CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jesús Domínguez, presidente da plataforma de vítimas do Alvia: "O PP e o PSOE botan terra e non queren que se chegue ao fondo das causas do sinistro"

27/02/2020 - 08:35 h

A plataforma de vítimas do accidente do tren de Angrois (Santiago) ocorrido en 2013 insisten en pedir unha investigación seria e independente para determinar as verdadeiras causas do sinistro.

Case sete anos despois do accidente, acusan ao PP e ao PSOE de quereren ocultar o ocorrido.
"O PP e o PSOE non queren chegar ao fondo da cuestión. Fixéronse moitas cousas mal para levar a alta velocidade a Galicia. Levouse unha pseudoalta velocidade sen a seguridade correspondente e o resultado foron 80 mortos e máis de 140 feridos".

"Aquí, durante os catro ministros que pasaron por ese asunto, é un tema que non se quere tocar. Non se quere chegar ao fondo e é unha proba de que as cousas se fixeron mal".

"Aquí tanto o PP como o PSOE botan terra e non queren que se chegue ao fondo. A verdade é que é unha pena. Eu son un afortunado porque eu sobrevivín a aquel accidente a pesar de conservar secuelas, pero estar aí outra vez cos pais que perderon os fillos, a xente que perdeu os seus familiares, ter que estar loitando, ir concentrarse outra vez máis... A verdade é que entristece e di moi pouco das nosas institucións e dos nosos políticos".

Jesús Domínguez quéixase dun "trato inhumano" por parte dos diferentes gobernos de Rajoy e Sánchez, xa que "queren que nos cansemos, e máis ou menos funciónalles". Segundo di, os dous executivos tentan alongar o asunto á espera de que a opinión pública se vaia esquecendo.

O presidente da plataforma di que onte mesmo, despois de se concentraren ás portas do Congreso dos Deputados, o xefe de gabinete do Ministerio de Fomento chamou para concertar unha xuntanza, pero Domínguez afirma que non irá "para facer a foto", senón que acudirán en canto o ministro anuncie oficialmente que vai haber unha investigación polo miúdo. "Non queremos que nos sigan tomando o pelo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia