CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ence

29/03/2019 - 08:05 h

Non descubro o Atlántico se digo que a batalla de Ence, a batalla da celulosa de Pontevedra, é o típico e clásico conflito entre os intereses ecolóxicos e os intereses económicos ou de emprego. O que pasa agora é que, por mor da querela presentada no xulgado, se está convertendo na tormenta perfecta onde non falta de nada. A eses intereses hai que engadir a sorprendente posición da empresa, que empeza a falar da carestía da madeira galega e dos salarios que se pagan en Galicia e da inseguridade xurídica que transmite o Goberno español ao renunciar a defender unha decisión do Goberno precedente, que foi o dun ilustre pontevedrés chamado Mariano Rajoy. Así que imos por partes.

A decisión de Rajoy de prolongar a vida útil da celulosa por un período de 60 anos foi unha pasada dende o punto de vista ecolóxico. Pero foi, ao mesmo tempo, un período razoable, se se ten presente que unha empresa necesita tempo por diante para planificar investimentos. E foi moi polémica, porque chocou cunha vella demanda de retirar a fábrica pola contaminación que producía. Agora, segundo aseguran todas as fontes consultadas, os investimentos ambientais que se fixeron lograron que Ence non sexa contaminante. Polo menos, asegúrase que cumpre iso que se chama estándares ambientais. É fea, porque é un estafermo na ría, pero non parece que cause danos á saúde.

Dende o punto de vista económico, trátase de manter ou aumentar o número de postos de traballo, que caerían se Ence pecha. Fálase de 5.500, que é un número moi alto de familias que quedarían condenadas ao paro. Se houbese solidariedade rexional, teríase en conta nun momento en que está aberta aferida de Alcoa e outras. Galicia non se pode permitir outra perdado seu tecido industrial.

E chámame moito a atención o que empeza a dicir a empresa: a carestía do produto e da man de obra. O que en Alcoa é a luz, en Ence sería a materia prima, que é a madeira, e os salarios. Iso xustificaría que os investimentos se trasladarían a Navia, en Asturias, e eu non teño claro que madeira e traballo sexan máis baratos en Asturias que en Pontevedra. Simplemente non o creo. Penso qué é máis unha desculpa que unha razón real.

E o peor de todo, con perspectiva do Estado, é que o Goberno de Sánchez non defenda no xuízo o que fixo o Goberno de Rajoy. O que iso traslada ao mundo investidor é unha imaxe de inseguridade xurídica incompatible co Estado de Dereito. Quen quere investir nun país onde as decisións económicas dependen da cor do Goberno do momento? Conclusión: se se mata Ence, mataranse moitos postos de traballo e matarase a confianza en todo o país.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia