CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Néstor Rego advirte de que o seu apoio aos presupostos do Goberno non está garantido: "Nós xa cumprimos co voto favorable á investidura de Sánchez"

27/01/2020 - 09:00 h

O BNG está disposto a dialogar co Executivo central sobre o seu apoio aos presupostos, pero advirte que iso non está contemplado no pacto de investidura que asinou con Sánchez. Así o explicou no 'Galicia por diante' o deputado nacionalista Néstor Rego, quen apuntou que a súa disposición a votar a favor das contas dependerá de como se vaian materializando os compromisos do Goberno con Galicia.

Entre eses compromisos están as bonificacións da AP-9, que serán "do cen por cento para os viaxeiros recorrentes que fagan dúas viaxes ou máis no día. Quen faga unha viaxe de ida e volta no día terá a viaxe gratuíta", remarcou. No tocante á gratuidade do treito da autoestrada entre Vigo e Redondela, Rego di que a súa aplicacion precisa que haxa presupostos e lembrou que o pacto asinado co Goberno especifica que a medida se executará "ao longo da lexislatura".

Tamén se referiu Rego á reclamación dos cartos que o Estado lle debe a Galicia en concepto de recadación do IVE. O nacionalista reclama que a Xunta opte pola vía xudicial para obter os cartos e reparte as culpas da débeda entre o PSOE e o PP: "O asunto do IVE vén de 2017, cando aínda gobernaba o PP".

O mesmo opina sobre os atrasos na chegada do AVE a Galicia. Sobre as últimas explicacións do ministro de Fomento, Rego alega que as explicacións de populares e socialistas sobre este asunto sempre son "unha desculpa" sobre a falta de compromiso co AVE galego.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí