CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Raúl Blanco: "Hai un proxecto viable e aquí o que falta é que Alcoa sexa responsable social e moralmente"

28/09/2020 - 09:15 h

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, non oculta o seu malestar ante a decisión de Alcoa de romper as negociacións e rexeitar a proposta de que o Estado compre a planta de San Cibrao para venderlla a Liberty.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Blanco entende que a dirección de Alcoa está a actuar de mala fe e, tras avaliar a actuación da compañía nas últimas semanas, conclúe que "parece que hai unha estratexia premeditada de ter o monopolio do aluminio primario".

Blanco defende o traballo "en bloque" realizado polo ministerio de Industria e pola Xunta nas últimas semanas para conseguir a venda da planta de San Cibrao a un socio industrial "viable" e cun "proxecto industrial a 20 anos".

"Nós levamos ao máximo as capacidades do marco xurídico constitucional e comunitario para realizar esta operación. Traballamos conxuntamente os dous gobernos en bloque. O acordo estaba moi preto e cando Alcoa veu o acordo tan preto volve á posición inicial de non vender e abocar á Mariña a un conflito laboral", apuntaba.

O secretario xeral de Industria asegura que "a vontade dos gobernos e dos traballadores segue. Hai un proxecto viable e aquí o que falta é que Alcoa sexa responsable por unha vez socialmente e moralmente".

Raúl Blanco confía en que a compañía norteamericana recapacite pero non descarta que as administracións adopten medidas máis contundentes porque "isto foi o que se puido facer desde o ámbito industrial e económico. A partir de agora, se Alcoa vai ao conflito haberá conflito laboral e haberá outra parte da administración que non será amistosa. Hai unha decisión dos dous gobernos en bloque para que o aluminio primario se faga na Mariña".

"A partir de agora, as administracións tomarán decisións e xa non irán na liña de tan amistosas ou de chegar a acordo. Veremos que sucede", advertía Blanco.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia