CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo: "Galicia saíu moi ben parada na Fitur"

27/01/2020 - 08:19 h

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixo balance na Radio Galega da presenza de Galicia na feira de turismo Fitur, celebrada ata onte en Madrid. O conselleiro sacou un balance positivo e indicou que os expositores de Galicia foron dos máis visitados, con 78.000 persoas interesándose polos destinos que ofrece o noso país.

Rodríguez destacou especialmente a parte profesional, en que as empresas do sector manteñen contactos para darse a coñecer e facer negocios de cara aos próximos meses.

"Aí é onde Galicia saíu moi ben parada. Fomos acompañados do Clúster. Houbo practicamente 350 reunións con sectores empresariais e todo isto é o que despois xustifica e nos fai entender o porqué dos bos datos turísticos de Galicia".

"Foi unha parte profesional tremendamente involucrada, tremendamente innovadora, con moita confianza no futuro, con moitas ganas de sacar adiante proxectos e cunha parte máis institucional onde xestionamos o que é o destino desde o punto de vista físico, patrimonial, paisaxístico, institucional".

"Reunímonos con diferentes países, asinamos catro acordos de colaboración con catro empresas para promover e financiar o Xacobeo... Como conxunto, nun chequeo integral. Galicia estivo moi ben representada en Fitur. Nos mil metros cadrados do expositor, estivo Galicia".

Na entrevista no 'Galicia por diante', o conselleiro tamén pediu máis colaboración do Goberno central, do que dixo que "vai a outra velocidade", "necesita coller rodaxe" e "ten que facer máis" para promover o Camiño, "que é marca España".

Tamén apuntou que "non é crible" o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, ao afirmar que o AVE a Galicia estará rematado en tempo para o Xacobeo. "Despois do de Venezuela, a credibilidade do ministro é moi xusta".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia