CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jorge Cuesta, adestrador do Celta xuvenil:"O positivo de todo isto é que os rapaces vexan que se aposta polo da casa"

27/05/2020 - 15:17 h

O adestrador do equipo xuvenil do RC Celta, Jorge Cuesta, pasou pola Zona Mixta da Radio Galega para valorar que os seus xogadores vaian disputar a máxima competición europea, a Youth League.

Falaba primeiro da propia competición e o futuro: "é unha mágoa este final de temporada, pola situación en xeral. Nós tivemos a sorte da boa nova da recompensa da Youth League. Agora hai que ver se se acaba xogando. Hai tantas incertezas a todos os niveis que é imposible: menores de idade, viaxes fóra do país... Vexo xogadores co nivel para poder xogar no primeiro equipo ou participar, pero agora non están adestrando co Celta. Seguro que algún deles, con esta situación, vai ter a oportunidade de xogar uns minutos ou incluso algún partido completo"

Sobre a parte negativa, Jorge Cuesta dicía: "O negativo, que os xogadores que temos agora van lucir máis e outros se poden fixar neles. Pero isto é un risco que aceptamos. Estamos aquí para formar xogadores para xogar no máis alto posible. Nós temos que facer ben as cousas, sen medo dos que poidan marchar. O xuvenil todos os anos incorpora igual tres ou catro xogadores, que igual non son da casa, pero ben preto normalmente. O positivo para os rapaces, que vexan que se aposta polo da casa. Non entenderían que se cambiasen dez xogadores para o ano. Facemos o que faciamos ata agora"

Pensa que o club vai manter, como sempre, intacta a política de canteira en xuvenís e cara abaixo: "Eu creo que o Celta vai seguir apostando, polo menos desde o xuvenil para abaixo, pola mesma política de xente de aquí. Seguiremos incorporando 2 ou 3 xogadores de fóra como moito. Traballaremos sempre co que teñamos, que é o noso. Gustaríame manter a Iker Losada, si"

E xa sobre a revelación da tempada, Iker Losada, confiaba en que seguramente xa non volva contar para eles, senón que voará máis alto: "Está claro que Iker Losada está nunha situación especial. Se non sigue no equipo B, imos darlle oportunidades na Youth League se fai falta, por suposto"

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso