CRTVG

Buscar

Luar

Luar. Semana coa infancia: "Agora non podemos parar"

21/11/2014 22:00 h

No marco da Semana coa Infancia, en que os medios públicos galegos están a desenvolver, en colaboración con Unicef, unha programación específica de sensibilización sobre os dereitos dos rapaces e rapazas á saúde e contra a mortalidade infantil, o programa “Luar” volve involucrarse un ano máis coa causa e ofrece esta noite unha edición especial para recadar fondos e co obxectivo de superar a cifra conseguida o ano pasado.

Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro, que actuarán como “mensaxeiros” da campaña “Agora non podemos parar”, realizarán ao longo do programa continuos chamamentos para que a audiencia galega se una á Semana coa Infancia, ben chamando ao 905 44 60 28, ben enviando SMS coa palabra AXUDA ao 28028. Neste labor de chamamento e sensibilización, os presentadores de “Luar” contarán coa colaboración de rostros moi coñecidos dos espectadores galegos para que a recadación de fondos sexa o máis alta posible. Así, personaxes como os ex-ciclistas Álvaro Pino e Óscar Pereiro, o ex- baloncestista Fernando Romay, a presentadora Paula Vázquez e os actores Manuel Manquiña, Xosé Barato, Miguel Ángel Blanco e Antonio Garrido uniranse a esta campaña solidaria.

Outro artista que se sumará hoxe a “Agora non podemos parar” é David Bustamante, un dos valores máis sólidos do panorama musical actual e un dos cantantes máis vendedores da última década, que, ademais de arrimar o ombreiro para conseguir doazóns, presentaralles aos espectadores da TVG o seu novo disco. Máis de 12 anos despois do seu debut e case tres e medio despois do seu último traballo, Bustamante regresa con “Vivir”, o seu álbum máis pensado, meditado e traballado, que supón a evolución artística máis relevante da súa carreira.

En representación da música da terra, destacan este venres as actuacións da Pandeireteiras Loaira, da Agrupación Folclórica Xilbarbeira, do grupo Taghaití e da Banda de Gaitas do Concello de Chantada.

Neste programa solidario de “Luar” tamén haberá tempo para celebrar unha nova edición dos concursos de talentos “Vai de Gaita” e “Recantos”. No primeiro, participarán esta semana Judith Iglesias e Miguel Sanromán; mentres que, no segundo, tocaralle a quenda a Pablo Couto, representante da comarca do Miño, e a Carla e Marta, procedentes da Costa da Morte.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: