CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Félix Rubial: "A tendencia é moi preocupante. Se non podemos dobregar a curva, teremos que reforzar as medidas"

01/10/2020 - 08:12 h

O xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, recoñece que a evolución do coronavirus na cidade de Ourense e na provincia é "moi preocupante" e apela á responsabilidade individual para "dobregar a curva de contaxios", a maioría vencellados a gromos no ámbito familiar e social.  

Nunha entrevista no Galicia por diante, Rubial destacou que a taxa de incidencia do virus na cidade de Ourense é case tres veces superior á media do conxunto da comunidade. Na provincia, dixo, é de case o dobre.

"Estamos a falar dunha situación moi preocupante agravada pola estrutura demográfica que temos, coa taxa de envellentamento máis alta de España, e cunha transversalidade na infección. Somos a área sanitaria con maior número de pacientes hospitalizados e nas unidades de coidados intensivos", explica Rubial.

Alerta o xerente da área sanitaria que o 28 por cento dos pacientes ten máis de 65 anos e di que é "un dato preocupante porque duplica os resultados no resto de Galicia".

No día en que entrou en vigor a limitación a cinco persoas nas reunións na cidade das Burgas e co Barco de Valdeorras entrando na lista de concellos con restricións, Rubial non descarta endurecer as medidas se non se acoutan os contaxios.

Salienta que a situación en Ourense é distinta ao resto de áreas sanitarias e cidades galegas cun "incremento paulatino de gromos con carácter familiar a social. Aquí hai un pequeno cúmulo sostido no tempo que non somos capaces de dobregar e obriga a adoptar medidas adicionais. Non quero ser agoreiro pero se non somos capaces de dobregar a curva, teremos que reforzalas máis", apunta.

Félix Rubial confía en que as medidas que se están a adoptar axuden a frear os contaxios pero considera que "é imprescindible que tomemos consciencia da responsabilidade individual" porque estase a "relaxar as medidas de protección no ámbito familiar e social". Sinala que "hai que volver e incidir nese aspecto e que todos tomemos consciencia desta realidade. Así seremos capaces de evitar maiores restriccións e manter a situación controlada".

O xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras asegura que a presión hospitalaria é "razoable, pero moi perigosa porque é crecente". Segundo Rubial, neste momento na área sanitaria hai sesenta pacientes de coronavirus hospitalizados en planta e oito ingresados nas UCIS. Non descarta que nas próximos días haxa un incremento de ingresos ante o aumento de contaxios.

Rubial fai un chamamento ante a chegada do outono: "Ourense é unha provincia que vive o outono dun xeito especial, pero temos que vivilo de xeito especial, pero protexidos, se non lamentaremos o impacto destas celebracións con máis afectados e, polas nosas características demográficas, con máis casos graves e máis letalidade".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia