CRTVG

Buscar

Especial

Noite de San Xoán desde A Coruña e Panxón

23/06/2015 22:30 h

A Televisión de Galicia non deixará pasar a ocasión de celebrar unha noite tan máxica como a de San Xoán cunha programación especial. Deste xeito, para entrar en materia, a canle autonómica ofrecerá un espazo que afondará nas lendas e nas tradicións de San Xoán e a continuación transmitiranse en directo as celebracións en dúas das localidades galegas en que esta festa conta con maior raizame: A Coruña e Panxón.

Todos os anos, o 23 de xuño á noite, os máis supersticiosos e os máis festeiros realizan varios rituais para aproveitar as enerxías da noite de San Xoán. A TVG comprobará en que consisten algúns deles, como a recollida das herbas que se deixarán en auga e ao aire libre toda a noite para ao día seguinte lavar a cara con esa auga. Outro dos clásicos desta noite son as falcatruadas e os espectadores coñecerán algunhas das máis singulares.

Pero se por algo destaca San Xoán é polo lume, que serve como catarse para queimar o que se quere deixar atrás e darlle paso ao novo. A canle autonómica achegarase aos ritos e costumes arredor das fogueiras, onde non poden faltar nunca unhas boas sardiñas mollando o pan.

Unha vez contextualizada a festa, chegará o momento de vivila por todo o alto. Lucía Rodríguez conducirá un programa especial que conectará en directo coa Coruña e Panxón, onde estarán Bernardo Montaña e Marta Doviro, respectivamente, para saber como está a transcorrer a chamada noite meiga.

Declarada de Interese Turístico Nacional, a festa de San Xoán vívese con especial intensidade na cidade herculina, onde cada ano nomean unha Meiga Maior, nesta ocasión, Tania Pintor, e as súas damas de honra coas que falará Lucía Rodríguez. Ademais, cunha visita á praza de Lugo, o programa saberá a que prezo van as sardiñas, un elemento gastronómico imprescindible na festa, e se este ano hai abundancia o escaseza, como pasou o ano pasado.

En Panxón, no concello de Nigrán, o San Xoán é ademais festa local, con varios días de celebracións. Pero, sen dúbida, o momento álxido chega ás 00.00 h. do 24 de xuño, cando se prende a gran lumeirada. Os espectadores da TVG comprobarán como veciños e turistas da localidade se preparan para este momento máxico, co que se lle dá a benvida ao verán.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: