CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Vanessa Sotelo, xogadora ourensá do Alcorcón F. S.: "Podo entender o Futsi, pero hai que xogar un play-off, nós farémolo"

05/06/2020 - 15:49 h

A ourensá Vanessa Sotelo, que xoga no Alcorcón, pasou polos micros de Zona mixta para falar da decisión do Futsi de non xogar o play-off polo título no campionato nacional de fútbol sala.

Comezou falándonos de como leva o confinamento e cando espera marchar cara a Madrid: "Levo tres meses aquí en Ourense e fixen moito exercicio, non parei. Non sei se estou para xogar ao fútbol sala ou para crossfit, pero estou preparada. Vivín todas estas semanas con esta incerteza, que cando volva a Madrid vai seguir no aire. Que non pase nada".

Polo menos, contounos, tivo tempo para estudar: "Aproveitei o tempo para os estudos, hoxe mesmo tiven un exame. Estiven entretida con iso, os días faríanseme eternos se non fose por isto. Aínda así, é complicado estar enganchada como ao principio, e manter unha rutina".

Tamén falou da decisión do Futsi e do que pensa sobre o que non queiran xogar o play-off: "Respecto moito a decisión de Futsi. Nós adestraremos 2 semanas e non 3-4 como os equipos de aquí de Galicia cara ao play-off e intentaremos ser competitivas. As rapazas de Futsi vían moita incerteza e enténdoo. Todas temos que ser moi responsables agora, confiemos que non haberá perigo e que saia todo ben".

E sobre o novo sistema de resolución do campionato dixo: "Temos que amoldarnos a este sistema novo de play-off que xa estaba decidido antes da pandemia. Unha vez que se dixo que ía ser exprés, pois aceptámolo e levarémolo a cabo, pero insisto en que entendo a posición de Futsi de pedir que as dean a elas como campioas".

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso