CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións xerais, final

29/04/2019 - 08:03 h

O que pasou onte foi máis ou menos isto. Que Pedro Sánchez lle deu unha vitoria ao PSOE a base de dúas cousas: facer a mellor das campañas e utilizar o Consello de Ministros de xeito electoral. Fronte a iso tivo un Partido Popular que, como dixemos moitas veces aquí, non soubo facer unha campaña de crear ilusións, senón que foi o partido do non. E cando non se crean ilusións, senón que se basea en críticas e pactos ocultos non demostrados, a xente desengánchase e non vota.

O resultado por arriba foi que Sánchez conseguiu que o PSOE volvese a gañar despois de once anos, cando parecía un partido en descomposición, e o PP conseguiu a peor derrota electoral de case toda a súa historia. Polo medio, houbo un Ciudadanos que conseguiu a rendibilidade derivada de ser o máis moderado, e puido conseguir moito máis se non cometese o erro da foto de Colón e de verse incluído nas chamadas tres dereitas. Unidas Podemos ía perder aínda máis do que perdeu, pero resucitou un pouco despois de ver a Pablo Iglesias no debate de Atresmedia moito máis moderado e cun programa discutible, pero concreto. En canto a Vox, non tiña voto oculto, como tanto se dixo. O que tiña era un voto demasiado visible. E cando se falaba de que podía chegar a setenta deputados ou máis, o votante chegou aos colexios electorais e pensouno dúas veces. Os trinta ou máis que dicían as enquisas ou os setenta ou máis que dicía o rumor quedaron en 21. Vox é un fenómeno que entra con forza relativa, pero non desbarata a ninguén que non sexa o PP. Outra nota engadida é o ascenso de independentismo máis radical, que fará que Esquerra e Bildu, xuntos, terán un grupo parlamentario de vinte escanos, que non é pouco.

Agora vén a gorda, que é facer goberno. Podería ser con Ciudadanos, pero Sánchez, se o pensa, ten dous problemas: as súas bases, que esta noite berraban "con Rivera non", e o propio Ciudadanos, que foi coherente co predicado na campaña e esta noite presentouse como partido da oposición. Ademais, Sánchez non quererá deixarlle a Podemos a exclusiva da oposición de esquerdas.

Así que o máis probable é unha coalición de esquerdas con Podemos. Suman 165, a once da maioría absoluta. Poden intentalo, aínda que sairía un Goberno Frankenstein, pero dominado polos grandes da esquerda, asunto delicado para os mercados, que poden entrar en pánico. E a Sánchez o que lle gustaría sería o que dixo na campaña: Goberno socialista con persoeiros independentes, e recibir os votos e adhesións que lle queiran dar os independentistas e o resto de partidos sen pedir nada a cambio. Máis ou menos, como na moción de censura. Sería unha situación parecida á anterior, pero con 39 deputados máis. Sánchez decide. Todo está por ver.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia