CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A. Taboada: "O ideal sería vacinar o 80-90% dos galegos para evitar a coinfección co coronavirus e o colapso do sistema"

29/09/2020 - 08:19 h

O xefe do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, José Antonio Taboada, recomenda na Radio Galega pedir cita previa para vacinarse da gripe. Están á disposición da poboación máis de 800.000 doses, pero cómpre organizarse.

"Ao principio, non acudir masivamente aos centros de saúde, senón chamar e pedir unha cita, porque dependendo de cada punto, dos recursos, das posibilidades, pois, dirannos como nos podemos vacinar", precisa Taboada. "Non só temos as vacinas en número suficiente, senón que ademais temos 900 puntos de vacinación en toda Galicia".

A campaña comeza dentro de dúas semanas, o 13 de outubro, e queren evitar as aglomeracións nos centros de saúde, nestes tempos de pandemia. Hai tempo, porque porán vacinas ata o 31 de decembro.

Os sanitarios serán os primeiros en vacinarse, a partir do luns, e despois comezarán a inmunizar ós que máis o precisan: maiores de 60 anos, embarazadas e grupos de risco. Sanidade afirma que este ano é especialmente recomendable poñer a vacina da gripe, porque non se sabe como será a coincidencia co coronavirus. Estiman que o ideal sería vacinar entre o 80 e o 90% dos galegos "para evitar a coinfección co coronavirus e tamén o colapso do sistema sanitarios. Son dous riscos que hai que evitar", precisa José Antonio Taboada.

No hemisferio sur, que serve de referencia para Europa, a gripe tivo este ano unha incidencia moi baixa. Taboada explicou que foi pouco virulenta. Aínda así, recomendou a todos vacinarse, por se acaso.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia