CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Fútbol e atletismo para pechar o 2020 na Radio Galega

28/12/2020 - 16:11 h

Os últimos días do 2020 están cheos de deporte na Radio Galega. O mércores, desde as sete da tarde, Pedro Pablo Alonso dirixe a retransmisión do partido da Primeira División entre o Celta e o Huesca. Hai pouco máis dun mes, os dous equipos compartían postos de descenso, pero desde a chegada do Chacho Coudet o equipo vigués aupouse á zona media-alta da clasificación, a un punto dos postos europeos. O cadro oscense, pola súa banda, segue sen mellorar e na actualidade é o penúltimo, a tres puntos da salvación.

Desde o estadio de Balaídos encargarase da narración do xogo Roberto Carlos Carballo, mentres Víctor López intervirá na rolda de preguntas das conferencias de prensa posteriores que os oíntes tamén poderán escoitar no Galicia en goles, que prolonga a súa emisión ata as dez da noite.

A partir das once, o programa Ao contraataque analizará cos especialistas o partido e o resto da xornada na Primeira División. Antes, ás tres, Zona mixta estará no Pepe Barrera para falar do Enma Cuervo, o tradicional trofeo de verán que organiza o Ribadeo e que este ano trasladouse as datas de nadal.

O xoves, o equipo deportivo da Radio Galega contará ás sete da tarde o que suceda nas principais cidades e vilas galegas coa clásica San Silvestre, a carreira atlética que pecha o ano deportivo. Desta volta, só as cidades de Santiago e Ourense optan pola fórmula tradicional da participación presencial, mentres na Coruña e Pontevedra, por exemplo, a competición é sobre un circuito virtual. Toni López conectará co equipo de reporteiros para falar cos atletas destacados.