CRTVG

Buscar

Zona Mixta

O Compos ameaza con non xogar o play-off: "Non pode ser que nos teñamos que facer cargo de todo se hai un contaxio"

28/05/2020 - 15:13 h

Antonio Quinteiro, presidente da S. D. Compostela, pasou por Zona mixta e na Radio Galega aclarou por que non están satisfeitos coa disputa da promoción de ascenso á 2ªB:

"Non nos gusta nese documento que nós teñamos que facernos cargo de todo se hai un contaxio: responsibilidade, cargos de tipo sanitario, etc. Cremos que a Federación Española non se pode deslindar disto".

Sobre motivos sanitarios e de seguridade afirmou: "Como sabemos se un xogador, calquera persoa, se contaxia fóra do play-off e logo vén a responsabilidade para nós. Si que pedimos que os 18 primeiros ascendesen directamente, pero unha vez que non se aceptou, estamos noutro tema, no duns cartos que non temos".

Aínda que considera que "si que estamos capacitados para os labores de desinfección e facer os test que nos achega a Federación (á cal agradecemos o xesto), pero máis alá diso cremos que non nos competen as responsabilidades que se imputan a cada equipo, vai máis alá do que podemos facer".

Ao preguntarlle por unha posible incompatibilidade entre a queixa e o cargo do vicepresidente do club compostelán, comentou: "O vicepresidente da Futgal é Javier García, si, directivo da S. D. Pero a medida vén de Madrid e nós estamos queixándonos desa medida separando tamén a institución das persoas neste caso. A S. D. Compostela amosa o seu enfado polo caso, como non pode ser doutro xeito".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso