CRTVG

Buscar

Panorámica

A etiquetaxe obrigatoria do leite e derivados lácteos

19/01/2019 - 14:15 h

A partir da semana do 22 de xaneiro os consumidores disporán de máis información para elixir entre diferentes marcas de leite, iogures ou queixos. Todos os envases e etiquetas deben indicar a orixe do leite, tanto do país onde se muxiu como, se é necesario, do país onde se transformou.

Tanto produtores como consumidores vén positiva a medida, pero, nalgúns casos, insuficiente. Uns confían en que aumente o consumo de produtos locais e que se reduzan as importacións de leite que, segundo os gandeiros, empuxan os prezos á baixa.

Segundo unha enquisa da Unión de Consumidores de Galicia, máis do 97% dos galegos queren que se informe sobre o lugar de orixe dos produtos que consomen. Unha medida do goberno central aprobada por Real Decreto no mes de setembro e que dende o 22 de xaneiro será obrigatoria e que Anxo Quintela aborda nesta reportaxe na que recolle opinións, declaracións e análises de Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias; Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación; José Luís Antuña, director xeral de CLUN; Hixinio Mougán,director xerente de AGACA; Ricardo Rivas, subdirector xeral de Industrias e calidade Agroalimentaria da consellería do Medio Rural; Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia; Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

Programa de reportaxes presentado por Celia Rúa