CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Conde: "Agardamos que Alcoa volva ao sentido común e finalice o proceso de negociación que abandonou"

28/09/2020 - 09:06 h

O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, acusa a dirección de Alcoa de actuar de "mala fe" despois de que a empresa rexeitara a última oferta consensuada entre Xunta e Ministerio de Industria. Unha proposta que pasaba pola compra, por parte do Goberno central, da planta de San Cibrao para venderlla despois a Liberty.

"Alcoa foi mundando a súa posición ao longo destas últimas semanas e sempre poñendo escusas", asegura Conde nunha entrevista no Galicia por diante.

O vicepresidente segundo da Xunta insta a dirección de Alcoa a "recapacitar" minutos antes da xuntanza deste luns.

"Intentaremos trasladar a Alcoa que volva á senda do sentido común e que se chegue a un acordo. Alcoa está traizoando a confianza que todas as partes lle demostramos neste proceso, que é que a venda se fixese en condicións razoables. Estanse a poñer todos os medios e por iso nos parece imposible entender a actitude de Alcoa. Parece que non lle serve ningunha solución", apunta o conselleiro.

Ao preguntarlle sobre que medidas adoptaría tanto o Goberno central como a Xunta se Alcoa non recapacita e vende a planta de San Cibrao, Conde asegura que "non imos desbotar ningunha medida nin de carácter legal, desde o punto de vista xurídico nin desde o punto de vista administrativo. Non temos outro obxectivo que manter a actividade productiva da planta de San Cibrao. Se o obxectivo de Alcoa é outro, si se atopará de fronte coas dúas administracións".

"Levamos moitos anos traballando para que Galicia e España produzan aluminio primario e unha empresa de xeito unilateral non pode confrontar cun país nin coa Unión Europea. Esperemos que Alcoa se volva a razóns e polo tanto acepte finalizar ese proceso de negociación que estaba culminado e que abandonou de xeito unilateral", engadía o conselleiro.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia