CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

CIS setembro

27/09/2019 - 07:39 h

Se o comentarista desta enquisa fose o pai de Julio Iglesias, diría: “É rara, rara, rara”. E eu engado que un pouco rara si que é. Primeiro, polo método de traballo: o señor Tezanos, presidente do CIS, unhas veces conta só o voto directo e outras aplícalles a cociña. Á de onte tocoulle cociña, e pode ser porque o voto directo a Pedro Sánchez baixou máis de 3 puntos dende o anterior barómetro. Con cociña, o PSOE sae mellor, e Tezanos puxo o gorro de cociñeiro. Non podía deixar que a xente pensase que o socialismo se esboroa. E así, o retrato que sae é que Pedro Sánchez dobra a Pablo Casado en intención de voto. Unha auténtica goleada: PSOE, 34 por cento; PP, 17 por cento.

A outra rareza non é atribuíble ao CIS, pero afecta os resultados: o traballo de campo, é dicir, a realización das entrevistas, fíxose antes de que Errejón anunciase que se presentaba e, polo tanto, Errejón non ten ningún voto. Non existe. Co cal, dá igual o que diga da intención de voto de Unidas Podemos e do PSOE. Os acontecementos políticos corren máis que as enquisas do CIS e estas quedan vellas nada máis nacer. Ao PSOE e a Podemos hai que quitarlles, polo menos, os nove escanos que tamén onte lle daba o ABC ao partido Más País.

Tamén se fixo o traballo de campo antes de que fracasasen as negociacións para a formación de Goberno. Aínda non había o clima de cabreo que hai coa clase política. E así resulta unha cousa un pouco simpática: os dous partidos que fracasaron no seu diálogo son os que saen máis favorecidos na foto e son os que máis medran, 5 puntos e medio o PSOE, máis dun punto Podemos. Iso si que é raro, raro, raro: os causantes directos do fracaso son os premiados pola opinión. Non é doado de crer.

Logo temos a contradición entre este barómetro e as enquisas privadas. Mentres estas anotan, como moito, unha levísima mellora do PSOE e un claro crecemento do PP ata cerca dos cen escanos, o CIS só lle dá ao Partido Popular unha mellora de catro modestísimas décimas. Pode ser que os enquisadores do CIS atoparon pola rúa máis socialistas que os enquisadores privados, pero non me parece unha explicación moi científica.

E no que coinciden todos é na desfeita de Ciudadanos. Teño escrito por aí que Albert Rivera paga esta rolda. Razóns non lle faltan pola viraxe que fixo á dereita e polo cordón sanitario a Pedro Sánchez. Polo que se ve, benquerido Valiñas, o que a fai, págaa. Pero, en conxunto, a enquisa do CIS só serve para anotar que un 43 por cento da poboación segue cabreada cos seus políticos. E o 10 de novembro van ser os mesmos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí