continente americano, si ben con cifras moito máis modestas, como Brasil (no mesmo febreiro de 2017 emigraron 58 galegos, case dez veces menos que á Arxentina e vinte veces por baixo das pasaxes a Cuba), México (dez galegos nese mes) ou Uruguai (nove).

Chama a atención que a ningún español se lle ocorrese marchar para Colombia, Cota Rica, Chile, Guatemala, Nicaragua, Panamá, Perú, Puerto Rico, Santo Domingo ou Venezuela, onde recalaron seis españoles pero ningún galego. Pese á estatística concreta referida, Uruguai recibía nesa época algúns emigrantes galegos que marchaban directamente para o país ou que daban o salto desde Arxentina, na procura de máis fortuna da que recollían alí, pois sen as oportunidades que ofrecía o Gran Bos Aires, Montevideo era unha cidade solvente nun país estable, cuxos bancos custodiaban moitas das fortunas do hemisferio sur americano, rivalizando con Suíza en Europa ou Trípoli no norte de África. Tamén Venezuela acollería a decenas de miles de galegos dende a década dos corenta ós setenta do pasado século, moitos dos cales fixeron fortuna e se labraron un nivel de vida a acomodado como pequenos comerciantes e empresarios.

Pero hai outro país, Estados Unidos, que sen cifras espectaculares, acolleu un fluxo regular de emigrantes galegos e españoles ó longo do último século e medio. A maioría deles, asentados na costa Leste e, como noutros países da diáspora, destacaron pola súa laboriosidade e capacidade de emprendemento. Porén, historicamente a emigración ó Norte de América foi a que menos transcendencia tivo, agás en pobos ou comarcas concretos, onde o efecto chamada de familiares e veciños que marcharan antes levaba a moitos a escoller ese destino.

Agora, a Fundación Consejo España-EE.UU., logrou colgar nunha espectacular exposición no centro Conde Duque de Madrid, fondos escritos e gráficos desa emigración, capitalizados maioritariamente por testemuñas de asturianos e galegos, na que se pode admirar unha escolma dos documentos recollidos ó longo dos anos polos herdeiros daqueles emigrantes. A raíz da iniciativa naceu do labor investigador levado a cabo por James D. Fernández, catedrático da New York University, descendente de asturianos, e o periodista e cineasta español Luís Argeo, igualmente vencellado á emigración. Os dous comisarían a mostra despois de ter recollido e dixitalizado máis de 15.000 imaxes e outros documentos por 16 dos 50 estados dos Estados Unidos, que abranguen de 1868 a 1945.

“Emigrantes invisibles. Españoles en EE.UU. (1868-1945)”, que é como se titula, constitúe unha extraordinaria historia colectiva apenas coñecida ata agora. Foi inaugurada a finais de xaneiro e tiña previsto permanecer ata mediados de abril, aínda que dende non se pode visitar dende a semana pasada debido decisión gobernativa de pechar os centros culturais, descoñecéndose cal vai ser o seu futuro unha vez rematadas as medidas extraordinarias en vigor.

A presentación do acto inaugural estivo a cargo do portavoz do colectivo organizador, Anthony Carreño, autor do libro “Invisible inmigrants”, quen afirmou emocionado que “meus avós emigraron a Tampa (Florida), dende Asturias entre 1905 e 1909. Esta exposición recoñece e valida a historia dos nosos antepasados; a nosa historia colectiva foi documentada e preservada” de xeito que antes da mesma “éramos invisibles e agora somos moi visibles”. Insistiu na importancia da mostra, xa que permite reconstruír unha historia da emigración, maioritariamente integrada por galegos e asturianos, “que estaba a punto de desaparecer para sempre”.

A exposición está dividida en seis capítulos que percorren as etapas da viaxe que os emigrantes puideron facer na súa aventura vital, reflectida en máis de trescentos documentos gráficos, nos que hai fotografías persoais, documentos de viaxe, películas caseiras, obxectos e recordos. O conxunto amosa un mosaico histórico no que se recoñece perfectamente o movemento migratorio no que Galicia puxo a parte do león con respecto ó conxunto do Estado e que, por outra parte, se parecen como unha gota de auga a outra ás experiencias vividas no resto do continente americano.

Compartir en Facebook