CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Antonio Zan: "Non debera permitírselle a unha multinacional que pase por riba de dous gobernos"

30/09/2020 - 08:21 h

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, apela á dirección da empresa para que "rectifique" na súa negativa a vender a planta da Mariña e volva á mesa de negociación coa Xunta e Goberno central".

Nunha entrevista no Galicia por diante, Zan asegura que "non debera permitírselle a unha multinacional que pase por riba de dous gobernos". Di que non entende a actitude de Alcoa "coa pouca diferenza de millóns que hai non ten sentido que Alcoa se metera nisto. Debe rectificar, sentarse a negociar e buscar unha saída".

Explicou que este mércores, en asamblea, aprobaranse os servizos mínimos para a folga indefinida convocada a partir do domingo e continuarase co bloqueo para que non saia aluminio da fábrica.

"A xente está moi cohexionada e iso debería facer recapacitar a Alcoa para se sentar", afirma o presidente do comité de empresa.

Cuestionado sobre a posibilidade de que Xunta e Goberno central acudan á vía xudicial para evitar o peche, Zan recoñece que "é un camiño incerto. Chegar aos xulgados serían malo para a multinacional e para nós. Xudicializar o tema sempre é un problema pero se o teñen amarrado... nós o que queremos é que acabe con acordo satisfatorio para todas as partes".  

Zan cre que a intervención debe ser a solución se a compañía norteamericana non recapacita.

"Deben facer o que están dicindo. Agora mesmo ou demostramos que somos un país europeo ou que somos unha república bananeira. A multinacional riuse de todos e continúa con este espectáculo. O goberno da Xunta e o Central deben facer algo porque non se pode permitir o atropelo a dous executivos de xeito tan claro", sostén.

Confía Zan en que Liberty House, interesada en mercar a planta, manteña o interese pero asegura que "cun marco enerxético estable hai moitas empresas que comprarían a factoría", se Alcoa acepta a última oferta que pasa por vender a planta á SEPI.

O presidente do comité de empresa recoñece a unidade de acción dos dous gobernos de distinta cor política e compromete que os traballadores "loitaremos cóbado con cóbado con eles para que as cubas non paren".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia